crítica de O MEU NOME É NINGUÉN (Manuel Esteban, Xerais)

NOVELA MOI ENTRETIDA

Título: O meu nome é Ninguén

Autor: Manuel Esteban

Editorial: Xerais

O bicho prendeu. Adoita acontecer. Manuel Esteban escribiu A ira dos mansos (Premio Xerais 2016) motivado porque o seu fillo ten Síndrome de Down, logrou poñer de actualidade a marxinación coa que teñen que vivir estes aos que lles caeu a pauliña de ter que padecer a trisomía 21. E agora repite con esta O meu nome é Ninguén, coa que vai lograr que o lean aqueles que se sentiron satisfeitos coa súa primeira novela e que o estimen moitos outros que non o coñecían e agora van comprobar como Manuel Esteban é un autor que acada algo que é o que todos perseguen: que non teñas gana de deixar de ler a novela. É dicir, estamos a falar dunha novela que parte dunha situación de saída moi interesante, abeirada á novela de misterio sendo un discurso policial, é despois é conducida con man mestra deica desembocar no remate. Nisto ten moito que ver o tratamento da súa personaxe central, Carlos Manso, un policía en horas baixas, o mesmo que na novela anterior, co que Manuel Esteban logra que empaticemos cada vez máis segundo imos pasando as follas. Porque Carlos Manso é un perdedor, un desencantado da vida que, tras vinte anos de oficio polas rúas de Vigo, vai emprender unha investigación que lle esixirá irse despenandose pola costa da vida até non ser ninguén, nin polícía, nin detective, un máis que anda pola rúa e que só ten en común cos demais a frustración vital. Porque o lector empatiza doadamente cos perdedores, levado dos seus bos desexos quere que os perdedores remedien a súa situación.. É máis doado empatizar con eles ca con aqueles que foron adornados cunha serie de virtudes ou características que os levan a triunfar. Porque reconforta máis cando quen triunfa é un deherdado da vida.

A situación de partida que terá que resolver Carlos Manso é a dun cuarto, pechado por dentro, onde aparecen o cadáver dunha moza morta e un home aforcado. Todo parece indicar que o home matou a moza e despois se suicidou. Semella tan doado de deducir que non convence a Carlos Manso, que está a piques de ser expulsado da Policía e sobrevive a base de café e ibuprofenos. Todo un convite á resolución do misterio, dun misterio ben intrincado. Que se vai ir desenvolvendo a medida que o protagonista descende na escala vital. Pouco a pouco vanse coñecendo máis pistas do que pasou nese cuarto, pouco a pouco Carlos Manso vai ficando máis só, no que é unha dosificación da información moi ben levada polo autor. Que, entremedias, vai trufando o discurso con pensamentos e teorías que teñen que ver co éxito e o fracaso na vida, reflexións desesperadas que ao lector lle chegan moi dentro porque se poden asimilar a leccións vitais de alguén dafiuzado da vida. Aprendemos sobre todo daquelas situacións traumáticas ás que nos leva o noso existir, e aquí hai unhas cantas. Nada novo baixo o sol, é certo, mais tamén é certo que iso non estorba o nivel de interese co que lemos a novela.

Non é Carlos Manso á única personaxe de A ira dos mansos que reaparece nesta O meu nome é Ninguén. Son varias. Entre elas afectados polo Síndrome de Down. Coma na vida mesma están entre nós. Mais entre todas esas personaxes que reaparecen hai unha especial, Lorena. Lorena, que é a persoa responsábel da asociación Alza-Down, establece unha relación moi especial con Carlos Manso. É unha relación moi coidada polo autor. Que existe afecto nela parece claro e de aí tendemos a pensar que pode ser algo máis. Porén hai que ter en conta o tipo de persoa que é Carlos Manso. A el non lle está permitido ningún triunfo. Nin sequera a resolución final do conflito a pode vivir como un triunfo, simplemente se chegou a un estado de cousas que ten que estoupar e estoupa na resolución final.

Polo medio e directamente relacionada co misterio de inicio, aparece unha rede de pederastia que sitúa a novela nas coordenadas da actualidade, resultando unha novela policial das que quedan para sempre, que entremedias e segundo o propio autor na nota final, homenaxea a “ Orwell, Sarte e Kierkegard e media ducia de perdedores máis” (287). Pois a análise social desta novela, que serve para trufar esas reflexións que nos leven a meditar seriamente sobre a vida, é unha compoñente máis que non se pode desprezar e que alonxa a Carlos Manso do típico policía-detective de volta de todo que non para de dar leccións de vida que non son máis que ocorrencias do momento. Á marxe diso, cualidades literarias á novela non lle faltan. Alén do ben que están configuradas as personaxes ( xa falamos de dúas delas, moi salientábeis, que son Carlos e Lorena) non se pode esquecer o ben que o autor manexa os tempos da narración, inseríndoos nunha estrutura na cal o protagonista cae cada vez máis fondo na escala social e moral mentres cada vez está máis cerca de resolver o misterio. Agoiramos que despois do éxito con esta segunda entrega virán máis títulos asinados por Manuel Esteban.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Un comentario sobre “crítica de O MEU NOME É NINGUÉN (Manuel Esteban, Xerais)

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s