crítica ex aequo: AS VOCES DA AUGA ( Ánaxela Gracián) &AUGA E LUME (Pere Tobaruela)

REALISMO E FANTASÍA

Títulos: As voces da auga & Auga e lume

Autores: Ánxela Gracián & Pere Tobaruela

Editorial: Baía

Non é frecuente. Mais de cando en vez pasa. O xurado, malia seren número impar, non se dá decidido, ten dúas alternativas finalistas e as dúas lles parecen merecentes de premio. Isto foi o que aconteceu co VIII Meiga Moira de 2018 que convoca Baía Edicións. Pode que aos autores os defraude un chisco, sempre a un lle gusta ser o único vencedor, mais tamén é certo que é mellor a metade de algo que nada de nada. Neste caso sucedeu con dúas obras ben distintas, abofé. Unha realista a máis non poder, As vaoces da auga (Ánxela Gracián), e outra que aposta pola ficción fantástica, Auga e lume (Pere Tobaruela). E nós imos facer tamén unha crítica ex aequo.

Non é nada frecuente na literatura galega que @s autor@s localicen a trama das súas ficcións en Asia. Lembramos a Xavier Queipo, Ringside  (Sotelo Blanco, 1993) ou Malaria sentimental (Sotelo Blanco, 1999) e tamén ao Xavier Queipo de Os ciclos do bambú. Agás el, agás Xavier Queipo, nada que lembremos deica esta As voces da auga de Ánxela Gracián, coa que imos comezar. Trátase dunha desas novelas que dicimos que deben ler tamén os adultos, e neste caso queremos salientalo especialmente, que na novela haxa protagonismo de rapaces e rapazas non quere dicir que por iso o público lector deba ser unicamente de rapaces e rapazas. Ademais este non é o caso de que só haxa rapaces e rapazas, a autora esfórzase especialmente e recrearnos unha cultura tan allea a nós como é a chinesa. Pois na China é onde se localiza a trama de As voces da auga, unha novela que nace despois dunha viaxe da autora ao sur da China e a forte pegada que deixou nela tal visita. Despois esforzouse especialmente en docunentarse sobre a zona e súa cultura. E o resultado é esta novela que o lector ten nas mans. Unha novela na que salientan dúas cousas. A primeira é o ben escrita que está (aínda que podería prescindir de tanta emotividade nos diálogos). En todo momento o lector se sente intrigado por unha trama da que quere saber máis, o que fala dunha estratexia narrativa acertada e moi ben levada a cabo. Cóntasenos a historia de Wei Su e Li, pai e filla, mais cunha característica que os individualiza, non concordan as idades, Wei Su é demasiado vello para ser o pai dunha cativa adolescente, e a muller de Wei Su xa morrera cando se supón que debería nacer a rapaza. Ánxela Gracián sorprenderanos no desenlace, respecto disto. E a outra cousa que quero salientar, que camiña parella á primeira reforzándoa, é que nos achega unha realidade moi afastada dos nosos usos e costumes occidentais. Preséntanos unha sociedade chinesa na cal nacer muller é unha condena no sur dos arrozais, elas non serven para o traballo e con frecuencia son abandonadas nada máis nacer, cando non matadas, ou, se logran sobrevivir, non lles fica outro remedio que agocharse no campo, lonxe das autoridades, de xeito que viven, si, mais non existen, pasan os seus días á marxe da sociedade e non teñen dereito a nada. Quizá o lector agradecería algo que lle acercase mellor a situación da muller ao longo dos convulsos anos nos que se narra esta novela de supervivencia e valores humanos. Mais o certo é que se trata dunha novela, como xa dixen, moi ben escrita.

Pola súa banda, Pere Tobaruela, en Auga e lume, entréganos un discurso ben diferente, un discurso fantástico, máxico, onde o realismo que caracteriza a novela de Ánxela Gracián importa pouco, ou nada. Porque o que aquí interese é a maxia. Iso que fai que sexan posíbeis viaxes no tempo, e que personaxes do século IV se xunten a outros pertencentes á actualidade para xuntos lograren vencer o mal, que neste caso é o Lume. Hai que dicir tamén que a trama está perfectamente estruturada de xeito que esta transcorra cara a un desenlace moi coidado que é o clímax da novela. Paulo e o seu amigo Fórmula E, personaxes da actualidade, terán que desenvolverse a carón de personaxes do século IV, como a Dama da Auga, Deva, adolescente con poderes especiais, e xuntos enfronaren un exército de lume que ameaza con destruír todo, absolutamente todo. Coa axuda de personaxes con poderes especiais, animais que tamén teñen poderes especiais, e obxectos, talismans, que están no seu poder e son fundamentais para derrotaren o ameazante exército de lume. Para isto, para relatar esta trama, Pere Tobaruela crea unha mitoloxía particular a partir dos conceptos do ben e do mal e da súa eterna loita. Nesta atmosfera tan extraordinaria, personaxes do século IV son quen de convivir con outros do século XXI e existe unha plena comunicación entre eles, porque nesta atmosfera tan extraordinaria todo é posíbel, mesmo se deixa a porta aberta a que personaxes tan distantes temporariamente sintan atracción entre eles. Unha novela onde todo é posíbel e onde a eterna loita entre o ben e o mal se reproduce unha vez máis. Unha novela que ao principio alterna os tempos, o que acontece no século IV e o que acontece na actualidade, mais o lector intúe que todo está destinado a se mesturar e, andando o tempo e as páxinas, así é. Obviamente, esta é unha novela descomprometida socialmente, alén da loita entre o ben o mal, a trama foi concebida para que o lector se mergulle nunha historia fantástica que o absorba e lle impida abandonar a lectura. Así foi concebida e así é, nesta novela de aventuras, maxia, misterio e amor, contada cunha axilidade e estudada estrutura de xeito que o lector se sinta envolvido nunha particular atmosfera na que todo é posíbel, o malo e o bo. Unha novela para ler e soñar.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s