crítica de A ROTA DO OESTE (Henrique Dacosta, Edicións Embora)

A AVENTURA DUN ISLANDÉS NO CAMIÑO INGLÉS

Título: A rota do Oeste

Autor: Henrique Dacosta

Editorial: Edicións Embora

Malia a importancia que o Camiño de Santiago ten historicamente como fulcro da creación dunha Europa unida (iso din @s politic@s), ou mesmamente como axente cultural na Idade Media e económico na actualidade, son ben poucas as veces que a narrativa galega contemporánea se achegou a esta realidade. Se exceptuamos As frechas de ouro (John Ruterford, Galaxia), A cripta do apóstolo ( Pere Tobaruela, Xerais, para mozos e mozas) ou a recente Camiño de paixóns (Carlos Meixide, Galaxia, vencedora do I Premio de Novela Camiño de Santiago) non lembramos outro título que engadir. Por iso, este de Henrique Dacosta conta cun principio de orixinalidade que mesmo se incrementa se adiantamos que aquí non se percorre o Camiño Francés, o máis coñecido e divulgado, senón o Camiño Inglés, desde Ferrol. Ou, para ser máis exactos o Vestvegr, que comezaba en Ribe, Xutlandia, mais que, por causas naturais ese porto quedou inutuilizado e agora parte de Esbjerg, a pouco máis de trinta quilómetros. O Vestvegr, que despois confluía co Camiño Inglés deica chegar a Jaksland, a Terra de Santiago. Pois desde aí parte Gudmund Anórsson para percorrer o camiño que anteriormente fixeran os seus devanceiros, e que aparece tratado na primeira parte da novela, desde que estes se converteron ao cristianismo.

                     Antes falamos da primeira parte da novela, en realidade son tres partes e mais un epílogo os que deseñan a presentación ediorial da novela. Porén, a trama da novela ben se pode dicir que transcorre en dúas partes. Unha en Islandia, e que inclúe a travesía marítima até Ferrol. E outra desde que Gudmund chega ao Ferrol e dá inicio ao percorrido do Camiño Inglés. Na parte islandesa, na primeira parte, a máis interesante da novela, preséntasenos unha personaxe, Gudmund, de vida complexa, mecánico de avións que sofre un accidente terríbel e se namora se Sigrid, coa que manterá unha tórrida, ou melllor dito, tortuosa relación amorosa. Dicimos que é a máis interesante, tanto por esa personaxe escura e polémica de Gudmund, como polas noticias da Historia islandesa que se nos trasladan, como polas viaxes que Gudmund e os seus amigos realizan por aquelas terras de xeo. Porque non é precisamente que os galegos teñamos moitas noticias de Islandia, todo o que se diga dela é para nós algo novo, algo exótico. Alén máis, nesta primeira parte hai unha personaxe fundamental, Ana Saavedra, que traballa para unha modesta editora local e que será a culpábel de que Gudmund remate aceptando a proposta de vir a Compostela por Ferrol. Unha personaxe que non só é fundamental por iso, tamén a fai moi interesante o que escribe e aparece na novela.

                     E deica aí podemos contar. Pouco engadiremos. Só que, por avatares da trama, esta, na segunda parte, remata transformándose nunha novela híbrida, nun discurso híbrido, que por unha parte é unha trama de aventuras (con Gudmund e Ana por un lado e con Os Cinco de Touriñán como antagonistas), sen deixar de ser unha novela do Camiño Inglés (ambos van percorrendo etapa tras etapa, mentres foxen dos antagonistas) e nunha novela de amor (con Gudmund e Ana como agradados protagonistas), quizá unha novela de amor demasiado agardada, igual que os antagonistas non son malos de todo senón que son xente normal que se viu obrigada a andar en malos pasos. Nisto, a novela case se converte en discurso para mozos e mozas, demasiado ideal. Aínda que, o certo é que a trama está moi ben traída desde o acontecer histórico real, tanto islandés como ferrolán, e mesmo hai un momento en que Ana e Gudmund comparan o proceder histórico dos dous pobos fronte a un problema común. Pois se os islandeses foron exemplo para o mundo deixando caer a banca e desatendendo os “consellos” do FMI, aquí, na Galiza, en España, tamén nos fixemos oír co 15-M.

                     Este esforzo por incardinar a trama no decorrer da historia real, de vinculala indiscutibelmente ao realismo, é moi de agradecer e dálle outro valor á novela, unha novela que, se non desatende a Guerra do Bacallau islandesa, por exemplo, tampouco esquece a crise industrial na bisbarra ferrolá, o cal, ademais, resulta decisivo na armazón da trama e explica ben porque son como son Os Cinco de Touriñán. Nisto, o autor está moi ben documentado, como o estivo cando a trama andaba terras nórdicas, ou como tamén o está no caso da evolución das tácticas do narcotráfico.

                     Eis unha novela que non só entretén ao lector senón que tamén o ilustra. Que máis se pode pedir?

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s