crítica de O LATEXAR DO BARRIO (Tito Pérez, Do Peirao)

DEZAOITO RELATOS E UN BARRIO: MONTEALTO

Título: O latexar do barrio

Autor: Tito Pérez

Editorial: Do Peirao

Montealto é un barrio de A Coruña, que os que non somos de alí coñecémolo por ser un lugar culturalmente activo, dinámico, que nos deixou pedazos da nosa historia muiscal por exemplo con Os Diplomáticos de Monte Alto, e un barrrio ao que tamén aparecen ligados nomes moi importantes da nosa cultura, como o mesmo Manuel Rivas. Monte Alto ben merece un libro, entrar de cheo na historia das nosas letras. E xa o ten. Escribiuno un autor novo, Tito Pérez, do que aínda lembramosos Vinte fragmentos de mocidade voraz. A biografía do autor está especialmente ligada á aldea de O Picato (Guntín, Lugo) e ao barrio de Montealto en A Coruña. Non só a biografía vital, tamén a biografía dos afectos.

                     O primeiro que se le neste libro de relatos é a advertencia de que todo parecido coa realidade é só coincidencia. É dicir, reclámase para o libro o status de ficción e lémbrasenos que non se trata de ningunha reprodución letresca do barrio coruñés. Por moito que ao autor lle tire o realismo, non debemos esquecer nunca que estamos falando de ficcións literarias. Que aquí son dezaoito. Dezaoito ficcións literarias entre as que se encontra unha,“O latexar do barrio”, que dá nome ao volume.

                     Como se artella esa homenaxe indiscutíbel ao barrio de Montealto no libro? Comecemos por indicar que na propia capa do libro aparece, debaixo do título e en caracteres ben grandes, o nome do barrio. Non é calquera barrio. É Montealto. E, despois de ler o relato que dá nome ao volume, que é o cuarto e centra a trama no barrio de Montealto, barrio que se nos vai describindo da man dunha personaxe chamada Curros, ben podemos imaxinar que o resto de relatos son diferentes retallos da vida en Montealto concebidos de maneira que non posúen nin contiguidade histórica nin temática. A non ser que o lector queira vinculalos todos ao espazo común de Montealto, aínda que a trama transcorra noutro tempo ou noutros lugares ( que acontece) sempre é posíbel vinculalos a ese barrio, e , en realidade, o autor coida moi ben que esa operación se poida realizar

                     Un primeiro dato a ter en conta é a uniformidade formal. Sempre son relatos en terceira persoa, non hai unha aposta pola diversidae formal, que sempre engade un plus de atractivo para o lector. Malia iso, os relatos lense con interese. Aquí hai madeira de narrador, xa nolo pareceu na primeira entrega, os Vinte fregamentos de mocidade voraz, e o presente título non fai máis que confirmalo. Este é un narrador clásico, si, mais efectivo. Que ademais leva adiante un reseñábel exercicio lingüístico. O que é moito de ter en conta, sobre todo cando temos lido algúns críticos / críticas para os que a lingua non ten importancia ningunha. É dicir, coma se para facer pan fose indiferente o tipo de fariña a utilizar. Menos mal que hai autores como Tito Pérez que se decatan de que un escritor/escritora non é máis que un/unha ourive das palabras, fronte a eses autores ( que tamén os hai) que coidan especilamente non moverse dun rexisto lingüístico neutro, ramplón, cómodo e pobre.

                     Entre tantos relatos, as temáticas son moitas e ben dispares, mais paga a pena que nos paremos nalgúns relatos en particular porque a súa temática é pouco habitual. Máis dunha vez temos dito que a literatura galega vive en boa parte allea á propia problemática da sociedade galega. Cando facemos esta afirmación referímonos sobre todo á narrativa. E, neste título, Tito Pérez achéganos algúns temas pouco habituais entre os nosos narradores. Podiamos comezar con “A suxestión” onde o problema da lingua galega, como lingua B, aparece tratado. E, de lingua falando, tamén cómpre dicir que sería desexábel que en próximas entregas o autor fixera un mellor uso da onomática galega, aquí bastante maltratada. Mais o tema da lingua é só para empezar, porque tamén lemos contos onde se tematiza o traballo feminino, por exemplo, ou as touradas ( que moi poucas veces teñen aparecido na nosa literatura), as telenovelas ou a fobia antinacionalista. Ás veces cun chisco de humor e sempre apostando polo realismo. Tamén toca os conflitos xeracionais e atende especialmente os problemas da mocidade.

                     En defintiva, un título que paga a pena ler, dun autor novo ao que tamén pagará a pena seguir en próximos traballos. Édito nunha casa nova, Do Peirao, da que xa temos comentado outros títulos e  á que lle agardamos un futuro prometedor.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s