crítica de POR PUNTOS (Manuel Portas, Galaxia)

A ARTE DE SEDUCIR NARRANDO DE MANUEL PORTAS

Título: Por puntos

Autor: Manuel Portas

Editorial: Galaxia

Se un pretende esclarecer cales son os segredos da arte de seducir narrando, da arte de escribir e manter ao lector pegado ás páxinas do discurso, non é que vaia atopar tantas solucións como narradores e narradoras hai, mais case. Fronte a aqueles “gurús” que receitan facer dos malos malísimos e dos bos boísimos, é dicir, que na base da súa literatura estaría a constante esaxeración, a hipérbole como estratexia para que ao narrador lle fagan caso: asustar ao lector para seducilo, a fin de contas. Fronte a aqueles e aquelas que seducen ao lector a partir de temas truculentos, o malo sempre atrae máis ca o bo din a maioría de autores de novela negra. Ou fronte a aqueles que optan xusto polo contrario, por expoñer a sentimentalidade humana baseándose nas boas calidades da xente. Manuel Portas opta por unha vía diferente, que lle garante éxito desde que se deu a coñecer con Denso recendo a salgado, que se nota máis nuns títulos ca noutros -algo menos en Lourenço, xograr porque o xénero parece atalo en meirande medida- mais que non deixa de estar presente en toda a súa obra narrativa, Manuel Portas foxe precisamente dos esaxeros na escrita. Porque, sinxelamente, na vida, non hai nin malos malísimos nin bos boísimos. Hai xente normal, corrente, cos seus defectos e as súas virtudes, cos seus logros e os seus fracasos, coma todos. E, se a Manuel Portas o que lle interesa é reflectir a vida non pode caer neses esaxeros. E así vén sendo desde que comezou a narrar, desde que comezou a seducirnos coa súa narrativa, porque Manuel Portas é deses autores que, unha vez comezada a lectura, un ten verdadeiros problemas para deixala. Como os bos autores, como os autores escollidos, seduce narrando cunha efectividade asombrosa. E faino dunha maneira natural, que non sinxela, sen artificios, contando polo dereito e de xeito que o lector sinta a proximidade do narrador, do narrador e do mundo que narra. Porque o que, en definitiva nos conta Manuel Portas, é a vida. A vida, nada menos.

                     Tamén hai escritores/escritoras dos chamd@s tramátic@s, @s que narran tramas, ben procedentes da mesma realidade, doutros modelos literarios ou creándoas artificilamente, que atrapen ao lector, que prendan na súa curiosidade por saber como se vai resolver finalmente o desenlace da proposta inicial. Manuel Portas tampouco é destes. A fin de contas, que mellor trama que a propia vida?, que lle pode intersar máis ao lector que a propia vida que o rodea?

                     Si, Manuel Portas, o que che conta, lector é a vida. E non, nin lle cómpren esaxeros que chamen a atención nin crear tramas atraentes. Porque dá igual. Manuel Portas é deses autores que, conten o que che conten, dá igual, porque sabes, lector, que estás nas mans dun narrador competente que che vai facer atractivo o que sexa.

                     Nesta novela, Por puntos, gañadora do Blanco Amor 2018, preséntanos a un grupo de persoas que perderon todos os puntos do carné de conducir e se presentan ao curso para recuperalos. A novela é a historia dese curso. A novela é as personaxes que se presentan a ese curso, personaxes que por diversos motivos perderon os puntos ou mesmo os venderon. Porque é unha novela de personaxes á vez que unha novela de narrador, como vimos sinalando nesta crónica libresca, unha novela de gran narrador. Mais volvamos ás personaxes. A novela é unha galería de personaxes diversas que chegan ao curso coas súas soidades e que no curso van atopar unha maneira de saír desa ratoeira rutinaria e insatisfactoria en que se convertiu a súa vida. Quizá. Porque tampouco é unha novela de amor ou amores. É unha novela humana, repleta de humanismo, que as personaxes de Manuel Portas sempre son personaxes repletas de humanismo. Nesta novela hai un momento revelador, o capítulo IV, onde se presenta don Adolfo, o profesor do cursiño, e faino en primeira persoa, é a única vez que a novela se narra en primeira persoa, o resto é sempre en terceira persoa. Mais este don Adolfo, na súa presentación, é unha personaxe un tanto antipática, cousa que, no que queda de novela, se vai ir atenuando, aparecendo máis humano, menos distante, chegando incluso a confraternizar c@s alumn@s. Poñémolo como exemplo, porque o que está claro é que nestas liñas non imos poder falar de todas as personaxes e as caracteríticas que as definen. Marité, Merche, Rosa, Adela, Puri, Paco, Xosé Carlos, Tupé, Anselmo, Adolfo… son unha boa mostra representativa da sociedade actual, non total, non se aspira a iso, mais si parcial e válida. Unhas personaxes que, coma no resto da obra de Manuel Portas, son tratadas como seres humanos, coma viciños, coma amigos ou compañeiros cos que tromas café. Porque, máis que personaxes, unha instancia da novela, son persoas, persoas que teñen a caracterítica de viviren só na trama de papel e tinta que o autor crea, e tamén, tamén, e isto é moi importante, na cabeza e no corazón de quen os crea, pasan a habitar o territorio dos afectos do autor. Un autor que persegue, que quere, e conségueo, que esas mesmas personaxes sexan, aínda que só sexa por un tempo, habitantes do territorio afectivo do lector.

                    Con estas, é ben difícil non sentirse atinxido pola arte narrrativa, pola arte seductora verbal de Manuel Portas. Abstéñanse quen pretenda achar nas novelas de Manuel Portas feitos extraordinarios, personaxes extraordinarias. Porque o abraiante é o humanismo que destilan as súas tramas, nas qua nunca falta un chisco de humor, e as súas personaxes. Desde Cunqueiro, desde a triloxía de Cunqueiro, poucas veces vimos na narrativa galega un autor que sentira tanta estima polas súas personaxes coma Manuel Portas. E iso nótase. Porque axiña un se familiariza co que nos relata e coas personaxes que lle dan vida.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s