crítica de BREVEDUME (Xurxo Borrazás, Galaxia)

MICROCONTOS E MICRORRELATOS DE XURXO BORRAZÁS

Título: Brevedume

Autor: Xuxo Borrazás

Editorial: Galaxia

Probabelmente se dixeramos que a brevidade é un dos xéneros predilectos de Xurxo Borrazás, a pouca xente estrañaría, un repaso á súa obra así o parece indicar e este título veno confirmar. Mais non. Non. En primeiro lugar porque temos que falar de hiperbrevidades. A estas alturas do século XXI, a distinción entre brevidade e hiperbrevidade está máis que descrita e tratada pola crítica. Porén, repitiremos, a hiperbrevidade ten como moito unha extensión de páxina e media, todo  que supere iso son brevidades, sempre e cando non acaden a dimensión do relato breve, a redor das 1000 palabras. E como tal hiperbrevidade, Literatura Hiperbreve ou, como a nós nos gusta dicir, Literatura Mínima, ten unhas pautas de comportamento que non dá descrito ou explicado a crítica tradicional, porque non se trata de literatura que se poida encadrar na literatura tradicional. Facelo así, describila ou entendela desde a perspectiva crítica tradicional, encadrada na literatura tradicional, só leva ao fracaso. E esta Brevedume contén textos que nunca superan a páxina, hai un que case acada a páxina, algúns que se conforman cunhas cantas liñas e, a maioría, desenvólvense nunhas poucas liñas, pouquiñas, ás veces, moitas, unha liña.

                     Probabelmente, se autor coñecera toda esta corrente crítica, que tampouco falta en galego, aínda que o mundo anglosaxón foi menos receptivo malia algúns dos críticos que a teorizaron traballaren nos USA, entre eles ( Dolores Koch, a pioneira é un bo exemplo, mais tamén Juan Armando Epple estivo entre eles, ou David Lagmanovich, por dicir algo) se o autor coñecera esta corrrente crítica non tería que botar man desa creación verbal da “brevedume”, aínda que Xurxo Borrazás é moi dado ás creacións léxicas, ao xogo de palabras, que aquí tampouco falta. Probabelmente, entón, decataríase de que o que escribe son micorrelatos e microcontos. Lembremos: o micrconto conta unha historia, ten personaxes e un reamte lostregueante, que sorprende e fai cavilar (epifanía); o microrrelato non conta unha historia, non ten porque ter personaxes ( de feito o máis normal é que non os teña) mais si conserva ese remate lostregueante, a miúdo o microrrelato constitúe a plasmación dun pensamento brillante do autor. Os microrrelatos poden tamén considerarse microensaios, cando tratan temas trascencentes. E moitas veces chegase a eles desde o clásico aforismo. Que é o que acontece aquí, por iso a maioría tenden a ser microrrelatos. Aínda que ás veces, moitas, estes aforismos de Borrazás inclúen personaxes porque o autor é pouco dado a seguir as convencións literarias, prefire rachar moldes. E, sen dúbida, esta Brevidume así foi concebida, aínda que non faltan acenos ao microconto máis famoso do mundo, o do dinosaurio de Monterroso.

                     Mais é menos rachadora do que parece se a ollamos desde a perspectiva da Literatura Mínima. Menos. Non dicimos que se borre, que se desplace ou non exista ese afán transgresor. Porén, transgresor doutra maneira. Porque aquí, neste título, o verdadeiramente importante, o que máis atrae ao crítico e ao lector, son os textos híbridos, ou, por dicilo doutra maneira, aqueles textos que están na fronteira entre o microrrelato e o microconto. Aí é especialmente rico, sen dúbida. Alén diso sempre atraente coñecer as opinións de Borrazás sobre múltiples temas, esas opinións que non se afanan na ortodoxia, no politicamente correcto, no convencional. Todo o contrario, o pensamento de Borrazás caracterízase por ser libérrimo, por non se sentir atado a ningunha convención porque estas lle importan ben pouco. Nós, aquí imos renunciar a ofrecer un adianto temático daqueles que focliaza o autor neste volume; xa que nin el quixo facelo e así o deixa claro nas palabras preliminares (nin lle chama “prólogo”, nin “limiar”, absolutamente nada, e por certo, el mesmo aconsella que non se lea: fáganlles caso) tampouco nos vemos nós nesa obriga.

                     Abonde dicir que Borrazás nos  presenta os microtextos agrupados segundo o ano en que foron escritos, desde 2010 a 2018, non haxa dúbida de que hai temas que se repiten (aínda que ás veces tamén aparecen os textos xuntos) nunha disposición nada favorecedora para os lectores. Van un despois do outro, cunha mínima zona de separación. E isto que vimos de chamar zona de separación entre os microtextos, na Literatura Mínima chámase “zona de reflexión” e debe ser espacialmente moito máis grande. Canto meirande é a zona de reflexión máis se desmecaniza a lectura, permitindo así unha reflexión máis axeitada sobre o que se vén de ler. Aquí, como dicimos, é mínima, case inexistente o que non favorece nada os microtextos; mais tamén, por outra banda, é unha táboa de salvación, non en todos os microtextos resulta igual de xenial, igual de imaxinativo, igual de ocorrente, igual de brillante (como é lóxico, un non pode ser xenial sempre, as 24 horas do día) de xeito que aqueles menos afortunados pasan máis desapercibidos ao provocar unha lectura tan mecanizada que logo se pasa dun ao seguinte. Por iso, nós, desde esta crónica libresca, imos aconsellar lecturas moi fragmentarias no tempo, nin sequera aconsellaremos seguir a orde dos textos, porque canto menos intensa sexa a lectura, canto meirande sexa o tempo dedicado a cada microtexto tamén meirande será o proveito que o lector lle tire a libro.

                     Polo demais sempre é unha festa atoparse cos microtextos dun Borrazás de pensamento tan pouco convencional, que bota man non poucas veces da retranca (tan nosa e parece que en regresión na prosa actual), da ironía, dos xogos de palabras, dos contrastes, dos diálogos que mantén con autores que (dunha maneira ou doutra) lle dan pé aos seus microtextos. Aínda que nos gustaría que ás veces fora máis explícito, como cando di que Alejandra Pizarnik era unha admiradora de Rosalia; déixao así, sen máis, e tería a súa importancia se o fora, mais debería explicar como chegou a Pizarnik a coñecer a obra de Rosalía. Nós podemos imaxinar que lle chegara a través de Arturo Cuadrado, cofundador con Luís Seoane de Botella al Mar, a primeira editora da Pizarnik, Cuadrado foi o seu primeiro editor e ben lle puido pasar Seoane lecturas de Rosalía. Mais é pensar por pensar, por imaxinar o que Borrazás non nos conta..

                     Humor e ocorrencias brillantes tampouco faltan.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s