crítica de MINUTOS PARA MEDIANOITE (Xavier Queipo & Ramón Neto, Galaxia)

POESÍA CIENTÍFICA

Título: Minutos para medianoite

Autores: Xavier Queipo & Ramón Neto

Editorial: Galaxia

Existe, entre o común da xente, a crenza de que letras e ciencias son dous mundos distintos. Xa non só entre a xente, ente as mesmas autoridades que lexislan en materia educativa. E podemos dar por certo que representan dúas maneiras diferentes de entender, interiorizar e expresar a realidade. Mais de aí a que sexan mundos opostos hai moito camiño. E con esta crenza convive tamén a de que “as letras” son moi perigosas para os políticos porque ensinan a pensar criticamente. E non imos dicir que sexa incorrecto. O que non é certo é que as ciencias deixen de facelo. Para proba, un dato: historicamente quen deu maiores problemas a quen tentaba organizar a vida da xente foi a ciencia. Lembremos, porque a novela de Xabier Paz aínda segue na nosa memoria, o que custou que se aceptara o heliocentrismo, velaí a ciencia en estado puro condicionando a vida non só cultural. Tampouco imos negar que, desde sempre, “as letras” son un fervedoiro de expresións críticas coa realidade, desde sempre. Mais quen lera a novela de Xabier Paz poderá moi ben lembrar como na Idade Media ou no Renacmento a filosofía, as matemáticas, a música e a poesía camiñaban de mans dadas e unhas pedían as outras. Hoxe, a poesía é moi diferente, xa non priman nela o cómputo silábico nin a rima, que a acercaban á música. Porén, como xa reivindicaba Fernando Pessoa, un teorema científico pode ser tan belo como a máis excelsa metáfora.

                     Serán dúas maneiras diferentes de aproximarse e explicar a realidade. Mais non teñen porque ser contrapostas nin unha máis fermosa cá outra. A fin de contas as dúas nos achegan a iso tan fermoso e trascendental que é o coñecemento. Quizá fora agora ocasión  para lembrar cantos escritores e escritoras dedican o seu tempo ao mundo científico, que xeralmente lles dá de comer, mais tampouco son quen de esquecer a chamada da creación. Resultaría moi tentador ofrecer agora unha listaxe de nomes e apelidos, mais conformarémonos con lembrar como a mesma Madame Curie botaba man da poesía para tratar de entender mellor a súa actividade científica.

                     Neste contexto, Xavier Queipo e Ramón Neto, dous poetas experimentados, dan á luz Minutos para a medianoite, un proxecto creativo no que se pretende facer poesía coa linguaxe científica e, tamén, auxiliarse da linguaxe poética nas concepcións científicas. Con toda seguranza un dos retos meirandes que se poden concebir. E a verdade é que saldan cun éxito rotundo a experiencia. Certamente, a linguaxe científica semella un tanto fría, aséptica, excesivamente precisa, e, polo tanto pouco poética. E é certo o primeiro, mais non por iso ten que ser pouco poética. Desde aquela poesía medida e rimada os tempos fixeron que esta mudase moito e hoxe son o ritmo e o xogo co espazo en branco quizá as dúas características que definen a arte poética actual. Os dous autores son moi conscientes diso, e xogan co ritmo e coa distribución espacial moi atinadamente. Porén, non quedan as cousas aí, tamén botan man doutras técnicas literarias como poden ser a road movie (que é fundamentalmente narrativa, mais que eles adaptan perfectamente nun poema) ou as seriacións (mesmo inversas) ou as definicións. Ademais de, ás veces, non sempre, ofrecer en nota a orixe que inspirou o poema, que no xogo creativo propón unha maneira diferente de ler textos científicos. E a súa resulta unha poesía moi  do momento que vivimos, que non só é precisa cientificamente senón que denuncia actividades industrias (que nacen de estudos científicos) que resultan nocivas para o medio ambiente e polo tanto para o hábitat natural no que nos desenvolvemos.

                     Como xa dixemos, tanto a adaptación de linguaxe poética ou literaria para textos científicos, como a adaptación de linguaxe científica para textos literarios, foron solventados cun rotundo éxito. De Xavier Queipo xa coñeciamos o uso de linguaxe científica en traballos prosíticos. De todos xeitos son dous poetas pertencentes a dúas xeracións ben diferentes ( hai máis de vinte anos de diferenza na idade entre os dous) que nos deixan un poemario escrito a dúas mans que se conxugan perfectamente. Seguramente haberá lectores que o consideran un poemario frío, mais non é para tanto, o que si é é cirúrxico, ás veces, mais sempre comungando coa ampla e ancha visión da poesía. Non cabe dúbida de que é un poemario moi  orixinal. E moi necesario. Porque, como dixemos no inicio, “ciencias” e “letras” non son tan diferentes á hora de procurar a beleza. O que temos é que aprender como a ciencia dá conta da beleza, decatarnos diso e recoñecelo, e para iso é un poemario imprescindíbel.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s