crítica de EN BRANCO E NEGRO (Pere Tobaruela, Baía Edicións)

O POSITIVO E O NEGATIVO

Título: En branco e negro

Autor: Pere Tobaruela

Editorial: Baía Edicións

A vida está chea de aspectos positivos e outros negativos, a persistencia duns non debe agacharnos os outros. Por iso o título de En braco e negro de Pere Tobaruela. Esta pequena novela técese desde dous fulcros temporais. O sincrónico, que nos conta a relación entre Sara Martí e Manuel. E o diacrónico, que nos conta a historia da familia de Manuel. Entre os dous vanse alternando sucesivamente na lectura que a autora implícita, Sara Martí, dispón para nós nos doce capítulos de que consta a novela. Unha novela que conta un aspecto novidoso dentro da literatura galega e ben pouco tratado na castelá: o proceso de independencia de Guinea Ecuatorial, pois alí é onde se asenta Ferran, o avó de Manuel, en terras dun seu parente que lle ofrece traballo. O traballo é duro nos cafetais, mais casa cunha negra e entón sente o desterro a Mongomo, pois non estaba ben visto que os europeos casaran coas negras. Mais este aspecto negativo, o traballo é aínda máis duro na plantación de cacao de Mongomo, vese contrarrestado polo grande amor que existe entre Ferran e María. Paralelamente cóntase a historia da relación entre Sara Martí e Manuel. E nesta historia paralela e sincrónica hai cabida para tratar un monte de temas, pois Sara Martí é xornalista e publica artigos de opinión nun diario local, Coses Nostres.

Os artigos de opinión de Sara Martí, sempre suxeridos polo que se leu antes, polas vivencias da propia Sara, dan entrada e temas como os campos de exterminio nazis, a condición de muller na sociedade actual, o patrimonio e o urbanismo, a mestizaxe ou a guerra dos Balcáns. E tamén a personaxes da cultura catalá (como Sandra Balcells, Jaume Vicens i Vives, Jaume Sans, Gemma Lienas…) ou europea: Goethe, Eckerman. Todos eles son empregados pola voz crítica de Sara Martí nos seus artigos de opinión, uns artigos moi pertinentes que serven para poñer de relevo circunstancias onde o ser humano actúa con pouco humanismo, xa sexa nos campos nazis, no trato ás mulleres, na desconsideración do patrimonio, na reivindicación da mestizaxe como compoñente cultural central da nosa vida, ou na guerra dos Balcáns. A necesidade da voz crítica é unha reivindicación que Pere Tobaruela, que chega a ficcionarse a si mesmo, quere deixar ben clara.

Detrás dalgúns personaxes de ficción desta novela hai un anaco de vida ou opinións de personaxes de carne e óso (100). Declara Sara Martí no remate da novela, e cítaos por orde alfabética: Sandra Balsells, Josep María Espinás, Edmon Gimeno, Ferran Iniesta, Edgar Morin, Sylvia Oussedik, Bru Rovira, Jordi Savater Pi e Josepa Truyols. Pois esta é unha novela de ambientación catalá aínda que os fomentadores, tema moi do autor, nesta ocasión diríxense a Guinea Ecuatorial. Unha Guinea Ecuatorial que nos é presentada antes da emancipación de España e despois, coa terríbel ditadura de Macías. Este proceso de independencia é ben pouco coñecido a pesar de que ten lugar nos anos 60 do pasado século, moito máis preto de nós do que parece, sendo a derradeira colonia española se excpetuamos o caso dun Sahara que aínda hoxe non ten ben definido o seu status pois a descolonización foi unha desfeita da que se aproveitaron algúns países pero que non deixou de ser convulsa e aínda hoxe hai reivindicacións do pobo saharauí.

A novela está contada cunha axilidade narrativa salientábel, que fai que en ningún momento deixe de ser unha lectura interesante e emocionante. Con ser unha novela pequena, dá para moito. Para e emoción propia da historia de Sara e Manuel, para a ilustración da historia colonial e postcolonial de Guinea Ecuatorial a través da familia de Manuel, e para e meditación sobre algúns asuntos de plena actualidade.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

w

Conectando a %s