crítica de AS FAUCES FEROCES (Emma Pedreira, Baía Edicións)

A MULLER FRACTAL?

Título: Fauces feroces

Autora: Emma Pedreira

Editorial: Baía Edicións

Dicimamos na anterior crónica libresca que é unha gozada ler unha novela onde os protagonistas son os sentimentos, e non se parte dunha morte ou dun crime ou calquera acto delictivo para crear un foco de atención no  lector. Ben, pois repetímolo hoxe a propósito da nova novela de Emma Pedreira, Fauces feroces, aínda que, para ser xustos, esta novela de que imos falar hoxe parte precidsamente dunha morte (tranquilos, non se produce), ou da posibilidade dunha morte como instrumento focalizador da atención lectora. Os comezos, na narrativa, son moi importantes, e quen non se sente atrapado, quen non se sente obrigado a ler unha novela que comeza dicindo: “Mamá morrerá mañá”?

                     Ese é o comezo e, malia que adoitamos ofrecer unha mínima información da trama para que @ lector/lectora decida se se sente interesad@ ou na lectura, desta vez estamos tentados a non facelo ou, como mínimo, reducir esta o máximo posíbel. Non é que non queiramos facelo, enténdasenos ben, senón que non o consideramos pertinente debido ao tipo de discurso que contén a novela, unha novela breve que, quen lera a anterior (Besta do seu sangue, Xerais), atopará con ela concomitancias que as emparentan. Concretamente, e especialmente, unha: as dúas comparten un método compositivo semellante, nas dúas se bota man da fragmentación textual, só que na primeira está ao servizo dunha trama moi conctreta e unitaria, mentres que nesta Fauces feroces a trama é ben distinta aínda que no remate se nos dea pé a que consideremos o texto de maneira fractal, de aí o título destas liñas.

                     Mais fagamos un alto aquí e comentemos que no discurso aparecen as voces de catro mulleres: Ela e Elsa por unha banda e Benedetta e Bartolomea por outro. Pertencentes a mundos e épocas diferentes, mentes Ela e Elsa as podemos considerar desde a contemporaneidade, Benedetta e Bartolomea viviron no XVI e XVII, pois son personaxes reais que rescata aquí Emma Pedreira. Tanto Ela como Elsa falan da súa conflitividade interior, que son distintas, se Ela escribe contra a súa nai e non deixa de sentirse culpábel e vítima por iso, Elsa faino falando dunha relación anterior que a deixou marcada (permitíndonos intuír unha outra personaxe máis no discurso, ademais da nai de Ela, Ava?). Pola súa banda Benedetta e Bartolomea si tecen unha historia común. Se dicimos que se trata de Benedetta Carlini, unha monxa (abadesa) mística que dicía ter polas noites visións inquedantes, e por iso a comunidade na que vivía mandou a irmá Bartolomea para que a acompañara. E, segundo parece, entre elas xurdiu unha historia de amor.

                     A secuenciación Elsa/Ela/Ava/Benedetta/Bartolomea (páxina 119, xa case no remate) asinando unha carta, reafirma a nosa impresión de que detrás dos diferentes nomes, e mesmo tamén das diferentes historias en que incardinan, atópase unha concepción fractal da muller. Porque, a fin de contas, por moi diferentes que sexan as súas historias e aínda que pertenzan a épocas e mundos diferentes, non deixan de ser voces de muller, non deixan de ser voces da historia da muller. Porque, neste mundo occidental que vivimos e herdamos as voces das mulleres álzanse contra unha problemática común (aínda que haxa especificidades territoriais). Desde aquí pódese tentar tamén dar unha explicación a un título que, á vista do contido do discurso, non deixa de ser enigmático. E convida @ lector/lectora a que faga unha lectura activa do texto, unha lectura que interfira co texto, que desde el elabore e interiorice preguntas e respostas a cerca do que suxire o que está lendo. A lectora, ou lector, desta novela curta ten que ser activ@, para coser, para ganduxar entre a fractalidade, entre a fragmentariedade, para facerse preguntas desde o texto e, se cadra, chegar a obter respostas.

                     Alén diso, esta novela ( que conta cun precioso prólogo de Eli Ríos) curta tamén se caracteriza polos fogonazos poéticos cos que Emma Pedreira salfire o discurso. Que sempre sentan moi ben, porque, para alén da “espectacularidade” poética, fálannos dunha narradora atenta aos pregamentos da dor, do eu, do ser (por exemplo) e permite inserir no texto un punto de vista novidoso, porque se algo teñen @s poetas é esa voz propia, propia e peculiar, inconfundíbel.

                     Velaquí unha interesante e arriscada proposta narrativa para este outono.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s