crítica de DIÁSPOARA DO AMOR BALEA (Andrea Nunes Brións & María Rosendo Priego, Caldeirón)

POESÍA ERÓTICA A DÚAS MANS

Título: Diáspora do amor balea

Autoras: Andrea Nunes Brións & María Rosendo Priego

Editorial: Caldeirón

Non é a escrita a dúas mans moi profusa nas nosas letras. Así, no momento, lembramos aquela experiencia de Victoria Salagado e Paulino Pereiro (Entre dous, Baía, 1996, narrativa, mais tamén co sexo de por medio), a máis recente Rúa da Cancela (Eli Ríos e Eduardo Estévez, que tamén obtiveron con este título o Illas Sisargas de Poesía Erótica, publicada por Caldeirón no 2010) e a inesquecíbel Entre dunas (de Marga do Val e Paula Lemos, Espiral Maior, 2000). E agora vense xuntar esta Diáspora do amor balea, poemario co que Andrea Nunes Brións e María Rosendo Priego obtiveron o Illas Sisargas de Poesía Erótica na súa duodécima edición. É a primeira vez, polo tanto, que dúas voces poéticas femininas se xuntan para daren á luz un poemario erótico. E isto non deixa de ser unha razón máis para a súa lectura.

                    Como é habitual nestes casos, as dúas voces poéticas altérnanse no poemario. A este respecto recomendamos ao lector ou lectora que non pase por alto as presentacións que ambas autoras fan na lapela, pois utilizan normas ortográficas diferentes e este tamén é un criterio para as diferenciar. Porque, polo demais, quizá o máis salientábel do poemario é o ton harmónico que as dúas voces conseguen, ás veces, ben é certo, propiciado pola repetición de motivods poéticos que deste xeito queren compartir. Ademais das expectativas que no lector ou lectora poida espertar o feito de tartarse de sexo entre dúas mulleres. Que haxa sexo entre dúas mulleres non debería sorprender a ninguén a estas alturas do século XXI, mais que ese sexo veña expresado en forma de poesía si que é novidade. Quizais por iso as autoras non tiveron exemplos a seguir ou ter en conta na nosa lingua, que lles achegaran xa non só vocabulario senón tamén imaxes, metáforas, figuras literarias das que botar man no seu proxecto. E isto nótase, porque ben se pode dicir que ás autoras lles faltou un plus de ambición á hora de crear imaxes novas, tropos que enriqueceran un tipo de literatura, a erótica, que só recentemente coñeceu difusión reseñábel, primeiro coas Narrativas Quentes de Positivas e agora co Illas Sisargas de Caldeirón. E moito máis é necesaria esa riqueza expresiva na poesía erótica entre mulleres. Naturalmente, sería moi inxusto non recoñecerlles ás autoras os esforzos que fan para crear un rexistro poético no eido do sexo entre mulleres.

                    Concebido o poemario como unha relación poética epistolar, a ausencia da pel amada e/ou desexada é primeira característica a sinalar. Véxase que dixemos da pel amada e/ou desexada. O obxectivo é escribir un poemario erótico, mais o amor non está ausente, quen está ausente é a amada e os poemas vólvense cantos en expresión do desexo na ausencia da amada, cantos de saudade nos que os instintos e os sentidos teñen especial importancia porque avivan a lembranza, constitúen a lembranza e o desexo na distancia. Trátase dun amor correspondido e de sexo ansiado, entre dúas mulleres que son conscientes de que entre elas están a edificar unha revolución, mais se se senten especiais é polo amor que se teñen, pola lei que se gardan as súas peles, que senten e aceptan como natural, quen vai poñerlle fronteiras xenitais ao amor?

                     Tamén, segundo se vai lendo no poemario, salienta o coidado do ritmo poético, e o feito de que ambas e dúas saiban construír os poemas de xeito climático, de xeito que o remate sempre sorprende e obriga á reflexión ou como mínimo á evocación. Evocación, eis outra palabra fundamental. E lóxica, tratándose dunha relación in absentia. A evocación do amor encarnado nas peles que se lembran, nos sexos que se necesitan, nos corpos que se invocan e desexan porque todo neles é fonte de pracer, todo neles son orografías dos sentidos, cada recuncho, cada cova, cada poro. E ese desexo exprésase con paixón, a lembranza cede ou acende a paixón sen límites das amantes, esa cartografía dos corpos que se saben de memoria e a memoria trae á lembranza, actualiza, valéndose de calquera cousa aínda que poida parecer insignificante.

                     Se o amor-sexo evocado é en boa parte celebración, celebración das lembranzas que a pel amada deixou para sempre impresas, preñando o corpo de experiencias sexuais inesquecíbeis que alimentan o lume ou as brasas do amor que se teñen na distancia, o poemario dispón unha parte final onde o reencontro se materializa e as dúas amantes poden por fin verse e gozarse porque cada unha delas atopa na outra a súa casa, o seu fogar, o lugar de seu. Mais esta celebración final é curta, o poemario está constituído case na súa totalidade por poemas escritos desde a distancia, como unha forma de actualizarse para non perderse.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s