crítica de MUDANZAS E OUTROS VELENOS (Marilar Aleixandre, Galaxia)

TRES POEMARIOS DE MARILAR ALEIXANDRE

Título: Mudanzas e outros velenos

Autora: Marilar Aleixandre

Editorial: Galaxia

Tres poemarios reuniu Marilar Aleixandre nesta nova publicación. Tres poemarios de difícil acceso que agora aparecen xuntos, centrais na produción poética da académica Marilar. Catálogo de velenos (2001), Premio Esquío de poesía e do que no seu día fixemos recensión, Abecedario das árbores (2006) e Mudanzas (2006), Premio Caixanova. Así que nesta crónica libresca atenderemos o segundo e terceiro, que son os que nos quedan por recensionar.

Abecedario das árbores é un poemario en aparencia sinxelo. O poemario encétao un poema co mesmo título có libro, e é unha reivindicación do valor que as árbores deben ter neste mundo tan tecnificado, tan artificializado, onde tantas veces son contempladas como un estorbo para o progreso poñendo a funcionar as chapodadoras que deixen impoluto o camiño a unha nova autopista, unha nova rúa, un novo froito do que entendemos como progreso. Porque neste mundo esquecemos a verdadeiro valor que teñen as árbores para que a vida siga sendo viva. Se aínda hai vida é porque aínda hai árbores, así de simple, o día en que non haxa árbores xa non haberá vida, extinguirémonos. O poema funciona tamén como presentación do que despois se poderá ler, que é un poemario estruturado en catro partes como catro son as estacións do ano:

“Inverno”, “Primavera”, “Verán” e “Outono”.

Cada poema vai dedicado a unha árbore, unha árbore central, o que non impide que poidan aparecer outras tamén, árbores dunha estación. Cada poema leva un título que é unha letra, pola que comeza ou que contén o nome da árbore, ou un nome en gaélico, xeito de reivindicar tamén unha cultura en perigo, a gaélica, así como a unión ou interferencias que poida ter coa cultura galega. Parce así un caderno de campo en que se van anotando as impresións poéticas que producen as diversas árbores. Os poemas son curtos, caben nunha páxina, e son unha mestura entre descritivos e interpretativos. Ser descritivos é case unha obriga, pero non se limitan a iso, á descrición da árbore, e dan cabida á interpretación da vida que os rodea, vida que tamén está nos ollos da voz poética, nos ollos, na memoria, na experiencia da voz poética, de xeito que xa no primeiro poema parecen os espectros de Dachau e Mauthausen.

Bidueiro, acacia, magnolio, plataneiro, tamarindo, teixo e ciprés son as árbores de inverno, e nelas podemos observar árbores exóticas que nos indican que o poemario vai ser un esculcar na memoria vexetal da voz poética, máis que cinguirse a unha determinada xeografía. Abruñeiro, salgueiro, limoeiro, maceira, as sebes, o olmo e o toxo, as de primavera. Uceira, castiñeiro, abelaneira, sabugueiro, oliveira, dedaleira e capudre, os de verán. E faia, gingko, carballo, silveira, bambú, freixo e hedra, as de verán, que contan aínda co engadido ao poemario orixinal dos “Haikus do Courel para Novoneyra”, publicados no Libro Homenaxe a Uxío Novoneyra da AELG. Este poemario clausurou a colección “ Poetas en Compostela”, editada pola Concellalía de Cultura e mais o grupo Corrreo Gallego, e tamén xunta poemas publicados no boletín Feros Corvos ou na Casa da Gramática.

Pola súa parte Mudanzas é un poemario moito máis complexo. Estruturado en tres partes. A primeira, “Portas” encabezada por unha cita de Arcadio López-Casanova; a segunda, “A voz, o ollo”, encabezada por outra de Rodríguez Baixeras; e a terceira, tamén “A voz, o ollo” por outra de Ana Romaní. Mais en realidade o que caracteriza o poemario é que cada texto vai encabezado por versos d´As Metamorfoses de Ovidio, excepto unha vez que é Homero. E é que todo o poemario é un contínuo diálogo entre a actualidade en que se escribe e le e personaxes mitolóxicas, onde unhas axudan a explicar as outras como fórmula para dar conta da vida, pois a vida e os seus arcanos, os seus misterios é o obxecto final do poemario. A vida sendo muller, a vida vivida baixo a condición de muller. Escrita sobre casca de ovo, como no “Envío” que enceta o poemario. Escrita con delicadeza, con coidado, porque as palabras poden esborrallarse unhas enriba de outras. Precisamente Marilar é unha xuntadora de palabras escritas nas marxes. Os seus versos parten sempre da conciencia de estaren escritos nas marxes, como nós vivimos tamén nunha marxe. Son versos que falan do amor, do amor de muller, do amor de muller que vive na marxe, e tamén da voz, da palabra, esa realidade que nos é condenada, que nos é roubada, cando é a realidade que nos define neste labirinto que é a vida.

Lelo é andar sempre cunha pregunta na boca, cunha imaxe bífida por entre a cartografía métrica dos seus versos, versos que non negan a rebeldía como único comportamento coherente, se é que cabe algunha coherencia neste espazo que é vivir, onde nos atopamos, onde nos precisamos, onde berramos pola solidariedade, esa solidariedade dos marxinados, dos que viven nas marxes. Versos que amalgaman, xa se dixo, como dúas realidades que se piden, personaxes mitolóxicas no acontecer diario. Como é posíbel que, despois de tanto tempo, nos sigan servindo, explicando? Tan pouco avanzou a humanidade ou é que hai literatura que é eterna? Nese caso, que é o máis probábel, non esquezamos ler.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

w

Conectando a %s