crítica de O LADO DO QUE DORMES (María Canosa, Xerais)

UNHA NOVELA MOI INTELIXENTE

Título:O lado do que dormes

Autora: María Canosa

Editorial: Xerais

Sexamos claros desde un principio, esta novela de María Canosa da que imos escribrir hoxe é unha das que máis me removeron por dentro nos últimos tempos. Logo incidiremos nas razóns desta afirmación, porén antes queremos indicar que se trata dunha novela realista que expón narrativamente como é a sociedade actual no seu comportamento para coas mulleres, máis concretamente, para coas mulleres traballadoras. Unha novela realista, tendo en conta que o realismo é un xénero tarizoeiro, ou o fas moi ben ou ficas na mediocridade. Nestas condicións, escribir unha novela realista, e tal e como a escribiu María Canosa, é unha aposta arriscada, arriscada e necesaria, moi necesaria. Dígase, como información sobre a trama, que a novela conta o día a día dunha muller, Laura, de 37 anos, casada, con dous cativos e que traballa ( o seu é un traballo cualificado) no eido da construción. Un día a día que resulta unha denuncia, clara e patente, antes de nada de que conciliación laboral e familiar no caso das mulleres é unha asignatura pendente, pendente e de moi necesaria solución porque desta maneira, así como estamos, así como se denuncia na novela, é imposíbel continuar. Imposíbel. (E máis se a muller é escritora por riba, como a propia autora comenta cun chisco de ironía e humor). E despois, do machismo.

                     Conste que, no inicio, na primeira parte da novela, cando a trama se centra máis na conciliación laboral e familiar e narra os agónicos días dunha nai que, para dicilo rápido, non dá máis entre atender os fillos e cumprir nun traballo no que non é valorada como os homes. Mentres a novela camiña esas latitudes parece previsíbel e que non vai contar nada que non saibamos. Aínda que a autora remate os capítulos cunhas chiscadelas atraentes. Ora ben, iso non quere dicir que non sexa necesaria. Porque o habitual nas nosas letras, na nosa narrativa, para ser máis concretos é que as tramas sexan ficcións máis ou menos ocorrentes. Para facer o que fai María Canosa, tecer unha ficción que sexa un calco da realidade, hai que ter valor, primeiro, e despois saber facelo, e ben.

                     Mais é que esa é só unha parte da novela, unha novela que despois denuncia o machismo da sociedade. Se cadra, alguén lles chama micromachismos, a algúns, porén iso tanto ten, non deixan de ser machismos. Acontece iso cando Laura se decata que por ser muller está sendo tratada “doutra maneira” e non en igualdade de condicións cos homes. E a trama, mesmo podemos chamala, de certa maneira, “discreta”, en ningún momento procura casos de esaxero, casos onde o machismo sexa esaxeradamente visíbel,  extremos, que os hai, que existen, mentres a xente volve a vista a outro lado. Non só os homes. Tamén as mulleres, porque á mesma Laura aconteceulle cando era adolescente. Aí é cando nos imos decatando da intelixencia coa que está escrita a novela, se nun caso como o de Laura ( cun marido que a axuda e comprende, malia estar moito tempo  fóra) a conciliación é tan complicada e o machismo tan noxento e abusador, como dicimos, malia non procurar casos extremos, a cousa é tan grave, na vida real hai casos moito peores, sen dúbida. E aquela Laura, coa que xa empatizabamos na súa teima, nos seus esforzos por atender o traballo e os  fillos e non morrer na tentativa, sen tempo para ela mesma, xa non digamos que tempo para descansar, é que non ten tempo para ela mesma, para si propia. Aquela Laura, agora, que a sabemos vítima do machismo, gáñanos definitivamente, empatizamos mais ca nunca con ela e desexamos que loite e reverta a situación. E farao, Laura loitará.

                     (Un inciso: menos mal que ninguén lle dixo á Laura agoniada por atender os cativos iso de: “fillos criados, traballos dobrados”. Era o que lle faltaba á pobre Laura.)

                     Eis, pois, unha novela moi intelixentemente escrita, que denuncia a conciliación laboral e familiar e o machismo, que sempre é xusto e necesario, contando un caso como o de Laura, que sendo claro seguro que na sociedade os hai  peores, moito peores. Unha novela na que hai chsicadelas, chiscadelas de humor, chiscadelas de ironía, mesmo chiscadelas de poesía ou de desenfado. Só chiscadelas, mais que por iso mesmo teñen máis valor. Definitivamente O lado do que dormes é un título precioso para unha novela necesaria e moi intelixentemente escrita, que sabe gañar ao lector ou lectora empatizándoo/a coa protagonista e co mundo que vive, para que, despois de lida a novela e mentres a le, sinta que algo @ está a remover por dentro. Unha xenreira. Unha reacción na procura de xustiza, unha xustiza que non só é necesaria senón que é urxente. Moito máis na  sociedade galega, politicamente desamparada a respecto destes casos tanto de conciliación laboral e familiar como de machismos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s