crítica de NOVA NURSIA (Héctor Cajaraville, Xerais)

BIOGRAFÍA NOVELADA DE FREI ROSENDO SALVADO

Título: Nova Nursia

Autor: Héctor Cajaraville

Editorial: Xerais

Hai figuras que trascenden a súa epoca, ou que se di que viven adiantados á súa época. O nome de frei Rosendo Salvado é un deses. Nado en Tui, en 1814, nunha familia acomodada, deixou tódalas prebendas a que tiña dereito por sangue e decidiu, coma todos os seus irmáns, emprender a carreira eclesiástica. Dono de grandes dotes para a música, por aí vai encarreirar os primeiros anos, en Asturias, seguindo as ensinazas do mestre Juan Copa, no mosteiro de San Juan de Corias, despois de pasar polo compostelán de San Martiño Pinario, onde pronuncia os votos. Mais a desamortización de Méndizával lévao de novo a Tui, onde está pouco tempo, pois marcha a Italia, onde ingresa no mosteiro Trinitá della Cava. Alí, xunto a outro bneditino español, José Benito Serra, decide aceptar o convite do bispo Brady e ir con el a Perth (Australia). Xa nada volverá ser igual. Australia era un territorio libre e salvaxe, que usaba a coroa inglesa para desfacerse dos presos que máis molestaban. Frei Rosendo Salvado atopa un país onde os aborixes viven no mato, coma sempre fixeran, e os que deciden “civilizarse” a carón dos conquistadores rematan alcoholizados. Para entón, o tudense xa tiña decidido encarreirar a súa vida nas misións, e a realidade que atopa reafírmao aínda máis: dúas civilizacións que conviven sen entenderse, a europea e a nativa. O bispo Brady encárgalle misionar un territorio, canda outras dúas iniciativas por camiños distintos. Mais a única que ten éxito é a de frei Rosendo Salvado, que funda a misión de Nova Nursia (Nursia é unha homenaxe ao lugar de necemento de San Bieito, fundador dos beneditinos) a pesar da precariedade de medios e o descoñecemento do lugar, cunha fauna e unha flora que nunca deixará de sorprender a Rosendo, e cuns aborixes que se resisten a abandonar o mato. A comprender a cultura dos aborixes dedicará toada a súa vida Frei Rosendo Salvado, para que deste modo poidan integrase mellor na misión evanxelizadora.

A biografía novelada de Héctor Cajaraville non pode ser máis oportuna na divulgación da figura de frei Rosendo Salvado, un dos nomes máis importantes e máis descoñecidos da Galiza do século XIX, o que só lembran unha estatua e unha rúa en Tui, e outra rúa en Compostela. Para facer dinámico o texto da biografía, Héctor Cajaraville adopta unha estratexia onde se alternan os capítulos en terceira persoa con outros que son misivas que escribe Rosendo ao seu amigo da infancia Domingos, dándolle noticia de todos os progresos e angueiras que vai colleitando no seu labor evanxelizador. Un labor evanxelizador que é a escusa e que el comprende que debe supeditar a coñecer ben a cultura dos aborixes. Ao que deicará toda a súa vida, converténdose nun defensor dos aborixes á vista de todos os abusos que con eles se cometen. Para o cal non deixará de viaxar en varias ocasións a Europa, primeiro bordeando o continente africano e en barcos de madeira, finalmente xa a través do Canal de Suez, que tanto marabillará a Rosendo Salvado. Son viaxes duras, de meses e nas que demorará anos, e nas que procurará financiación para a súa misión de Nova Nursia así como novas vocacións que se incorporen e axuden no espallamento da fe no continente australiano.

Entre estas viaxes a Europa e misión evanxelizadora, que encobre a verdadeira razón: coñecer e defender mellor os baories, a novela vai avanzando a bo paso mentres os anos se van sucedendo e Rosendo Salvado vai solventando toda a problemática que lle vai aparecendo ata facer que Nova Nursia dependa unicamente de Roma e así os donativos á súa misión non se perdan polo camiño en proxectos que nada teñen que ver coa misión de Rosendo Salvado. As súas viaxes a Europa son a unha Europa convulsa, tanto en España como en Italia, e ás veces o ambiente é máis proclive ás súas intencións e outras menos, mais sempre acada éxito, nunca volve coas mans valdeiras. E o progreso da novela é o progreso de Nova Nursia, ata que esta se converte nunha pequena cidade, con acceso ao ferrocarril e todo e cunha actividade agropecuaria notábel, na que participan activamente os aborixes.

Finalmente, Rosendo Salvado morren en Roma en 1900, sendo o seu corpo trasladado a Nova Nursia, onde descansa desde entón. Despois de que hai catro anos se editaran en galego as súas memorias, coincidindo cos 200 anos desde o seu nacemento, agora esta biografía novelada de Héctor Cajaraville volve poñer de actualidade unha das personalidades claves do século XIX que aínda permance inxutamente esquecida.

 

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s