crítica deEVANXEOS APÓCRIFOS (Rafa Lobelle, Do Peirao)

A TRAXEDIA DO RURAL

Título: Evanxeos apócrifos

Autor: Rafa Lobelle

Editorial: Do Peirao

Esta, aínda que o título a reseñar sexa unha traxedia, é ocasión para comezar celebrando. Celebrando a chegada dunha nova editorial, Do Peirao, hai a penas un ano, unha nova ediorial que arrima o ombro e aposta pola creación en galego. Beizón e que os seus esforzos se vexan recompensados. E a chegada dun novo autor ao eido da narrativa, Rafa Lobelle, que procede da poesía e gañou o primeiro premio convocado pola editorial coa obra que esta semana nos ocupará na Ferradura en Tránsito II.

Enténdese ben que Rafa Lobelle queixera titular a súa novela como evanxeo. Enténdese pola vontade de reflectir a verdade dun rural deixado da man de deus, en pleno esquezo da adminsitración e cada día máis deshabitado. Unha verdade dura. Tan dura como a soidade en que van quedando os resistentes que se negan a abandonar o que toda a vida foi o seu hábitat natural. Tan dura coma a soidade que viven Serafín, Castor e Ramiro. Sobre todo Serafín e Castor. Que viven na parroquia de Esmelle (non ten nada que ver co Esmelle da chorada Begoña Caamaño) e son dúas das personaxes que nos contan estes Evanxeos apócrifos. A través do seu relato, porque son dous dos narradores, conseguen transmitirnos moi ben a sensación de soidade. O terceiro é Ramiro, que tamén, tamén a través del nos chega a sensación de soidade, mais el é un visitante ocasional de Esmelle, vive na capital e con parella. Así é os Evanxeos apócrifos están narrados desde as palabras de Serafín, Castor e Ramiro, que, nesa orde, se van alternando no relato. Teñen nome os narradores, e quizá por iso soe estraño chamarlles evanxeos “apócrifos”, mais os evaxeos apócrifos son xustamente aqueles aos que a Igrexa non fai caso, os marxinados pola ortodoxia, e así son tamén estes evanxeos de Serafín, Castor e Ramiro, marxinados pola actualidade que dita a capital, a cidade. A fin de contas, outra maneira de denunciar o estado de abandono que sofre o rural galego, o pouco caso que se lle fai aínda que a cidade non viviría sen o campo, o leite non nace en tetrabrick.

Lembrando a estratexia narrativa de A esmorga (Blando Amor, 1959), os tres narradores responden preguntas que non aparecen no discurso. E dese xeito vanse construíndo como personaxes á vez que van contando unha historia, con tintes de traxedia, que é o albo das preguntas que lles fan, impoñéndose co paso das follas a outras alternativas. Porque esa historia, a historia de Luísa e mais Xaquín vaise descubrindo pouco a pouco como a cerna narrativa da novela. De xeito que o interese do lector polo que lle contan vai medrando pouco a pouco mentres esta se vai facendo patente. Eis unha estratexia narrativa moi acertada, na que os tres narradores tamén teñen incidencia como personaxes decisivas no desenvolvemento e desenlace do discurso. Os tres, Serafín, que leva os eidos da Luísa, o calado e solitario Castor, e mais Ramiro, o indiano irmán de Luísa, con caracteres ben definidos que, porén, ás veces usan un vocabulario pouco acorde ao que, coliximos, foi unha educación bastante deficiente como para usar termos que non parecen do seu rexistro: incumbencia, por exemplo, ou esa familiaridade de Serafín co mundo poético. Pecados de narrador novel que son o único que se lle pode apoñer á novela, unha novela que, como vimos, está acertadamente estruturada e na que a configuración das personaxes resulta crucial. E onde, pola contra, se fai un uso moi atinado e variado da fraseoloxía que, sobre todo, Serafín e Castor empregan.

Sobre todo a de personaxes como Xaquín, que non fala nunca, ou Luísa, que o fai un par de veces só, e son personaxes construídas desde a relación que os tres narradores teñen con elas. Pois é esta unha caracterización indirecta moito máis complexa, á que compre estarmos atentos mentres o discurso se vai construíndo. Un discurso no que salienta o fatuum tráxico que finalmente se confirma e mais a soidade a que están expostas as personaxes, como tamén adiantamos. Un discurso que non está inserido en ningunha coordenada temporal, agás que é inverno, un inverno cru, mais que adiviñamos actual, porque os que coñecemos o rural, sobre todo o rural interior, estamos ben afeitos á soidade que se denuncia desde o discurso. O malo non é só que as personaxes denucnien esa soidade, que xa bastante traxedia é, o peor é que esa traxedia chuegue a instalarse nas relacións que manteñen entre si e, pairaba sobre eles, que se vai manifestando cada vez con máis clareza mentres lemos, e da que non se dan desfeito. No que foron aldeas con casas nas que habitaban un bo número de persoas, queda xa pouca xente e en poucas casas, para que, por riba estea condicionada por unhas relacións difíciles que non dan escapado da traxedia.

ASDO: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s