crítica de TRES PINTORES (Cid Cabido, Xerais)

O REGRESO DE CID CABIDO

Título: Tres pintores

Autor: Cid Cabido

Editorial: Xerais

Despois de nove anos sen lermos nada seu, regresa Cid Cabido cunha obra de pequeno formato, merecente do Premio Ánxel Fole de Narración Curta 2018. Despois daquela lembrada Unha historia que non vou contar (2009) regresa con esta Tres pintores que hoxe traemos a estas páxinas. Nin que dicir ten que a expectación era máxima, pois é Cid Cabido deses autores que non deixan indiferente. E abofé que a lectura desta novela de pequeno formato si cumpriu as expectativas e resulta doado recomendarlla a quen queira achegarse a un discurso desenfadado e ameno, onde Cid Cabido coida moito a relación co lector e demostra as súas habilidades narrativas. Porque iso é o primeiro que cómpre dicir de Tres pintores, a coidada relación que o narrador e protagonista establece co lector, a quen se dirixe frecuentemente e a quen chama “camaradas”. Sen máis explicación, se a quere quen lea as súas páxinas, debe procurala en por si. Aspecto que tamén recomendamos porque, como mínimo, obriga o lector a un labor intelectual que sempre lle reportará beneficios. Nós, pola nosa banda, só diremos que, aínda que de primeiras parece que ese “camaradas”, visto o título, se refira a pintores, temos que aclarar que o título pouco ten que ver co que se vai ler.

                     En principio, a proposta narrativa de Cid Cabido resulta doada de resumir. En 1984, dous amigos que se atopan por azar unha noite, deciden que desde aquel momento farán unha viaxe a París, e, no camiño, recollen a outro mozo, máis novo ca eles, que di ir para Barcelona. A partir de entón iníciase unha road movie que os leva a Compostela e despois a Ovieu, mais non poderán progrear na súa viaxe porque non teñen cartos, e sen cartos non hai maneira e encher o depósito de combustíbel do vello R-8 en que viaxan. Así de simple. O que se nos relata é un episodio de vida pseudo-caralla-intelecto-bohemio-contrariosa. E aquí ten o lector outra oportunidade para pensar e repaensar a que se refire Cid Cabido con tan longa, composta e estraña combinación definitoria.

                     Como era de agardar despois de ler o título, no texto hai abondosas referencias a pintores: Picasso, Van Gog, Gauguin, Modigliani, Giacometti, Mondrian ou Suzane Valandon. Non é que o narrador nos estea remitindo constantemente ao mundo da pintura, nin moito menos. Esas referencias aparecen no texto bastante concentradas. E, desde o eido literario, non podían faltar Clarín e La Regenta, para quen atopa sitio, como é lóxico xa que boa parte da trama acontece en Ovieu. Do mesmo xeito tamén está presente o mundo cinematográfico, con Casablanca, Trainspotting, O anxo exterminador de Buñuel, ou Peter Sellers e Lolita. E tamén, tamén a música, con Lou Reed, Janis Joplin, Deep Purple, os Rolling, ou Joe Cocker. Entre todos contribúen a deseñar a configuración psicolóxica, o  ambiente mental, digámolo así, do narrador, que, non o esquezamos, é tamén un dos protagonistas. Entre todas esas referencias e algunhas curiosidades que o lector pode atopar interesantes, como por exemplo a razón de que a capitalidade se trasladase de Toledo a Madrid.

                     Porque o auténtico protagonista da novela é o narrador. Non o narrador en canto que é protagonista e o discurso se narra en primeira persoa. Máis ben o contrario, a personaxe, un universitario, en canto que é narrador e a maneira que ten de contarnos a novela. Unha novela que se nos conta coma se fora unha confidencia entre camaradas ( xa dixemos que ese é o termo co que se refire ao lector). De xeito que o lector, ao cal se refire o narrador en múltiples ocasións, sábese ben acompañado, ben conducido na narración por un narrador ao cal sente moi próximo. Despois, o que fai o narrador como personaxe, e o que fan as demais personaxes, case pertence ao eido do anecdótico. Os actos das personaxes desta road movie teñen pouca importancia, a non ser cando teñen que botar man da pillería para poder subsistir, pois chega un momento en que para as personaxes poder comer teñen que botar man de todo o seu enxeño.

                     En resumidas contas é a historia dun fracaso, esa viaxe a París. Máis tamén é síntoma dun momento histórico onde a mocidade quere transcender fronteiras, embeberse da cultura europea nun momento en que Europa estaba moi presente no ambiente social, non esquezamos, ou  lembremos, que Espña asina o Tratado de Adhesión en 1985 e fai efectiva a súa entrada na UE en 1986. Todo isto é así, mais non é algo que as personaxes teñan en conta por moi universitarios que sexan e o narrador sexa un narrador culto. O mesmo que botamos de menos algunha referencia á galeguidade do Bierzo polo que regresan a Vigo, que o fan por unha zona onde esa galeguidade se sente e reivindica hoxe en día e se sentía aínda máis naqueles tempos.

                     Eis, pois, unha novela sen outra pretensión que resultar ser unha lectura agradábel e desenfadada, unha lectur na que o lector se sinta cómodo mentres vai pasando páxinas. Cousa que se logra e hai que recoñecer moi remarcadamente.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s