crítica de DO AMADO AMODO (Manuel Outeiriño, Galaxia)

COS OLLOS LIMPOS

Título: Do amado amodo

Autor: Manuel Outeiriño

Editorial: Galaxia

Non hai vez que eu me poña a ler un libro de poesía que non me pregunte de onde nace esta, onde está. Está nas cousas e é o/a poeta quen a descobre e nola transmite? Está na lingua? É unha manifestación libre, selecta e ornamentada do interior do/da autor/autora? Está nas fendas de todo isto? Porque cada vez a orixe da poesía é máis complexa, diversa. E a sabendas de que a poesía non ten porque radicar nun só dos lugares propostos ou noutro calquera, por exemplo velaí a opinión de que a poesía é un río no que todo está en contacto entre si, e unha deriva da outra como os novos tempos nacen dos vellos tempos. Por suposto non é esta ocasión en que non me repita esas preguntas, mais para a resposta habemos de agardar ao remate desta crónica libresca.

Do amado amodo ten aquel do engado apegado a todas as súas páxinas. Desde o mesmo título é patente esa intención de xogar coa lingua, mais ollo, é un xogo patente e potente pero moi discreto, repítese en cada poema, con outros sons, con outras palabras, en ocasións varias veces no poema. E queremos insitir en que é un xogo moi discreto, en ningún momento se quixo poetar un poemario onde a compoñente formal, de tan potenciada, oculte o fondo, o pensamento discursivo. De xeito que o equilibrio acadado entre plano formal e fondo estea concibido como forma de potenciar o pensamento discursivo. Como ten que ser na poesía con maiúsculas, na poesía de verdade. Iso, os sutís xogos verbais, son o primeiro engado que nos apega ás páxinas deste poemario. Son o primeiro engado porque xa está no título (título tamén do segundo poema) mais non é o único. Outro deles é, moi nomeadamente, o ritmo, que tamén está no título doutro poema (“O rosmido do ritmo”) mais que é unha constante en todo o libro. Escandímo-las sílabas coma os debulladores / de millo vello (35). Unha preocupación de orive que mima cada sílaba, cada silencio, o número exacto de palabras, cada verso. No labor métrico advertimos / o que camba e os cambios: (35). Para que o resultado sexa un poema onde nada sobra e nada falta, nada estorba a comprensión da mensaxe discursiva, que se ve potenciada desde o plano formal, por suposto. Para que o resultado sexa un poemario de poeta maduro, de poeta en plenitude.

Mais para ser un poeta en plenitude non abonda con saber equilibrar plano do contido e plano da expresión, tratando esta última con mimo e esmero. Tamén cómpre que no primeiro se note e aquí resulta doadamente perceptíbel. Do amado amodo é o poemario dun poeta experiente en moitas loitas e angueiras vitais, e que escribe desde o pouso que dá esa traxectoria de vida (Vimos pasar as cousas, 33), sen ánimo de pretender ser ningunha icona a seguir, coa humildade do sabio que quere compartir. Sempre preocupado polo común. A procura do ritmo: / un rumbo, a rumba: / o se meter en danza  / celebrando o común (27) É dicir, pola comunidade. Polo pobo. Pola historia. Pola cultura que nos une. Alén do individual (27). Pola lingua que a fai posíbel. O sotaque da fala e, de socato, a falta:(27). Querendo ser claro, en moitas ocasións usa os dous puntos ( : ) coa pretensión de se redifinir, de dar unha volta máis ao parafuso para que ninguén se leve a engano, de abarcar unha realidade que non deixa de ser confusa e que nos ten conducido ao fracaso. Esculco ideas de canto: / o pulso de petar nunha porta pechada (19).

                     En definitva, este libro de Manuel Outeiriño amalgama moi ben, con moito oficio de bon poeta, todo o que ten que ver cunha expresión coidadísima e un corpo reflexivo para ter en conta, para reler e repensar, para movernos por dentro, valente esculca nos adentros, nos adentros que tamén levan ao común. Que máis se pode pedir a un libro de poesía? E retomamos, na resposta, a pregunta que antes deixaramos por resolver. Que se faga, que estea escrito, como é o caso, cos ollos limpos, cos ollos limpos de apriorismos, modas ou calquera outra cousa que poida alterar a reflexión e/ou a súa notación escrita.

(Non esquecemos que o propio Manuel Outeiriño enceta o poemario cunha cita de Sigmund Freud, Moisés e a relixión monoteísta, na que se constata que “a capacidade creadora dun autor non sempre obedece á súa vontade” e que “ a obra remátase como se pode, e adoito defróntase co autor coma se fose independente e mesmo estraña”. O que vén querer dicir que a obra pode chegar a escribirse soa, que a obra demanda que se tomen determinadas decisións a fin de concretarse. Pode ser, é unha das respostas que apuntabamos, a obra: ese río no que todo está en contacto, no que as cousas se explican/escriben unhas a partir das outras. Pode ser. Mais o poeta sempre precisará os ollos limpos.)

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s