crítica de UN CONTO SICILIANO E OUTRAS HISTORIAS (Estro Montaña, Xerais)

RELATOS NEGROS OU CASE NEGROS

Título: Un conto siciliano e outras historias

Autor: Estro Montaña

Editorial: Xerais

Pasan cousas así. Un escritor de novela policial que quere facer pasar as súas novelas, claramente policiais, por novelas negras, e mesmo obtén distincións. Puidera parecer que o xénero negro prestixia, acelera as vendas pois funciona como reclamo fronte ao lectorado. Mais, nada é así, cremos, só puro marketing promocional. E, noutros casos, como este que imos comentar hoxe, sucede á inversa. Porque neste título de Estro Montaña lemos algúns dos relatos máis negros desde hai ben tempo, porén nin a presentación editorial nin nas informacións que lemos sobre a obra e o autor se reivindica a negritude destes relatos. Algúns claramente negros, como o que abre o volume e dá título ao libro, claramente negro, pois é dentro do ambiente da mafia siciliana que se desenvolve a trama do relato. E outros que poderían chegar a ser relatos negros, mais que rematan antes de se conveter en relatos negros, deixando esa “conversión” para que o lector a imaxine como consecuencia lóxica do devir da trama; tal sucede nalgúns dos relatos, sobre todo cara ao remate do volume.

                     Mais, antes de continuar e poñérmonos a escribir do libro, permítansenos unhas palabras sobre o autor, que non é un dos nomes mediáticos da literatura galega, do que non liamos nada no eido da ficción desde As armas delicadas (Xerais, 1997) mais do que nos quedou unha moi agradáben lembranza, e ao que consideramos un nome de referencia en canto á calidade dos seus textos, que neste novo contributo volve refendar. Unha sorte, pois, termos diante un novo título de Estro Montaña.

                     Un conto siciliano e outras historias é un volume que contén catorce relatos, algúns claramente negros, como o primeiro e que dá título ao libro, xa o dixemos, cuxa trama se insire dentro dos lindes da mafia siciliana. E o mesmo se pode dicir do segundo, aínda que troca de escenario radicalmente e a trama transcorre na Galiza, aquí o papel da mafaia siciliana pasa a ser detentado polo caciquismo, o caiquismo de D. Bieito, cuxos caprichos cómpre non contradicir mais que é home que trae riqueza a prosperidade e por iso todo o mundo mira para outro lado cando se trata de falr del. En ambientes parecidos a estes desenvólvense tamén so seguintes relatos, “A reunión” e “Maratón e Paxariñas”, relato onde reaparece o tema do contrabando. Son mundos típicos da temática negra, mais Estro Montaña non fica aí. O seguinte relato, un relato breve, céntrase no eido do crime sorpresivo, suxerindo sempre estarmos dentro das coordenadas do xénero negro. Xénero ao que voltamos no seguinte relato, “Xogo sucio” tráenos o xénero negro dentro da medicina e do deporte; aínda que sexa deporte non profesional, a corrupción non fai distingos á hora de se manifestar.

                    Cómpre dicir, antes de continuar, que unha constante neste volume é a habilidade do autor ao escoller o punto de vista narrativo, e o feito de que sabe coidar coma ninguén que o lector teña garantido o remate inesperado, climático, sorpresivo, que convida a que pensemos e repensemos no lido, en como foi a historia lida e en como podería continuar. Por demais, gusta moito do chamado “final aberto”.

                     Hai tamén relatos que apuntan ao xénero negro, relatos que deixan ao lector a capacidade para inserilos ou non e que se internan por temas diversos mais nos que se pode manifestar o xénero, que xa dixemos non fai distingos. Velaí pois o achegamento temático do eido inmobiliario ou o da atención aos maiores. Ou o contrabando na fronteira entre a Galiza e Portugal. E mesmo regresa a Italia no “Fragmento das memorias de Paolo Maresi”, un relato no que o estilo de vida é o propio do xénero negro.

                    Nin lle cómpre ao autor moito espazo para crearnos inquedanza, como no relato “ O bipolar de Coia”, onde lle abondan dúas páxinas para contarnos unha historia en que se funden a xenerosidade e o crime. A seguir preséntase, e non será a única vez, o mundo  do ensino, que reaparecerá no derradeiro relato, onde, cun chisco de ironía final, se conta unha historia de como intereses extralectivos poden rematar impoñéndose aos estritamente lectivos; máis outro tipo de corrupción. No derradeiro relato, e tamén no anterior, onde se expón o difícl que resulta para un profesor saírse da monotonía átona do ensino concebido como outra actividade laboral máis. Porén quédanos aínda un relato “Deixádeos vivir”, o que mellor exemplica iso que dicimaos dos relatos case negros, pois propón unha trama que non é en si negra mais presupón a existencia de actividades vinculadas ao mundo temático do negro, detrás das súplicas desa nai porque deixen vivir á súa filla e o seu namorado.

                     En defintiva, eis unha proposta lectora máis que interesante, onde Estro Montaña exhibe todos os seus dotes de gran narrador aínda nestas ditancias curtas.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s