crítica de O PAXARO DE NÁCARA (Pura Salceda, Galaxia)

AMORES DE OUTONO E CRIMES SEN RESOLVER

Título: O paxaro de nácara

Autora: Pura Salceda

Editorial: Galaxia

Malia sermos un pobo eminentemente emigrante, e Rosalía de Castro ou Cuuros Enríquez lembrárnolo ben no Rexurdimento, o certo é que na narrativa é un tema que aínda ten moito percorrido. Así, de primeiras, lembramos o Sándalo de María Xosé Porteiro, aínda recente, e logo habemos de ler o Shangai a Barcelona, así damos dous títulos, un da emigración  a ultramar e outro da pertinente e Barcelona. E moito menos se prodigou o tema do exilio, O exiliado e a primavera de Manuel Veiga, é o título que a este efecto lembramos. E nesta ocasión Pura Salceda ofrécenos un título, este O paxaro de nácara, que hoxe traemos a estas páxinas da Ferradura II onde precisamente a emigración ten moita presenza, tanto a emigración interior (a Barcelona) coma a ultramar (Venezuela, Panamá, e, sobre todo, México).

                     En principio, a novela plantexa o regreso vacacional á Galiza de Nélida, que vive e traballa en Barcelona. Mais, prendida neste regreso, acode tamén a emigración a ultramar, porque en México D.F. produciuse a morte pouco clara dun parente de Nélida, e non será o único asunto pouco claro que aconteza no D. F. E teña relación cos habitantes de Feás, lugar do Carballiño a que regresa Nélida. Mais este regreso de Nélida vai supoñer tamén o reencontro cun amor de mocidade, Elías, tamén emigrado a México D.F. e que coincide con Nélida nas vacacións. Entre os dous, xa en idade madura, danse unha segunda oportunidade para o amor. E non serán os únicos, tamén Sabela (prima e confidente de Nélida) atopa a Pepe (amigo, tamén emigrado en México D.F.) de Elías e posteriormente de Alfredo (que tamén viviu a emigración no D.F. e saíu de alí mal parado) e Margarida. Preciamente, na primeira parte da novela, cando Elías fai o que pode por reconquistar a unha Nélida (casada, cos fillos medrados, pero non feliz) reticente de primeiras, nesa primeira parte os diálogos entre Elías e Nélida son do mellor da novela. Diálogos picantes, con dupla intención, mesmo ás veces algo retranqueiros, enormemente atraentes e divertidos, moi logrados, que fan esquecer o confusionismo que a longa parentela e veciñanza de Nélida pousan no lector ou lectora.

                     Despois, na segunda parte da novela, cando Elías e Nélida consuman o seu amor, pérdense estes diálogos, mais xorde outro núcleo temático que atrae a atención lectora: esa morte misteriosa do familiar de Nélida (Gonzalo), que non será o único porque tamén hai outra morte misteriosa, a de Nora, da parentela dun dos caciques (tamén emogrante en México) do lugar. Elías e Nélida, mentres consuman o seu amor, farán o posíbel por aclarar eses dous sucesos a través do que lles van dicindo os veciños e emigrantes no D.F.

Cómpe dicir tamén que a novela está narrada en terceira persoa, por unha narradora (entendemos) que se presenta moi culta, pois non só emprega ás veces alusións á sétima arte para caracterizar as personaxes, outras veces esas alusións son literarias, non faltando outras relativas á música (nun percorrido bastante amplo), a pintura, ou mesmo os teléfonos móbiles e Internet. Practicamente, calquera plataforma onde se poida emitir unha mensaxe, está presente no discurso desta narradora que narra a volta  a Feás dunha emigrante a Barcelona que non perdeu os vínculos con Galiza e llelos soubo transmitir aos fillos, a diferenza doutras personaxes que con só marchar de Galiza xa esquecen mesmo o idioma.

                     Deste xeito, a narradora é outro dos núcleos atrentes do discurso, pois lembramos poucos narradores/narradoras tan cultos e versátiles na súa cultura. E non só iso, senón que, ademais, resulta unha narradora que logra personaxes ben caracterizados, malia seren tantos, polo menos as personaxes protagonistas e secundarias están ben configuradas. De xeito que a novela lese con agrado, mesmo simpatía ou empatía. Primeiro, como dixemos, polos brillantes diálogos, despois pola maña que se dan Nélida e Elías investigando eses tres feitos (as mortes de Gonzalo e Nora, e tamén o regreso de Alfredo, fracasado e pouco claro tamén). E cómpre dicir que non son as únicas mortes ou sucesos que investigan, tamén está a de Aniceto. Estas investigacións, mentres consuman o seu amor Nélida e Elías ( e tamén Sabela e Pepe, e Alfredo e Margarida), a través do que lles din/confesan outr@s veciñ@s, tampouco son sinxelas de facer así, a distancia do lugar dos feitos, mesmo tamén distancia temporaria, pois eses sucesos aconteceron tempo atrás.

                     Unha boa ocasión para reflexionar sobre os amores de outono, amores adultos antes de chegar á vellez, e tamén sobre a permanencia ou non no tempo dos amores de mocidade, sobre como nos vai cambiando a vida ou sobre como permanecemos fieis á personalidade que conformamos na mocidade. E tamén unha boa ocasión para reflexionar sobre a mantenza dos valores patrios londe da Terra, máis dunha ocasión brindaránola a novela, a novela e a personaxe indispensábel de Nélida e a súa actitude tanto ao gardar os valores patrios como á hora de integrarse na comunidade receptora. E non só Nélida, tamén a narradora mesma.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s