crítica da novela póstuma de Anxo A. Rei Ballesteros DEZANOVE BADALADAS (Galaxia)

IMPRESIONANTE NOVELA DE MOCIDADE PÓSTUMA

Título: Dezanove badaladas

Autor: Anxo A. Rei Ballesteros

Editorial: Galaxia

Cando se trata da edición de obras póstumas, un é sempre especialmente coidadoso. Pode ser que sexa unha obra que non lle deu tempo a publicar ao autor ou autora. Mais tamén pode ser que non sexa versión definitiva e por iso o autor ou autora non quería publicala aínda. Porén, neste caso das Dezanove badaladas, todas estas precucións esvaécense. Efectivamente, trátase dunha versión non defintiva, mais o tipo de edición que fai Galaxia evita que iso importe nada porque é aboslutamente fiel ao orixinal e inclusive indica partes que o autor, Anxo A. Rei Ballesteros, cría que debía mellorar, e inclúe textos alternativos de partes das que non estaba totalmente seguro. E, ademais, trátase dunha obra de mocidade, escrita entre o 3 de novembro de 1969 e o 24 de febreiro de 1970, cando o autor tiña 17 anos. Este é un dato clave á hora de xulgar a valía desta novela de mocidade, pois o autor aínda era un adolescente e a novela é unha novela de aprendizaxe, que se di, unha novela de formación, e iso nótase moito. Todo o texto é unha constante procura, unha constante procura expresiva mais tamén un lugar de autoafirmación do autor.

                     E hai que ter en conta o estado da narrativa galega na altura de comezos dos anos 70. Posto isto por diante, estamos en condicóns de afirmar que, se Rei Ballesteros marcou época coa súa posterior Dos anxos e dos mortos, non nos cabe dúbida que o mesmo  sucedería se no seu tempo tivera dado á luz esta Dezanove badaladas. E dicímolo malia que é unha obra de mocidade, malia que é un texto de experimentación, un texto de formación que se debe entender tanto en clave interna (lugar para autoafirmación nun tempo, aínda no franquismo, especialmente trascendente) coma en clave externa (o discurso, a novela, como método de renovación da narrativa galega, galega e non só porque o horizonte de expectativas do autor non temos por que cinguilo ao ámbito da narrativa galega, non temos porque restrinxir o horizonte de expectativas xusto cando o autor ten unha idade na que convencionalmente somos máis ambiciosos, e o texto de Dezanove badaladas confírmao).

                     En canto á trama da novela non hai moito que dicir. Un mozo decide marchar de esmorga por Compostela con tres amigos até onde dea para gastar a súa primeira paga. É Nolo, un mozo recén chegado á cidade desde a aldea. E nese proceso de esmorga seguro que non imos deixar de ter en conta A esmorga de Eduardo Blaco Amor. Non. E seguramente o autor tamén a tivo en conta, malia a mocidade e o difícil que era estar ao tanto da literatura galega nun tempo de clandestinidade. Mais en ningún momento quixo que fora modelo seu para a escrita desta novela, desta impresionante novela que é o texto con meirande preocupación lingüística que lembramos no século XX, daquela non existía normativización do galego máis alá da Normativa Galaxia que se empregaran nas décadas anteriores, xa que a RAG non traballaría sobre a lingua deica o mesmo ano 70. Porén non nos referimos aquí a unha preocupación lingüística no apartado da normativización, que tamén a hai, cos seus errros e os seus acertos. Non. Ao que queremos referirnos é que non lembramos no século XX outro texto coa riquea lingüística deste de Anxo A. Rei Ballesteros, que aínda sendo adolescente demostra unha riqueza léxica abaraiante, absolutamente abraiante.

                     Xa vimos que toda coincidencia coa obra de Blanco Amor é iso, pura coincidencia. E o que se entende como trama da novela, o asunto e circunstancias que se novelan, resulta o de menos. Esta novela é lugar para a aprendizaxe, para a experimentación de estratexias narrativas. Aspecto no que non podemos deixar de dicir que xa aquí se atopan algunhas solucións que estarán presentes na súa obra posterior. E que tamén resulta particularmente rico. Aquí, o que máis importa non é o que se conta senón máis ben como se conta. E, paralelamente ir fixando posicións a prol dunha cultura clandestina, que sobrevive e se manifesta fronte ao franquismo, aínda moi vivo e tremendamente activo en contra do galego e da cultura galega. Nese contexto, Rei Ballesteros conta, por exemplo,como se humillaba publicamente aos galegofalantes na escola.

                     E tamén cómpre salientar que, xusto a comezos da década do 70, Rei Ballesteros presenta un tema que que ao longo da décda non deixará de ter presenza, e aínda mesmo nas seguintes: o tránsito do mundo rural ao mundo urbano. Un mundo urbano de pequenas dimensións, Compostela era unha cidade pequena, pero era unha cidade, e na cidade pouco servía a aprendizaxe vital da aldea. O autor non deixa refrirse a isto en toda a novela, en palabras das personaxes, sobre todo de Nolo, ou en palabras do propio narrador. Desde este punto de vista é tamén unha novela do seu tempo e mesmo precursora. Méndez Ferrín, por exemplo, ocuparase do tema da vida urbana en Arrabaldo do norte, que é de 1964.

                     Así, pois, existen abondas razóns éticas e estéticas para lermos con delectación estas iniciáticas Dezanove badaladas, e a súa publicación póstuma, tan atenta e fiel á versión que Rei Ballesteros deixou inédita, é un completo acerto por parte de Galaxia.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s