crítica de MNEMEA (Xosé Duncan, Galaxia)

NOVELA SOBRE A CREACIÓN LITERARIA

Título: Mnemea

Autor: Xosé Duncan

Editorial: Galaxia

Ben, para comezar, lembremos que Mnemea ou Mneme é a musa da creación literaria. É moi importante porque, ademais de personaxe secundaria da novela, o feito de ser escollido o seu nome para título da novela de Xosé Duncan fainos reflexionar sobre o feito da creación literaria, o cal, non cabe dúbida, é un dos obxectivos autoriais. E agora que xa aclaramos isto, cómpre dicir que os escritores e escritoras como personaxes literarios, tal que aquí sucede, adoitan ser bastante pouco agradecidos porque o lector ou lectora é lícito que agarde deles ou delas un comportamento diferente ao resto de personaxes, que dean mostras da súa xenialidade, dese plus que @s fai diferentes do resto de mortais, e raramente sucede. Entre nós, quen máis partido lle tirou ao escritor como personaxe foi, na nosa opinión, Xurxo Borrazás en Ser ou non (Galaxia, 2004) e non é para esquecer O derradeiro libro de Emma Olsen (Berta Dávila, tamén en Galaxia, 2013. Hai máis, porén estes son onde mellor quedaron, un escritor e unha escritora. Por aí tamén o tentaron desde Dante (A divina comedia, Virxilio, o poeta, é unha personaxe) a Borges en “El Aleph” ou  J.M. Coetze ( O mestre de Petersburgo) con éxito. No caso de Borrazás, sen dúbida débese ao feito de facer do escritor o centro dunha trama de misterio. No de Berta Dávila, trátase dunha narradora moi competente quen conduce a historia.

                     Non só un escritor, Lois Mourinho, senón tamén unha escitora, Anna (que tamén foi parella de Lois), unha coautora (Carla) ou unha editora (Sandra) protagonizan esta novela de Xosé Duncan. Lois Mourinho é un escitor de literatura fantástica, un escritor de éxito vido a menos pois xa non escribe novelas que interesen á actualidade editorial. A novela, esta novela, Mnemea tamén é a historia de como Lois escribe a súa derradeira novela. Ben, Lois e Carla, porque o método creativo de Lois non deixa de ser curioso, el dita unha serie de directrices que despois Carla é quen pon por escrito. Aquí cabe reflexionar quen é @ verdadeir @ autor/autora. Na nosa opinión é Carla, nin creación compartida nin gaitas, quen lle dá forma á novela é Carla e a autoría debe ser súa. Mais, en fin, que o lector ou lectora achegue as súas conclusións. Non deixa de ser curioso o método de creación de Lois, onde Carla é case unha “negra”. De feito, o uso de “negr@s” resulta máis que contrastábel na historia da literatura máis recente.

                     Porque, en definitiva, a novela é iso: unha proposta narrativa a partir da cal reflexionar e debater. Remexer conciencias. Aliás do uso de “negros”, neste caso unha “negra”, na novela tamén se fala do politicamente correcto, dos límites xenéricos, dos egos d@s autores/autoras, e mesmo de como se pode controlar e dirixir un premio literario para que recaia en determinada autoría que se prefire a calquera outra, por exemplo. Si, a novela deixa materia abonda inclusive para polemizar, para reflexionar. E é o mellor da novela. Esas propostas. Porque, do resto, e aínda que polo discurso aparecen personaxes “irreais”, que pertencen ao mundo da fantasía (non esquezamos que o autor é especialista neste tipo de literatura) non se tira partido da convivencia deses dous tipos de personaxes. A mesma musa Mnemea é un exemplo. Porque de todos os temas que o discurso propón, o máis importante é precisamente a convivencia d@ autor/autora c@s seus personaxes e, máis que nada, o proceso de produción novelesca. Xa explicamos o método de Lois Mourinho. Mais, existe a inspiración, é real? Todo iso das musas, non é un chisco antigo?

                     A noso xuízo, a novela debería ter máis densidade dramática e aproveitar mellor personaxes como Carla, como Sandra (editora) ou a mesma Anna. Mais o que menos nos gustou é o non uso dunha onomástica plenamente galega ou o recurso dos castelanismos. Non só hai unha frase en castelán senón que tamén están presentes outros castelanismos léxicos, como “tostas” (en lugar de torradas, “tosta” admíteo a RAG, mais non deixa de ser a versión reducida de tostada) ou “espumadeira” ( en lugar de escumadeira, a RAG tamén o acepta, igual que “espuma”,mais está claro que se trata dun castelanismo. A RAG ten estas cousas!). Tamén hai que dicilo, neste caso ten máis culpa a falta de criterio do dicionario da RAG có propio autor…

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s