crítica de A NOITE DO LOBO (Abel Tomé, Galaxia)

ALGO MÁIS QUE UNHA NOVELA DE AVENTURAS

Título: A noite do lobo

Autor: Abel Tomé

Editorial: Galaxia

De Abel Tomé aínda lembramos A noite do corvo, unha distopía policial que tamén era algo máis ca unha distopía e algo máis ca unha novela policial. Seica era o inicio dunha triloxía da cal o segundo chanzo é esta A noite do lobo coa que o autor se fixo co Premio de Narrativa Illa Nova 2019. E garda coa anterior certos parecidos e mesmo unha referencia xeográfica (Gothard), que nesta novela de aventuras hai moitos acenos, cara á propia obra anterior (como vimos) e cara a obra doutros autores. Porén, sigamos certa orde, que para todo haberá tempo, e antes de nada indiquemos que se trata dunha novela de aventuras, unha novela que propón na súa trama a caza do lobo, un lobo terríbel, que ten feito moitas mortandades, e que só parece ser quen de cazar un misterioso home (o señor d´Ourantes) que arrastra tras de si unha fonda traxedia e que semella un home fóra do tempo, un ser intemporal, pois non se lle coñece a idade e mesmo se chega a dicir que xa debería estar morto. O lobo é un animal mítico na Galiza, a nosa tradición está repleta de alusións ao  lobo. E o cazador de lobos non é esta a primeira vez que aparece na nosa narrativa contemporánea, pois aínda lembramos a excelente Pel de lobo , da que non nos queremos esquecer porque, malia o dito, tampouco é unha temática demasiado visitada polas nosas letras.

                     De primeiras, cómpre dicir que como novela de aventuras que é cumpre á perfección o seu cometido: entreter e pegar o libro ás mans do lector. Non cabe dúbida de que o autor logrou argallar unha trama novelesca, aventureira, desas que custa traballo deixar de ler, desas que apetece ler dunha tirada, malia que as 200 e pico páxinas parezan unha distancia un tanto  longa. Porque, ademais do carácter aventureiro da trama, cómpre engadirlle a iso o feito de propoñela nunha xeografía distópica, fantástica mesmo, que garda acenos, iso si, coa xeografía real na que todos nos movemos. Porque é unha novela de acenos, xa o indicamos, como por exemplo o de Mary Shelley: Ingolstadt por un lado e o mesmo Víctor F(rankenstein) por outro. E este xogo de acenos, a verdade é que lle senta ben, e se é posíbel recoñcer a Costázar ou David Lynch ou a Robin Hood, por exemplo. E o máis claro, o de Emily Dickinson, os títulos dos capítulos son versos seus. Que non é un xogo gratuíto, un facer por facer, xa que ten a misión de facernos visíbel constantemente que estamos nos lindes da literatura, mais non dunha literatura calquera, e nisto, que o primeiro aceno que descubrimos sexa o de Robin Hood tamén ten o seu significado. Igual que tamén teñen o seu significado ás alusións á historia da Galiza, (castrexos e romanos lémbrannos que podería seu unha fantástica e atempotal época da Galiza) a trama situarase nunha xeografía fantástica, mais en ningún momento o autor quere que o lector ou lectora deixe de pensar que se podería tratar da Galiza real. Será unha historia, unha trama inventada, mais estas cousas pasan. Estas cousas pasan, como a crítica do absolutismo de reis, raíñas, nobres, como a crítica dunha Igrexa fanática, como o aceno ás relixións pagás. Por exemplo. Poñer en valor a nosa tradición e mesmo o medio natural, á vez que non se deixa de acenar cara as obsesións (a selva, por exemplo) e eses momentos que marcan unha vida.

                     O resultado é unha trama aventuresca que é máis que unha trama aventuresca, ficción evasiva. Tamén persegue a reflexión por parte de quen a le. Sen que iso supoña ningún impedimento para que a trama se desenvolva na súa cara aventuresca. E tamén se trata dunha novela que crea as súas propias figuras mitolóxicas, serán máis ou menos acertadas, máis ou menos orixinais, porén non deixan de conferirlle á novela ese ton fantástico e trascendente que nunca a abandona.

                     Escrita nun estilo moi directo, con períodos curtos e linguaxe moi clara, parece diáfano que, despois de que deixaramos ben dito que se tarta dunha trama moi  entretida, parece diáfano que esta sexa unha das novelas preferidas deste verán, ou deste ano. Cónstanos, porque llo lemos nalgunha entrevista e así o proba cando escribe, que ao autor lle preocupa moito a lexibilidade das súas obras, e por iso escolle manifestarse nunha linguaxe tan común. As preocupacións acoden á nosa mente cando, reflexionando sobre isto, comprobamos que Álvaro Cunqueiro nunca tería escrito O seu Simbad, ou que @s poetas deixarían de existir, ou que tantas outras obras non serían posíbeis. Preocupante ou non? Pola contra, cremos que hai que educar indicando que non se debe ler nada sen un bo dicionario a man. Porque ler tamén debe servir para aprender máis lingua. Lingua, o instrumento co cal se escribe, debe ser o máis rico posíbel.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s