crítica de AMANTES (María Lado, Caldeirón)

A IMPORTANCIA DO AMOR

Título: Amantes

Autora: María Lado

Editorial: Caldeirón

Pouco se fala del pola rúa, nos cafés, na casa. Porén procúrao até o máis infeliz dos humanos. Só el é motivo suficiente como para que a nosa vida mude do negro ao branco. Só por el estariamos dispostos a deixalo todo e emprender camiños novos e impensábeis antes. Polo amor. Que, ás caladas, move o mundo. Antes, nos duros tempos da ditadura, había publicacións específicas que se centraban no tema do amor, as famosas fotonovelas, ou as noveliñas de autoras como Corín Tellado, que aínda se poden atopar en Internet. Agora que caeron no esquezo eses formatos, fica o recuncho da poesía como receptáculo para estas mensaxes portadoras do tema máis antigo do mundo, o amor. O volume Amantes de María Lado lémbranolo, resultando gañador do V Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica, en 2010, reedítase agora corrixido e aumentado en 2018. Mais pouco ten de erótico. Xa o diciamos na reseña que fixemos á súa primeira edición .Si hai sexo, continuamente, en cada poema. Porén é un sexo explicitado con moita sensibilidade, con moita sensualidade, feito que fai moi especial este título dunha autora que se ten significado desde sempre como divulgadora da poesía, desde a súa participación no lembrado Batallón Literario da Costa da Morte, a esa asociación tan produtiva que ten coa poeta e artista Lucía Aldao (Aldaolado), aos recitais de A Hostia en Verso ou os exercicios de escrita en directo de “O seu poema, grazas”.

Non, Amantes nin era antes nin é agora un burdo catálogo de ardores sexuais. A súa poesía está moi elaborada, non renuncia ao pracer da carne, ao revés, a voz poética tanto seduce como é seducida, tanto incendia como é incendiada mais sempre dentro das coordenadas do amor. Evidentemente hai desexo, sempre (queremos consumirnos, acabarnos / un enriba do outro / dacabalo das horas máis ardentes) (13), si que o hai, e é un desexo intenso, que pode mesmo chegar a ser un amor enfermo (20), e hai polo tanto paixón. Mais ese amor, esa paixón pode medir a súa sutileza como a dun paxaro que pica unha mazá sen nunca comela de todo. Sutileza e intelixencia, tomando só o bocado xusto, o máis gorentoso / dese modo, nos amamos (21) porque é unha maneira de non esgotar a apetencia senón de prolongala no  tempo para que non teña fin, para que se renove constantemente. Despregando así unha arte sedutora que comeza polas propias palabras (as túas palabras róldanme / son gatos entremetidos, enredantes) (22), que desarman calquera resistencia posíbel, todas as obxección que eu poida alegar (23). E que pode concibir o amante como un Ulises, un navegante experimentado, mais ela, a amada, ela non é Penélope ningunha senón a nave para ir bater contra ti / para que me arrastres polo van / na marea do teu abrazo (26).

Na arte de sedución que son estes catorce poemas, dous máis ca antes, a voz poética feminina non dubida en baixar ao inferno para atopar o seu amante até afogar nas pupilas dos seus ollos. E o poema pode ser tan extenso como breve e contundente é o seguinte (“O inexperto”) pois pouco espazo e tempo é que se precisa para crear no lector a imaxe do desexo, e eu devezo / por levar o teu arrecendo nas costuras (31) Tanto é útil a demora na consumación da paixón, a demora nos intres de complicidade carnal, como a expresión desta na voracidade do ímpeto puntual, mais aínda así, neste segundo caso, proxéctase no tempo como un desexo intemporal. Como no derradeiro poema, a voz poética pode converterse en cicerone que conduce ao lector a través dun encontro amoroso procurado por ela, explícolle como é o meu país, a rexión da nosa cama (37) e aínda que el lle explica que o amor pode ser aquí fermoso e frío, coma os seixos (37, salientado orixinal) e a ela a compraza máis o amor ardoroso, este resulta finalmente satistactorio e remata con ela entregada e agradecida (38). Isto non quere dicir que se conciba o acto amoroso como un combate, nunca, senón como un encontro, un encontro pracenteiro entre dous amantes, un encontro que ten moito de xogo, totalmente lúdico mais que non é unha procura do lúdico carnal pola satisfacción que iso en si mesmo represente, senón que está encadrado entre os praceres que o amor lle depara á parella. Por iso é un libro pouco erótico, na nosa opinión, e si un poemario onde o que resprandece é o amor.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s