crítica de AS LEMBRANZAS PERDIDAS NO LAGO ANTELVÄRI (Xosé Duncan, Galaxia)

Unha vez transcorrido o noso mes vacacional, volvemos á actividade con esta crítica.

DISTOPÍA INQUEDANTE

Título: As lembranzas perdidas no lago Antelväri

Autor: Xosé Duncan

Editorial: Galaxia

Afortunadamente temos a literatura como fonte principal de historias que nos desacouguen. Nos tempos que vivimos parece ser que a o cinema desprazou a literatura como esa fonte. Mais isto só é así a primeira vista. É certo que ás ficcións cinematográficas asiste moita máis xente que á lectura dunha determinada obra literaria. Si. Mais as ficcións cinematográficas adoitan estar baseadas en obras literarias. É dicir, a literatura segue a ser o grande banco ficcional desacougante. Desacougante. Subliñámolo. Porque se non nos desacouga, se non nos sacode, se a ficción simplemente nos comprace, acariña a nosa conciencia, entón perde boa parte, ou toda, a súa utilidade social. E isto é importante, porque se a ficción non é útil socialmente, ou se a súa utilidade se reduce a loar un determinado estado de cousas que nos satisfai, se non nos sacode, se non nos desacouga, se non nos provoca, entón para que a queremos?

Xosé Duncan é nome coñecido nas nosas letras pola súa colaboración na colección “Contos estraños”. É dicir, o seu é a creación de atmosferas desacougantes. E nesta ocasión, xa da man da editorial Galaxia, tamén. As lembranzas perdidas no lago Antelväri recrea unha sociedade na que os nomes das personaxes adoitan lembrar unha sociedade nórdica. Olavi, por exemplo, Maki, a señorita Ylva…Tomas…  Pil… Hans…pero non sempre, porque ao seu carón está Enma, máis común, e os apelidos poden ser Lodeiro ou Suárez. Sitúanos ante unha sociedade que ten que ser nórdica porque a trama así o esixe, mais que ben puidera ser a nosa, a trama ben puidera acontecer entre nós. Todas estas personaxes viven nunha aldea á beira dun lago, mais é unha aldea, un pobo, que conta cunha asociación que rexenta un hospital misterioso a onde van dar sempre os vellos. Esa asociación, con 200 anos de historia, tamén é un misterio, sabemos que esta rexida por quen rexe o hospital, pouco máis, non se nos devela cal é a súa entidade, a súa auténtica finalidade. E isto resulta clave, que só se saiba no remate.

Aínda que édita en colección para mozos e mozas, “Costa Oeste”, os seus protagonistas son adultos, mais a reflexión a que obriga a novela está moi ben que xa a fagan os lectores máis novos, porque a fin de contas ten unha innegábel utilidade social. Pártese da idea de que a sociedade que vivmos é unha sociedade imperfecta, e que nalgún momento da historia alguén virá para nos rescatar, para nos conducir a unha outra sociedade, unha sociedade, por fin, máis xusta e igualitaria. Esta idea en si é a que se combate nesta distopía. Porque se nos dedicamos a agardar, se simplemente o que facemos é agardar sen máis, estámonos a converter en parasitos, en rémoras, que socialmente non son nada útiles. E xa non é só que socialmente non sexan útiles, o peor é clima desactivador que se crea. Pensar que nada podemos facer para mellorar as cousas, que o único que podemos agardar é que chegue alguén superior a nós que arranxe o mundo, que solucione todos os nosos problemas. Isto non deixa de ser un sebastianismo máis. É ben vello. Mais non deixa de ser actualidade. De vello coñecemos sectas, ideoloxías sectarias, que nos propoñen agardar un determinado momento en que seres superiores a nós chegarán para arranxar definitivamente os desaguisados que a humanidade foi creando. Apélase á fin do mundo. A fin do mundo coñecido e a emerxencia dunha nova orde, extrahumana, que poña fin ao padecer dos humanos. Con certa frecuencia estas ideas sectarias chegan a suxerir ou esixir suicidios colectivos, pois só poñendo fin á nosa condición humana podemos trascender, acceder a esa nova sociedade, a definitiva.

A historia que nos conta Xosé Duncan é dese estilo, unha desas historias que adoitan abundar no milenarismo, aínda que aquí non se fai referencia temporal ningunha. O que interesa non é contar unha historia milenarista polo simple feito de sela, de cumprirse por cumprirse mil anos (máis) xustos para a chegada deses seres superiores, aquí denimnados “Eles” mais que outras veces aparecen baixo nome de Deus ou simplemente outros seres se cultura superior. O certo é que estas sectas milenaristas contan como lles parece, así que o cumprimento do tempo preciso para a súa chegada pode ser en calquera momento. E que, unha vez lido o título (As “lembranzas perdidas” no lago Antelväri, salientado noso) Xosé Duncan pon o dedo na compoñente humanista da trama ficcional contada. Iso é importante, que a trama se conte desde o humanismo, que subliñe a compeñente humanista da sociedade actual, porque este tipo tramas distópicas deben sempre contrastarse coa realidade de cando é lida a obra.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s