crítica de AS ESTACIÓNS DO LOBO (María Reimóndez, Xerais)

NINGÚN HOME HETERO BO?

Título: As estacións do lobo

Autora: María Reimóndez

Editorial: Xerais

Partamos da evidencia de que as relacións interpersoais NUNCA son doadas. Nunca.

                     Tanto ten que esas relacións sexan heterosexuais como homosexuais.

                     E comecemos por indicar que a última novela de María Reimóndez é unha novela intimista. En realidade, resulta unha obviedade, porque todas as novelas desta autora presenta esta característica. Todas, inclusive aquel primeiro Caderno de bitácora publicado en Positivas, aló polo 2004. E iso é unha alegría para aqueles ou aquelas que estamos fartos de tanta morte como inicio de textos narrativos, tan frecuente e tan cansino. Pola contra, aquelas novelas que exploran o universo interior das personaxes e as súas relacións entre si, son moito menos frecuentes, e como pingas de auga no deserto deben ser saudadas.

                     Por iso, atopar unha novela como esta, onde os sentimentos son os protagonistas, é unha gozada.

                     Concretamente, As estacións do  lobo prséntanos a historia dunha muller, en principio unha moza, Clara, en principio de orientación bisexual mais que vive atrapada nunha relación de parella que a fai fondamente infeliz. Clara, a ovella negra da familia, rebelde, bisexual e promiscua, é o retrato máis cruel da soidade, ignorada e tratada despectivamente por Franz, con quen marchara para Múnic crendo vivir unha historia de amor. Mais aquel Franz que lle resultara en principio tan atraente resulta ser un completo imbécil, e Clara, nunha cidade estraña, da que descoñece o idioma, debe partir desa nada para recuperarse, para crer en si, nas súas posibilidades como persoa e mesmo nas súas posibilidades laborais, onde co tempo demostrará ser unha excelente coñecedora do mundo canino. Para que Clara por fin se empodere de si mesma recibirá a xuda de Philip, un homosexual detrás do cal hai unha relación de parella frustrada. Xa o dixemos no inicio, as relacións interpersoais sempre son complicadas. Ben, a xuda de Philip e doutras personaxes que xa coñecemos de novelas anteriores, tales son os casos de MK, de Gaia, de Aurora e mesmo de Saínza.

                     Mais fagamos un inciso. A novela preséntase  estruturada en tres partes. “A domesticación do lobo”, “O espertar do lobo” e “Ceibar o lobo”. Cada unha delas composta por catro partes: inverno, primavera, verán e outono; agás a derradeira, que comeza e remata en inverno. Mais todo  o discurso, sexa cal sexa a parte, aparece trufado por reflexións a cerca do mundo canino, da autoría de C. Ferreira Souto: Manual de desadestramento canino: aprender a desaprender. Estas reflexións, nunca extensas e sempre moi claras, representan un punto de inflexión narrativo que nos fai repensar a nosa propia condición de seres “domesticados” para perpetuar determinadas estruturas sociais, sexuais e de poder. Tanto sexa dito para homes ou para mulleres, mais especialmente mulleres, porque o discurso é unha novela de protagonismo feminino e a muller é precisamente quen máis sofre esa domesticación social a fin de impedir o seu desenvovemento, controlala e poder exercer sobre ela todo tipo de poder, de dominación.

                     Porque, si, é unha novela feminista. E alegrámonos, porque o feminismo, o desenvolvemento do feminismo é quizá o único positivo que herdamos do século pasado. O histórico control, a histórica dominción da muller, o seu control e afogamento é un crime que, favorecido pola relixión (católica, mais non só), se veu perpetrando ao longo dos séculos e polo cal non debemos deixar de sentir vergoña e total desprezo. Total desprezo, porque tamén os homes somos afectados ao negársenos a voz das mulleres tanto tempo. Tanto tempo. Mesmo hoxe dá noxo ver como mulleres son quen de negar e opoñoerse sen ningún rubor a falar da “violencia de xénero”, violencia que non é máis que puro machismo, un machismo que é urxente erradicar da sociedade se queremos que esta avance, e o avance sexa libre e en pé de igualdade entre os dous sexos.

                     Mais é unha novela feminista e tamén lésbica. Nada novo, non pode sorprendernos. Polo tanto, homosexual. Comprensíbel, nada que obxectar. O mundo que axuda a Clara, o mundo que procura primeiro axudala a recuperarse interiormente e despois a realizarse profesionalmente, o mundo ao que acode Clara cando sofre algún tipo de dúbida interior, e quede ben claro que ese tipo de dúbidas ou problemas os sufrimos TOD@S, é sempre un mundo homosexual, e fundamentalmente lésbico. As relacións lésbicas e homosexuais aparecen na novela non exentas de problemas mais si como as ideais, aínda que, non debemos esquecelo, a liberdade á hora da escolla sexual é o primeiro.

                     Porén hai unha cousa que non entendemos ou, polo menos, non compartimos e cremos que resulta tremendamente inxusta. É que non hai nigún home heterosexual boa persoa? Segundo a novela, non. Ou son imbéciles como Franz, ou mesmo son pais que chegan a abusar sexualmente das fillas como o caso da irmá de Clara. E, se chega a haber un, ese é Harper, mais un Harper que ten o pene como adorno e mesmo estima “sexy” que as mulleres non se depilen. Vamos, Harper é un home mutilado, creado para satisfacción dun determinado tipo de muller. Esta postura resúltanos difícil de crer. Porque a maldade non é privativa de ningún xénero, de ningún. Nin tampouco a homosexualidade é ningún paraíso, nin sequera a homosexualidade lésbica. E, desde logo, a heterosexualidade nin é ningún crime nin  ningún defecto nin de homes nin de mulleres. Outra cousa é como se establezan os roles dentro da parella.

                     Deste xeito, a vesosimilitude sofre.

                     E esta tendenciosidade non lle acae nada ben á mensaxe feminista, sempre necesaria, porque é darlle balas ao inimigo, a todas esas mulleres e homes do PP, de Ciudadanos, de Vox, que desprezan publicamente a mensaxe feminista, ás veces soa a chiste malo o seu argumentario pero o certo é que están aí e son un claro perigo involucionista.

                     Iso si. Non podemos esquecelo. A novela está moi ben escrita. Deixarse ir na narrativa de María Reimóndez é unha auténtica delicia, unha auténtica sorte contar con narradoras desta altura.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Un comentario sobre “crítica de AS ESTACIÓNS DO LOBO (María Reimóndez, Xerais)

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s