crítica de O PAÍS SEN FRONTEIRAS (Xerado AgraFoxo, Galaxia)

NOVELA DUNHA VIAXE AO SENEGAL

Título: O país sen fronteiras

Autor: Xerardo AgraFoxo

Editorrial: Galaxia

As viaxes son moi importantes na vida das persoas. Son moitas as persoas que soñan con esta viaxe ou aqueloutra. Porque, a pouco que un sexa sensíbel ao que ve, ao que coñece de novo, as viaxes transfórmannos. Vólvennos máis humanos, máis tolerantes, e moitas veces máis conscientes do valor da nosa propia cultura, do que significa ser galego neste mundo. E sono tamén na literatura. Pensemos en personaxes como Ulises, por exemplo. Ou As viaxes de Gulliver. Por poñer dous casos porque sería excesivo dar conta agora da influencia das viaxes na literatura, non acabariamos. Inclusive se restinximos só á literatura galega. Nomes como Vicente Risco, Castelao ou Otero Pedraio logo xorden. Aínda que neste proceso restritivo nos quedemos só coa prosa, porque se incluímos tamén a poesía xa sería labor titánico. Porque o que necesitamos é aínda restrinxir máis, quedar coa narrativa actual, que é da que nos ocupamos. E na narrativa actual sáltannos nomes como Xavier Alcalá, incansábel viaxeiro que despois soubo trasladar á literatura o froito das súas viaxes. E tamén Xerado AgraFoxo, que fai literatuta das súas viaxes, onde contamos cun texto sobranceiro: O canto do muecín  de Lois Diéguez. Xa lle dera bo resultado hai dous anos en Viaxe á última revolución, onde AgraFoxo novelaba unha viaxe a Cuba 30 anos despois de ter feito outra, e repite agora con O país sen fronteiras. Que nisto é no que quedamos finalmente, naqueles autores que relatan as súas viaxes, pois iso é o que fai Xerado AgraFoxo nesta novela, relatarnos 30 días da súa estadía no Senegal, como unha novela, que é o que é.

Non podemos deixar de dicilo: as viaxes xa teñen unha importancia enorme no corpus literario de Xerardo AgraFoxo. Tanto ten O triágulo de Óscar Wilde, como Unha viaxe no FordT, O violinista de Malá Strana, ou A maleta de Victoria Kent, resulta doado percibir a importancia da viaxe na súa produción literaria aínda que non contemos con Viaxe á última revolución. Repito que resulta tentador, falando de literatura e viaxes, non pararnos en nomes como Neira Vilas ou Celso Emilio Ferreiro (tanto en poesía como en prosa). Mais temos que quedarnos nesta O país sen fronteiras que nos ocupa hoxe. Unha viaxe de 30 días polo Senegal, e tamén, de paso, Gambia. A República do Senegal é unha democracia asentada, cousa que en África non é nada frecuente, mais tamén un país pobre, de alí é a orixe dos tristemente famosos caiucos. E iso é un punto a favor para querermos viaxar alí. Mais ir un só, a tantos quilómetros da casa, noutro continente e vivindo entre etnias diferentes á túa, das que ás veces pouco sabes e coas que podes ter problemas para comunicarte, cómpre botarlle valor. Tal é o que fixo Xerardo AgarFoxo, durante un mes, levando consigo unhas misteriosas cartas que lle entregan en Madrid uns senegaleses e van dirixidas a familiares de alá. O autor viaxa do norte ao sur e despois outra volta deica Dakar, hospedándose en lugares humildes e viaxando en transporte colectivo (nas diferentes versións que no Senegal hai), de xeito que está en contacto co tipo de vida que entre os senegaleses máis frecuente é. En principio foxe dos típicos lugares turísticos e ten intención de coñecer a vida senegalesa de verdade, que é o que o atrae, para alén dos grandes hoteis e circuítos turíticos, mais ao final algúns deses lugares turísticos si visitará. O autor constitúe un viaxeiro curioso, non só por estar atento a calquera incidencia na súa viaxe, senón por ser unha persoa culta, que le libros ( dos cales nos vai ofrecendo noticia segundo os le) e leva consigo unha libreta onde anota moitas cousas, alén de facer preguntas á xente que ás veces o comprometen.

Trátase dunha viaxe novelada. Rematada a viaxe, o autor ponse ao traballo de relatárnola. De xeito que salienta nela o feito de o narrador saiba seleccionar capítulo a capítulo aqueles focos de máis interese narrativo na viaxe que fai o autor. En todo momento o lector se sente acompañado, por un narrador competente que lle serve de guía nunha terra estraña. En todo momento o autor sabe como crearnos interese por aquilo que está contando. Nin que dicir ten que hai momentos que resultan máis interesantes narrativamente falando, e outros máis monótonos e intrascendentes, mais o autor é o suficientemente experiente como para nivelar o raseiro narrativo e manternos atentos. Só como exemplo e para xerar curiosidade no lector destas liñas, digamos que o autor visita o lago Rosa (onde remata o ralli París-Dakar), ademais de Dakar e Saint Louis tamén visita, en contraste, o País Bassari, onde se atopan algunhas das etnias máis antigas de África, e pasa pola rexión de Casamanza, especialmente conflitiva. Ademais o lector coñecerá a relación que existe entre o Senegal e Bob Marley, así como o temor que teñen os senegales a que o xihadismo apareza e lles empobreza a vida, tornando o turismo dun lugar que depende moito de quen os visita, pois viven moito diso, da agricultura, a pesca e o comercio, máis que da industria. Cómpre dicir tamén que a narratividade da novela nótase moito en que o narrador coida moito os datos que nos vai ofrecendo, de xeito que sexa ameno e nunca o discurso se volva unha demostración de eruditismo por parte do autor. Obviamente, 30 días dan para o que dan, máxime querendo atravesar todo o país e movéndose con frecuencia, de xeito que o lector igual queda con ganas de saber algo máis dalgunhas cuestións. Porén isto é unha novela, non un ensaio, e como tal cumpre perfectamente.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

 

 

 

 

 

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s