crítica de TODO ISTO ERA NOITE (Lucía Aldao, Apiario)

  

POESÍA VIVENCIAL, O AMORODIO

Título: Todo isto antes era noite

Autora: Lucía Aldao

Editorial: Apiario

Recollo dous conceptos que atravesan o poemario de Lucía Aldao para este título, sempre precisando que a creación verbal amorodio quizá sexa un tanto excesiva, resulta evidente no poemario que o amor é unha cousa moi complexa e que non todo nel é fulgor, extase, calor…porque moitas veces tamén é decepción ou algo moi parecido á dolor e o fracaso. Mais, en fin, é unha maneira de identificar dous dos fíos condutores deste primeiro poemario en papel, e invididual, de Lucía Aldao. O primeiro, despois de moitos anos, porque son moitos os anos que leva Lucía Aldao exercendo de poeta, noutras plataformas ou en obras colectivas, sobre todo a través do espectáculo Aldaolado que mantén coa tamén poeta María Lado, un espectáculo poético e algo máis, se teñen ocasión non o deixen pasar…

                     Non é o mesmo escribir versos ( por moi traballados, medidos, rimados, sentido) que ser poeta. Para ser poeta cómpre talento. Igual @ poeta non sabe moito de técnicas compositivas mais intúe o lugar xusto da palabra, o talento suple todas as eivas ou carencias que @ poeta poida ter. E Lucía Aldao leva sendo poeta moito tempo, facendo da poesía unha maneira de vivir, vivindo a poesía. Por iso este primeiro poemario de Lucía sabe a mel e limón a escorrer entre o zume das palabras.

                     O poemario supón un punto de inflexión. Pois sendo como son poemas que invariabelmente convidan á lectura en alto, ao recitado, xa que esa é boa parte da súa orixe, agora atopámonos con textos postos en papel para que o lector disfrute deles na intimidade, a súa natureza xa non é só oral. E velaí o punto de inflexión ou de encontro. De encontro entre a palabra dita e a palabra lida. Cousa que se nota moito no poemario, porque cada poema está tan ben artellado, tan ben construído que o valor da palabra vese enormemente potenciado. Non se nota que este sexa un poemario primeirizo, unha estrea. Pola contra, en todo momento achamos unha voz poética sensíbel e fonda, traballada, esmerilada, cun ritmo especialmente coidado, a expresión a potenciar o contido. Pola contra achamos unha voz poética moi persoal e intransferíbel.

                     En boa parte, Todo isto era noite é un poemario onde o amor ten unha presenza moi salientábel. Non o amor ñoño ou adolescente, matriculado en franquías de éxtase e gozo, ou de ausencia e desexo. Este é un amor adulto e real, un amor con luces e sombras, con  gozo e con dolor, atracción e distanciamento. Nunca é un paraíso, ou polo menos é un paraíso que dura pouco, porque Lucía Aldao é quen de facer convivir no mesmo poema o significado positivo e o significado negativo, o bo e o malo. Son poemas que transpiran autenticidade, sinceridade….e emoción e honestidade, tenrura cun toque de ironía, cultura popular e literatura de garito, non esquezamos que a disposición editorial déixanos un poemario estrurado en dúas partes, cada unha delas subdividida en tres, e estas seis levan nomes que significan moito na noite coruñesa, ou, mellor dito, na noite coruñesa que viviu/vive a autora.

                     Emoción e honestidade. Si, honestidade. Que esta é unha poesía vivencial. Non é o poema menos vida polo feito de ser obra (43). Non se trata de ocorrencias máis ou menos bonitas que converten a poesía en espectáculo baleiro. Todo o contrario. Aquí tamén hai espectáculo, pola mestría que deposita a autora en cada verso, en cada estrofa, en cada poema. Poemas que non só amosan o bo e o malo do amor o amo e o desamor, ou o amorodio.. Son testemuños de vida, e a autora tamén é quen de adoptar un ton confesional que achega moito o texto ao lector ou lectora, e ás veces diríxese a un “ti” que tamén cumpre a mesma función, coma se conversara con el/ela. Porque esta poesía de Lucía Aldao ten moito tamén de diálogo, un diálogo co lector ou lectora, c@ amante, co propio poema, e coa mesma voz lírica.

                     Se antes nos referimos a presenza da cultura popular, debemos incluír nesta a musical, e mesmo a literaria (aínda que sexa narrativa, velaí o mítico Sostén Pereira de Antonio Tabucchi, transformado aquí en “Sostén Aldao”. E indicar que o amor non é o único tema, segundo avanzamos na lectura imos atopar outros motivos temáticos que van desde o nacionalismo á metaliteratura (metapoesía, sobre todo). E este percorrido, sobre todo noctábulo, por lugares significativos da noite coruñesa, esta poesía que nace nunha innegábel fonte oral, despídese con plena consciencia de ser texto, texto para ser lido: Que sorte teño / de que leas isto / pola parte que me toca (60).

                     Lido e gozado. Porque esta poesía tan limpa, tan coidada, que flúe tan natural e iso non é senón sinal do traballada que está, tan honesta e verdadeira, é un regalo para @s amantes do xénero poético.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

  

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s