crítica de O MAR QUE NOS LEVA (Moncha Fuentes, Xerais)

A REVELACIÓN LITERARIA DO ANO PASADO: MONCHA FUENTES

Título: O mar que nos leva

Autora: Moncha Fuentes

Editorial: Xerais

Vén sendo frecuente que, cada ano, Xerais nos sorprenda coa aposta por un título dun autor/autora descoñecido/a que se comverte na grande sorpresa, na grande revelación literaria dese ano. E en 2018 foi esta O mar que nos leva de Moncha Fuentes. De Moncha Fuentes sabiamos algo sobre todo polo seu labor no eido da tradución, desde o francés (sobre todo cómic), desde o portugués ( centrada na obra de Bento da Cruz) ou do galego ao castelán (Amor de Artur e No ventre do silencio, as dúas de Méndez Ferrín) ou polas súas colaboracións nos Cadernos Ramón Piñeiro ou A trabe de ouro. Mais nunca se decidira a poñer o seu nome debaixo do título dunha obra propia. Até esta O mar que nos leva que hoxe traemos a estas páxinas críticas da Ferradura, e que constitúe a grande revelación literaria do ano pasado, sendo merecente de moi boas críticas así como de moi boa acollida por parte do lectorado. Razóns non faltan, e ímolas expoñer a continuación.

                     Para esta súa estrea narrativa, Moncha Fuentes atreveuse cunha novela moi esixente no plano formal e que, a través da vida dunha personaxe central, Mariña Brei, da cal se relata a súa vida, non desantende algúns dos episodios centrais da historia do século XX na Galiza, como son o 68 compostelán, as folgas do 72 en Vigo ou emigración á Arxentina dos anos 30. Mais a  de Mariña Brei non será a única voz que nos conduza por esta historia dunha muller nacida e mediados do século pasado, tamén Paulo, a súa parella, contribuirá decisivamente nisto que podemos chamar quizais algo así como corrente de conciencia do tempo, dun tempo especialmente convulso como foi a etapa final do franquismo. De xeito que resulta unha novela atenta ao acontecer social, o acontecer político e o acontecer cultural dunha Galiza que, despois da tremenda represión que significou o golpe de estado franquista, comezaba a recompoñer a resistencia política na loita pola liberdade e a democracia. Son moitas a referencias culturais que percorren o discurso, especialmente na segunda metade, cando Mariña xa é adulta. Novoneyra é quizá o autor con meirande presenza, sen desatender outros feitos, como a chegada a Compostela daquel novo profesor chamado Beiras e que tanto impacto social e cultural produciu. Mais tamén Carlos Casares, Manuel María, García Sabell ou Castelao están presentes. Achegándonos ademais a figura dun Manuel Puente que foi un empresario e activista político e cultural galeguista na Arxentina, e cuxa pouco coñecida figura se reivindica nas páxinas desta novela.

                     Se no plano do contido é un discurso atento ao acontecer político, social e cultural na etapa final do franquismo, aínda que algún lector bote de menos un meirande detemento nos acontecementos clave da trama, no plano da expresión tamén é unha novela mi salientábel. Preséntase como un fluxo contínuo no cal os puntos ( seguido e a parte) teñen pouca presenza, pois as cousas vanse enguedellando unhas noutras e os diálogos no corpo da narración. De xeito que se trata dunha estratexia narrativa ousada, atrevida, pouco frecuente, que deixa á autora moi ben parada. Non esquezamos que é unha autora que se estrea con esta novela, e nestes casos o autor ou autora moitas veces queren demostrar a súa valía narrativa. Moncha Fuentes demóstraa sen ningún tipo de obxeccción. Certo é que esa esixencia formal de non usar puntos non se mantén en toda a novela, que, segundo se van pasando as follas e adentrándonos nela, estes rematarán por aparecer, porén a súa presenza para nada contradí esa concepción da novela como un mar onde todo o que aboia pertence á mesma e única masa continente. Porque son poucos os que van aparecer, e conservando a aposta polos períodos sintácticos longos e prolixos, complexos.

                     De xeito que resulta unha novela difícil de esquecer, tanto polo que conta por como o conta. Sen dúbida. Moncha Fuentes preocupouse por que esta novela non fora unha novela máis, dotándoa dunha expresión esixente e moi traballada e dun contido relevante, significativo.  O cal nos fai agardar novos traballos desta autora con moita ansiedade.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s