crítica de BELEZA VERMELLA (Arantza Portabales Santomé, Galaxia)

NOVELA POLICIAL DE VERÁN

Título: Beleza vermella

Autora: Arantza Portabales Santomé

Editorial: Galaxia

A proposta resulta absolutamente suxestiva. A trama parte dun asasinato cometido nunha casa na que hai seis persoas ademais da moza morta. Unha rapaza de 15 anos con evidentes dotes artísticas aparece morta nun cuarto ateigado de sangue que reproduce unha fotografía dunha familiar súa que é unha importante artista gráfica galega. Só seis persoas puideron matala porque só seis persoas había na casa. O inspector Santi Abad e mais a súa axudante Ana Barroso serán os encargado de levar a investigación. Apetécelles ler a novela con este punto de partida? Ben, aínda podo engadirlles algunhas cousas máis sen develar nada da trama para non pisarlles a lectura. Que se trata dunha homenaxe a Ágatha Christie, a raíña da novela policial, máis concretamente a O caso dos dez negriños, só que aquí os posíbeis culpábeis son só seis. Está ben lembrar a unha das narradoras máis lidas do século XX, a raíña do misterio, sen dúbida. Ademais a mestura entre arte e morte, durante a lectura levounos a pensar en O perfume. Historia dun asasino (Patrick Süskind, hai tradución ao galego en Sotelo Blanco, 2006, a cargo de Luís Fernández Rodríguez). Que a novela sexa presentada editorialmente como novela negra reforza esta impresión. Aínda que xa lles dicimos que só pode ser considerada como novela negra “ao estilo nórdico” (que confunde totalmente novela negra e policial). A novela negra de sempre céntrase no mundo do crime, no mundo dos baixos fondos (material e mentalmente pensando) e non interesa para nada que o asasinato (se o hai) sexa resolto ou non. E este non é o caso. Aquí non só importa senón que é obxectivo primordial aínda que a novela non remate coa resolución. Mais parece ser que a novela negra vende máis, fartos estamos de ver como as novelas de Domingo Villar se presentan como negras sendo puramente policiais.

                     Para máis, este formato dun crime do que só poden ser culpábeis un número reducido de persoas, que son reunidas no momento da resolución do caso, obtivo un innegábel éxito en series televisivas como Death in Paradise. As concomitancias co que aquí sucede son evidentes.

                     O estudo da relación existente entre a morte a arte, é do máis interesante da novela, así como a exposición dunha serie de personaxes que resultan moito máis complexas do case idílico cadro que pintaban nunha orixe. As relacións de dependencia establecidas entre elas, os escuros obxectos do desexo das personaxes, incluídos os propios investigadores, é do mellor e máis logrado da novela. Facer recaer a tensión narrativa máis na empatía que xeran co lector, ca no devir da investigación policial, é un completo acerto. Porén haberá que ser un/unha lector/lectora constante e fiel, porque o discurso é de progresión lenta. Nun principio as causas, motivacións etc. do asasinato non levan a ningún lado, e a exposición das personalidades das personaxes aínda está comezando. Nin o recurso aos capítulos breves é suficiente. Cómpre ser fiel e agardar. Porque finalmente, avanzada a novela, chegará. E chegará o que, a noso xuízo, é o mellor da novela: a capacidade da autora para levar ao lector a empatizar ou non coas personaxes. Iso é o que realmente se fai, en lugar de dosificar a información ou presentar diferentes candidatos a culpábel antes de resolver o caso.

                     Agora chega o momento de falar do malo, que tamén o hai. A forma en que se presenta a novela resulta sinxelamente difícil de deixar pasar por alto. Xa non é só que seguramente non se corrixiron as probas de imprenta, o que deixa lugar á existencia de múltiples grallas ( unhas veces faltan letras, outras veces faltan ou sobran acentos gráficos, outras veces confúndese letras, ou repítese o pronome despois do verbo cando xa se puxo antes…) e estas grallas seguro que non as hai na edición en castelán, porque se depuraron na tradución. O lectorado galego merece outro respeto, polo menos, xa que case vivimos de primeiras versións, que se corrixan as probas de imprenta, que é cousa do autor/autora. E non só iso senón que hai moitos castelanismos. Desde confundir o si afirmativo co se condicional ( en galego si nunca é condicional), ao uso do verbo ganar en lugar de gañar (por moito que o dicionario en liña da RAG o valide), confusións de xénero… E sobre todo o uso de castelanismo léxicos que non teñen explicación posíbel (joder, huevos, ou feito polvo – e non direi máis, tampouco quero eu facer o traballo da autora), porque se un/unha autora non ten recursos narrativos suficientes como para evitalos…é mellor que… iso por non falar da onomástica, na que se usan nomes casteláns e apelidos castelanizados, agás algunha excepción. Xa está ben. Xa abonda. Había moito tempo que non tiñamos diante un libro que se presentase tan descoidado.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s