crítica de 900 ( Xabier López, Galaxia)

NOVELA DE NOVELAS?

Título: 900

Autor: Xabier López

Editorial: Galaxia

Non é nada sinxelo definir a última novela de Xabier López, 900, actual Premio Torrente Ballester. Si resulta bastante máis doado explicar o título, que pode ser porque os tres protagonistas centrais (Pedro Xavier, herdeiro da Casa Grande da Portuguesa; Francisco Carballo, fillo dun navieiro; e Xulio Xerome Xustino Callón, fillo dun avogado) nacen no 1900, ou pode ser porque a novela son a redor de 900 páxinas; nós inclinámonos pola primeira opción, máis contundente. Porén definir a novela non resulta nada doado. Finalmente decidimos titular e definir deste xeito interrogativo seguindo a información editorial segundo esta se presenta, dicindo que dentro hai unha “novela bélica, unha novela bizantina, unha novela de iniciación, unha estudantina, un Künstlerroman ( que podemos traducir, un tanto libremente, como novela de artista ), mesmo unha novela erótica, unha policial, e por se isto parece pouco, o que parece unha novela de fantasmas”. Isto resulta innegábel, aínda que unhas veces parece referirse a unha parte da novela e outras semella que designe o conxunto do discurso. Porén, sexa dunha maneira ou da outra, tanto ten, porque o certo é que a novela resulta da conxunción de diversos tipos de discurso, diferentes entre eles mais que entre todos xuntos conforman o texto final da novela. Nós engadiriamos, porque é parte fundamental do discurso e aínda que non coñecemos etiqueta novelística con tal nome, unha “novela de confesión”, aínda a sabendas que unha “novela de confesión” (novela que segue a estrutura dunha confesión relixiosa) como esta ben pode formar parte da novela de iniciación. Mais é que, a confesión da filla da panadeira, transmitida en dúas partes, é clave no transcurso da trama, e tamén unha das partes máis logradas malia o narrador inmiscirse no texto da confesión, que realiza unha moza pouco ou nada estudada, ao empregar o cultismo “ápice” que despois só volve parecer dúas veces máis empregado polo narrador.

                     Outa opción que manexabamos á hora de definir a novela de Xabier López é “novela de silencios”, porque o discurso temporariamente falando transcorre na primeira metade do século XX, e algúns acontecementos, como a I Guerra Mundial, están moi ben reflectidos na novela, de feito, as andanzas de Pedro Xavier nesa cruenta e desapiadada guerra (visión que coincide coa de Adolfo Caamaño en Matar o heroe, que non hai moito comentamos nestas páxinas) tamén é do mellor que hai en 900. Porén, feitos moi significativos na historia do século XX, tales como as Irmandades da Fala, a loita agrarista, a República, o alzamento fascista, a represión fascista…, por exemplo) ou non se mencionan ou se pasa por eles como mirando de esguello. En troques, si se reproduce un fragmento dun discurso de Franco. Pode ser que Xabier López pretenda entregar unha novela onde as personaxes non atenden moito ao devir político, como fai moita xente, e nisto sería moi realista, porque iso si, a novela é novela realista, e o discurso de Franco apareza aí como contraste, para que o lector reaccione. É unha posíbel explicación. Posíbel, mais non deixa de ser raro.

                     Como tamén é raro que na páxina 408 se reproduza un fragmento de O catecismo do labrego (Valentín Lamas Carvajal, Frei Marcos da Portela, 1889) sen que se mencione a procedencia do fragmento nin a súa autoría nin sequera nas notas finais, pódese cotexar en liña na Biblioteca Virtual Galega , páxinas 7 (final)-8 (menos as liñas finais), os cambios son mínimos.. Non deixa de ser un esquezo grave, moi grave, cando o autor si lembrou mencionar a autoría do discurso de Franco, para máis inri. Sería desexábel que, cando na novela aparecen discursos xa do século XX se fixese como mínimo un esforzo por reproducir a escrita do momento, mais estes aparecen con escrita contemporánea ao lector. Entón, se se fixese ese esforzo, sairía benefiado o realismo e estariamos en condicións de falar de novela histórica.

                     Poderiamos cualificala como novela polémica?

                     Porén tamén cómpre dicir que 900 representa un desafío narrativo nada doado, absolutamente nada doado. Para comezar, e lembrando o que máis arriba se dixo, o autor manéxase en distintos rexistros narrativos, que van desde as listaxes ao diario pasando pola poesía, sen que teñamos que botar man da confesión ( xa mencionada) ou os escritos do bohemio aspirante a escritor que acode á tertulia do madrileño Café de Pompo, onde Gómez de la Serna tiña a súa tertulia os sábados e a quen se tilda de plaxiario sen tampouco dar explicación. Pois tamén, tamén é unha novela bohemia, e aquela bohemia madrileña aparece bastante ben retratada aínda que, polo que nós sabemos, haxa diferenzas  significativas entre o Café de Pombo real e o que aparece na novela (non tiña sistema de calefacción agás as lámpadas, por exemplo, que nós saibamos). E todos estes rexistros narrativos de que falamos están absolutamente ben incardinados, ben asumidos polo narrador principal, un narrador que, na súa plasmación verbal, nos lembra os narradores clásicos, eses que non lle temen a períodos oracionais longos e complexos mais sempre ben redactados, e queremos insitir nisto, que parece que a redacción caeu no esquezo e debe ser o primeiro requisito para falarmos dun escritor, alguén que crea coas palabras. O cal, nos tempos que corren, onde a oración breve, o período curto, parece ter gañada a batalla aínda que, na nosa opinión, non deixe de ser un recurso propio de narradores mediocres a maioría das veces, ten un significado esoecial. A verdade é que dá gusto atoparse con narradores como este de Xabier López, capaces de estenderse se a ocasión o require ou de xogar co ritmo e manifestarse na expresión máis breve e mínima.

                     Evidentemente trátase dunha novela de longo percorrido, totalmente contraindicada para quen queira ler ás présas, cousa que nunca se debe facer. É unha novela para mergullarse nela e non querer parar de lela, aínda que a columna vertebral da novela ( onde o que lles acontece aos tres protagonistas centrais é clave)  apareza fracturada e o lector teña que ir cosendo a súa conformación tirando de memoria e capacidade de ralación. Xa o dixemos, ás veces semella como se a trama nos fora contada de esguello, e isto é un logro, mergullándonos nunha trama complexa, interferida mais complexa, sen procurar o capítulo climático mais sorprendendo no remate. E non podemos rematar sen mencionar o atraentes que son os títulos dos capítulos, que lembran ese narrador clásico de que falabamos e que sempre espertan a curiosidade. Nin sen mentar que as personaxes secundarias (se se pode dicir así, pois tamén é unha novela moi coral) están moi ben configuradas, agás o caso citado da filla da panadeira.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s