crítica de OS ANXOS INDECISOS (Manrique Fernández, Galaxia)

SOBRE OS ANXOS INDECISOS

Título: Os anxos indecisos

Autor: Manrique Fernández

Editorial: Galaxia.

Non é necesario que indiquemos que un libro de relatos ou contos proporciona unha lectura variada en canto a temas, e o  seu tratamento, ou en canto ás técnicas narrativas empregadas. E que, polo tanto, esta lectura variada adoita ser un aliciente máis para o lector. Por non falar de que este tipo de libros permiten unha lectura demorada, ou unha lectura que se pode pausar no tempo, sen que despois haxa que realizar ningún tipo de esforzo memorístico relembrando o lido. Todo iso é ben sabido, mais o título que hoxe traemos a estas páxinas da Ferradura é un libro de relatos, e tampouco podemos obvialo. Efectivamente, Os anxos indecisos de Manrique Fernández é un libro de relatos, un libro de ficción (e dicímolo porque o autor é máis coñecido pola súa obra ensaística) que sucede a Crónicas de Embora (Toxosoutos 2014) e Tres feridas.

                     Neste caso, os relatos van encabezados por unha cita de E. M. Ciorán na que se fala dos “anxoa indecisos”, os que non quixeron entrar en batalla e son enviado á Terra para que se decidan, de xeito que a Historia non é máis que os titubeos deses anxos indecisos que non lembran nada da batalla que se producira. A cita  vén moi ao caso e ilustra moi ben a razón do título, mais non nos refrimos a ela por ese motivo senón porque tamén é un bo indicativo do tipo de personaxes que imos atopar. Salvo nun caso, os outros seis relatos están protagonizados por personaxes que sofren a vida, sofren a vida sen que aparentemente teñan opción a vivila doutra maneira, porque se tiveran esa opción seguramente esta sería doutra maneira ben distinta. Un bo exemplo é o primeiro relato “ Sandalias de sal” onde se nos contan os avatares dunha inmigrante africana deica chegar a Vigo e como lle vai despois de chegar. A inmigrante non ten outra opción, realmente. Despois vén outro relato onde Sonia, unha modelo que chegou a triunfar, tras vivir vida de parella coñece o fracaso, o esquezo, a ruína física e mental, mesmo a indixencia. Non é este un relato tan de “actualidade” como a trama do primeiro, mais o tipo de personaxe, tamén muller, segue sendo unha personaxe que vive a vida como unha condena da que ela non é merecente, e que aínda por riba se estraña cando, despois de tocar fondo, lle axudan a recompoñer a súa vida. E tamén é unha muller a personaxe central do terceiro relato, unha muller que nada contra corrente, contra ese ar que non a deixa avanzar e que é un bo símbolo dunha vida que xa a dá por desafiuzada deixándolle unicamente o pracer de deixarse levar pola música.

                     Como estamos vendo, unha das características que dan unidade ao volume é o protagonismo feminino. Cousa que desmente ( en certa maneira, enon de todo) o seguite relato, “O ensaio (The White Birds”, onde se muda de rexistro  narrativo, pasando a ser agora a sucesión de visións dun mesmo feito ( o ensaio dun grupo musical) e que remata coa única visión feminina, a da súa vocalista. É este un relato para que o lector escolla a que versión aterse, sempre condicionado pola derradeira que leu, a da vocalista. E tamén un relato que, despois do lido, nos dá a impresión de estarmos perante unha sucesión de exercicios de estilo que son os relatos. O que, en si, non é nada malo, sobre todo porque entre eses exercicios de estilo hai un verdadeiramente excepcional, mais xa chegaremos a iso. Xusto no seguinte, “De raza”, que trata da crise de valores no xornalismo, ou como o xornalismo actual chegou a ser unha profesión onde manda o “corta e pega” ben diferente do verdadeiro xornalismo, o de raza, aquel outro xornalismo que era mási que obedecer ás cegas as consignas dos donos do medio e eos seus intereses.. E outra muller é a protagonista. Desta vez, máis que dun relato debemos falar dun conto, pois o remate e o inicio son interdependentes e, xusto despois de lelo, non podemos deixar de lembrar o inicio. Un conto realmente extraordinario, tecnicamente impecábel,un exercicio de estilo absolutamente sobresaliente. Paga a pena que merquen o libro só por este conto, créanme.

                     Muller, fracaso vital e vida nunha terra estraña, son as compoñentes do seguinte relato onde é Ivona a protagonista, outra muller maltratada pola vida. Nun volume que remata co máis previsíbel e todos, “Mensaxe nunha botella”, onde o protagonismo volve ser feminimo e onde outra muller, Lizzy, resulta vítima da vida. Porque a vida, segundo se deixa desprender da lectura deste título de Manrique Fernández, a vida é un drama, cando non unha traxedia, da que non se pode fuxir.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s