crítica de A CAMA DO MEU AVÓ MANUEL SANMARTÍN MÉNDEZ (Celso Fernández Sanmartín, Apiario)

FAINOS MÁIS RICOS

Título: A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez

Autor: Celso Fernández Sanmartín

Editorial: Apiario

O sobre estaba enriba da mesa. Agarreino e abrino. Contiña tres libros e botei man do primeiro en que bateron os meus ollos. Sabendo que tiña que follealo. É o que teñen os libros de Apiario, sempre traen algo especial, no deseño, na propia confección do libro, no tratamento do libro como un obxecto especial. Os libros de Apiario son coma produtos artesáns, mimados e indivdualizados, fronte aos produtos industriais. Dende o seu nacemento editorial, Dores e Antía souberon moi ben cultivar este aspecto como marca da casa, por e para algo son poetas e tratan a poesía con agarimo, intelixencia e saber. Así que abrin un libro cun título tan suxestivo como A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez, de Celso Fernández Sanmartín, que levaba desde o 2011 (Gratas e boas) sen publicar novo poemario. E debruceime co libro entre as mans, e axiña souben que tería que relelo varias veces. Iso é frecuente tratándose de poesía, mais neste caso do Celso achámonos con que tal cousa é algo moi próximo á concepción poética. Din que un home non é máis intelixente cós demais por asoballalos coa súa sapiencia, din que o home realmente intelixente é aquel que fai que os demais se sintan verdadeiramente intelixentes. E coa poesía de Celso Fernández Sanmartín, con esta poesía, pasa algo parecido. Xa o avisa el nas palabras preliminares: está chea de preámbulos.

Non é esta unha poesía que fale de grandes fastos, de grandes temas, con grande profusión formal. Non, atreveríame a dicir que é unha poesía humilde, que toma como obxectivo cousas do cotián, normais, cousas da vida de todos os días. Coma unha cama, a cama do avó, despois de sufrir o paso do tempo o poeta acha nela poesía e transmítenola. E seguramente por iso é grande, precisamente. Porque ten o valor de nos amosar poesía alí onde antes só viamos obxectos. Fainos máis ricos. Por iso é unha beizón reler o poemario as veces que sexan.

Polo menos, de inicio, esa é a intención:Poucas palabras / e que non canten / ou que canten seco / poucas que queden / de / moitas que veñan. Mais o resultado non son só poemas curtos, que os hai, porén son moitas as veces que o poema se verbaliza na demora esculcadora. Mais, sobre todo, esta poesía do Celso é revelación. A poesía sempre é revelación. Porén hai que explicalo. Digamos que nun principio a poesía era revelación das musas ao/á poeta, @ poeta era simple transmisor, hoxe en día só coñezo un poeta que fale das musas, Anxo Boán. Digamos que despois foi @ poeta o suxeito activo, era el/ela quen coa súa expresividade revelaba. Estas dúas fórmulas conviviron séculos, mais na actualidade produciuse unha nudanza drástica, xa non é @ poeta o suxeito activo da revelación, @ poeta limítase a suxerir, é desde a suxestión que @ lector accede á revelación. Por iso a relectura se acha moi póxima á concepción poética. Por iso esta poesía está chea de preámbulos. Palabras as xustas /as caladas / as que tocan

O poemario é unha esculca sensíbel, un ir baleirándose, até chegar á cama. Tamén por iso é un libro de preámbulos. Unha cama sobre a que pasou o tempo cos seus estragos, mais que o autor quere que vexamos como un obxecto artístico. Un obxecto artístico sobre o que actuou o tempo mais que garda lembranzas e calor de cando era habitada nas noites do avó, figura imprescindíbel, a memoria, a memoria sensíbel, mediante a que se chega á cama arrombada contra unha parede do soto e que será despois central até darlle título ao libro. Mais antes, volvamos aos preámbulos, o libro comeza con dous poemas nos que a figura central é a neve, o frío da neve. E despois reflexiona sobre o propio acto da escrita, á que identifica coa erosión, lembremos, as palabras, escolleitas / coma sementeira e no seguinte imponse unha condición que o lector debe colixir despois do lido. Van caendo follas, poemas como follas, mais a árbore está aí, o avó, figura admirada e querida, a cama, a casa, a memoria. Logo veñen outras dúas partes máis extensas, máis follas, máis reflexión sobre a propia escrita, palabras as xustas, máis memoria, aínda que esta sexa incompleta e clara, rabuda e agochada, que é unha memoria da casa, da cama, da terra, dos pastos que pisou e lle serviron/serven de cama, memoria, lembranza.

Lembranza. Este é un poemario que loita contra as ausencias, esa erosión, que, pouco a pouco, se vai aferrando á calor da presenza da lembranza do avó, dos seus consellos e agarimo, das vivencias compartidas. Até dar na cama. Até que a cama se erixe en catalizador desa loita contra a ausencia, que, malia os estragos do paso do tempo, aínda conserva esa forza. A cama, a cama do avó, esa revelación, esa fonte de revelación compartida, feita poesía e compartida. Pensemos en cantas cousas pode simbolizar a cama. Algunhas xa foron expostas aquí, mais cada lector é un mundo particular de interpretacións. Máxime cando, como agora, nos atopamos cunha poesía que se constrúe desde a sutileza dunha visión poética/artística que nos sorprende pola proximidade de algo no que nós, que vivimos a velocidade de vertixe, non repararamos. E faino cunha naturalidade que nos abraia, sorprende e entenrece.

 

ASDO: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s