subliñados de SE ISTO É UN HOME (Primo Levi, Xerais)

Padeceiamos sede e frío, en todas as paradas pediamos auga a berros, ou polo menos unha presa de neve, pero poucas veces nos oíron; os soldados da escolta arredaban a quen tentaba achegarse ao tren (18).

………………………………………

Isto é o inferno. Hoxe, nos nosos días, o inferno debe ser así, un cuarto grande e baldeiro, e nós cansos de estar de pé, cunha billa pingando auga que non se pode beber, e agardamos algo realmente terrible e non pasa nada e segue a non pasar nada. Como pensar? (25-26).

………………………………………

Daquela,  por primeira vez, decatámonos de que a nosa lingua carece de palabras para expresar esta ofensa e a destrución dun home. Nun intre, cunha intuición case profética, a realidade revelóusenos: chegamos ao fondo. Máis para abaixo disto non se pode ir: non existe condición humana máis miserable ca esta, é impensable (31).

…………………………………….

Estas zonas de aseo son lugares que non invitan a nada: están mal iluminadas, con correntes continuas e o chan de ladrillo está cuberto por unha capa de lama; a auga non é potable, fede e a miúdo hai cortes durante horas (49).

…………………………………….

Pasaron algunhas horas máis antes de que todos os ingresados fosen admitidos, recibisen a camisa e cubrisen os nosos datos na ficha. Eu coma sempre, fun o último; un tipo, coa roupa de raias nova do trinque, preguntoume onde nacera, que oficio tiña na vida de <<civil>>, se tiña fillos, que doenzas padecera, unha morea de preguntas, que non se sabe para que poden servir, unha argallada arrevesada para facer mofa de nós. É isto un hospital? (63, salientado orixinal).

……………………………………

Porén, durante toda a noite, a través de todas as alternancias de sono, de vixilia e de pesadelo, asexa a espera e o terror do momento da alborada: por mor da misteriosa facultade que moitos coñecen, somos quen, mesmo sen reloxos, de prever o momento exacto con moita aproximación (82-83).

…………………………………..

O convencemento de que a vida ten un obxectivo está presente por todas a fibras do home, é unha propiedade da substancia humana. Os homes libres póñenlles a estes obxectivos moitos nomes e pensan e discuten moito sobre a súa natureza: pero para nosoutros a cuestión é máis simple.

Agora e aquí, o noso obxectivo é chegar á primavera (95).

…………………………………..

Neste caso as cousas son xeralmente máis sinxelas. Trátase de roubar ou comprar sabendo que foron roubados algúns dos diferentes utensilios, ferramentas, materiais, produtos, etcétera, cos cales estamos diariamente en contacto na Buna por razóns de traballo, introducilos no campo á noite, atopar o cliente e efectuar o troco a cambio de pan ou sopa (114).

………………………………

Sucumbir é o máis sinxelo: abonda con obedecer todas as ordes que se reciben, non comer outra cousa que non sexa o rancho, aterse á disciplina do traballo e do campo (123).

………………………………

Eramos seis a rascar e a limpar o interior dunha cisterna soterrada; a luz do día apenas nos chegaba a través dunha portela que servía de entrada. Era un traballo de luxo, porque ninguén nos controlaba; pero ía frío e o lugar era húmido. O po da ferruxe queimábanos debaixo das pálpebras e empastábanos a gorxa e a boca cun sabor case a sangue (149).

………………………………

Cada un de nós sentía, día tras día, as forzas fuxir, a vontade de vivir diluirse e a mente ofuscarse (160)

…………………………………

Agora cada un  anda a raspar coidadosamente coa culler o fondo da escudela para aproveitar os últimos restos de sopa, o que provoca un ruído metálico que significa que o día acabou (178).

………………………………

Aínda non sabe que é mellor levar pancadas, porque en xeral de pancadas non se morre, pero de cansazo si, e mal, e cando un se decata xa é demasiado tarde (181).

………………………………

Gustaríame poder contar que entre nosoutros, rabaño abxecto, unha voz se ergueu, un murmurio, un sinal de asentimento. Pero non pasou nada. Seguimos alí de pé, curvados e cinsentos, coa cabeza inclinada e só a descubrimos cando o alemán o ordenou (203).

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s