subliñados de O MAR QUE NOS LEVA (Moncha Fuentes, Xerais)

unha muller de  corenta e sete anos asomada á decadencia incipiente, inexorable, do seu físco, e non sorprendida do seu corpo, non, máis ben daquela ollada que nunca tivera e que a fitaba desde o outro lado coma se fose unha persoa allea (11)

……………………………………

unha americana que sempre lle caera antipática, ela tiña outros modelos, ela estaba obrigada a loitar e racionalizar, a saber ser firme, a gardar o tipo, pero Mª Elvira Castedo non saíu, era a súa compañeira de seminario e non saíu, loitou ata o final e non saíu (13)

…………………………………..

o seu pai, borracho, proferindo insultos, palabras procaces, unha careta descomposta e ameazante, tocándose a entreperna, a nai chorando entre a mesa de formica azul, acabada de comprar, relucente, e a lacena branca que trouxeran da casa de Mens (18)

……………………………………

ai, amor, bicos de luz e sal, e toda eu me entrego, aberta para ti, porque coñeces ben a unha muller, porque sabes que unha muller de dezaseis anos é unha flor da montaña (21)

……………………………………

porque eu, espero que non che soe grandilocuente, teño unha concepción do mundo, unha ideoloxía, entendes, non é? (21)

……………………………………

Soubo desde pequena que o cheiro das persoas formaba parte do seu carácter e aquel cheiro doce, de perfume pretensioso e antigo que se expandía desde o segundo andar invadindo todos os recantos do edificio, ía unido á súa avoa Elisa (25)

……………………………………

continuaba a avoa Elisa, cada vez máis embalada, máis entusiasmada no delirio eloxioso dos madrileños, sempre Amparito e Andrés soerguéndose coma presenzas alabastrinas e inalcanzables (36)

…………………………………….

a cara alongada e o nariz severo do Pacelli, de quen habería de saber, anos máis tarde, que ditara a excomuñón para os católicos italianos que apoiasen o Patido Comunista (37)

……………………………………

vou quedar a durmir en casa da avoa Amalia porque me operan o xoves e sinto unha angustia que me sobe pola gorxa e me afoga coma se estivese no interior dun alude de terra lamacenta (42)

…………………………………..

mercando bolsos de imitación aos senegaleses da Pedra, sorprendidos e desnortados pola poalla incesante dun día en Vigo sen sol español (55)

………………………………………

Don Manuel Puente era moi republicano e cando foi da guerra de España, todo era a favor da República e de Castelao, que eu empecei a saber del en Buenos Aires porque a niña nai da guerra case non falaba nada (62)

………………………………………..

eu son un ourensán máis dos que enchen esta cidade estrépito (77)

…………………………………………

Foran tempos felices, tempos cuxas imaxes navegaban, agora, polos neboentos ollos de Mariña, mentres o cuarto pequeno se enchía de ecos e rumores nos que sobranceaba o timbre cálido da voz de Paulo e que levaban a reunións políticas (87)

………………………………………..

Marcial entornando as pálpebras libidinoso e, va, por Deus, muller, Olelas pertence a Entrimo pero tocan a concertina e bailan o vira, ela sentíndose distante, apartada, cada vez máis excluída do grupo familiar (97)

……………………………………..

Mariña, non te fíes dos que non lles gusta o viño nin a chuvia, son mala xente (99)

………………………………………….

o medo viría máis tarde, eu diría que despois da destitución de Echeverry, ao ser nomeado reitor o fascista García Garrido, foi cando comezou a etapa do verdadeiro terror (104)

………………………………………

Vigo era, en fin, unha fermosa boneca rusa que había que ir destapando pouco a pouco e, por suposto, o que non sabía é que o ano 72 ía entrar coma un furacán inesperado na miña vida (111)

………………………………………

despois dos tiros perversos nos corpos de Daniel e Amador no Ferrol, unha comechón, un proído insoportable que os incitaba a unha actividade incesante de reunións, encontros clandestinos e asembleas, parecía terse apoderado dos habitantes da cidade (115)

………………………………………

e el deuse conta de que mentir é unha herba que te vai enguedellando, sabes? (119)

……………………………………..

Os días a seguir, pasounos, somnámbula, na casa dos pais, sen conseguir despegarse daquel veo visguento de estupor e irrealidade que a envolvía, e ficou entregada, autómata, aos aloumiños e consolos da súa nai que inventaba recados urxentes para sacala a pasear por unha cidade que acabaría pouco a pouco por recoñecer (129)

…………………………………….

eles non odiaban o galego como facía toda a dereita española e a maior parte da do seu propio país (132)

……………………………………

falar e escribir en galego era un capricho infantil e cismeiro, un ofuscamento estúpido, unha teima, no fondo, retrógada e carente de sentido, sexamos claros, unha paletada (132-133, salientado orixinal)

……………………………………

e quixo pensar en Portugal pero as imaxes agudas do Hospital Xeral metíanselle polo medio e ela xa estaba na padiola, entrando no quirófano e quedando durmida e acordando no medio da operación (145)

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s