crítica de ATRANCO NO BANCO (Manuel Núñez Singala) e A DERRADEIRA BALA (Fernando Castro Paredes), en Galaxia.

TEATRO, TEATRO, TEATRO

Títulos: Atranco no banco & A derradeira bala

Autores: Manuel Núñez Singala & Fernando Castro Paredes

Editorial: Galaxia

Os lectores ou lectoras que sigan con fidelidade, ou aínda de cando en vez, o que veño escribindo na Ferradura (primeiro en Blogaliza, xa nin lembro cando empecei) e despois nesta Ferradura II, non se sorprenderán desta nova defensa a ultranza do teatro como artefacto literario que proporciona enorme pracer lector en moi pouco tempo de lectura. Tal e como están as cousas (non agora, desde hai décadas) e tendo a présa como unha das caracteríticas que mellor definen a socieade actual (non só urbana, a esixencia de vertinoxidade xa chegou a todas partes e xentes), de aí a auxe das Hiperbrevidades, non debería estrañar que a  do teatro fose unha unha das lecturas predilectas da xente. Porque é áxil, dinámico, potencia a imaxinación e é quen de emocionar fondamente. Porén, todos sabemos que non é así. O teatro é un xénero no que xa é difícil publicar; e, desde logo, tampouco é dos preferidos do lectorado. Por iso nos prace especialmente que Galaxia dea á luz estas dúas pezas de que hoxe imos falar nunha colección para mozos e mozas, porque son eles e elas precisamente os que len teatro con máis liberdade e aproveitamento, con memos prexuízos. Execelente idea, polo tanto, a da casa editora.

                     A primeira desas dúas pezas é da autoría de Manuel Núñez Singala, autor que se manexa especialmente ben na comedia, como nos demostra a súa obra anterior: O achado do castro (1990), a imprescindíbel Comedia bífida (2007)e, en menor medida ( na nosa opinión) Planificación estratéxica (2009). Ben cabe dicir que Núñez Singala é autor das comedias de meirande éxito nas nosas letras actuais, ás que achega un novo título, este Atranco no banco no que nos presenta catro pesonaxes cunha mesma intención: roubar o mesmo banco o mesmo día e á mesma hora. Certamente, esa coincidencia non é nada novo, xa se ten visto en moitos títulos audiovisuais, por exemplo. Mais, aínda así, Núñez Singala é quen de deixarnos unha comedia que resulta orixinal no seu desenvolvemento. Desas catro personaxes, Serafín é o director da sucursal bancaria, e Vanessa unha empregada que descoñece a verdadeira intención de Serafín aínda que logo se decatará. A eles hai que sumar Rafael e Lois, dous ladróns que coincidrirán con eles na cámara onde se atopa a caixa forte. Rafael e Lois, ademais, practican a un divertido xogo verbal no que hai que facer coincidir un nome propio e outro dunha actividade comercial. Resulta un xogo moi divetido, do que tirar moito efecto cómico, igual que antes se fixera cando Vanessa lle ía buscar un café a Serafín, por exemplo. A todo isto hai que sumar outra cousa que non imos desvelar, non completamente, que son as relacións  de parentesco que as personaxes (non todas) manteñen con outras personaxes que non aparecen en escena e que os apreman.

                     Eis unha divertida comedia que se le dunha tirada, nun prazo horario inferior ás dúas horas, e que resulta moi pracenteira. Alén de presentar divertidos xogos linguísticos, xogos coas palabras e non nos referimos aos de Rafael e Lois.

                     Pola súa banda, o segundo dos títulos, A deradeira bala, de Fernando Castro Paredes, resultou vencedor no I Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño 2018, e como novidade a súa presentación editorial faise en capítulos. Sendo un texto moito máis complicado de catalogar xenericamente, si se pode dicir que é unha obra antibelicista. Todas as personaxes son adolescentes, e o marco no que se desenvolve a trama é o dunha guerra. Nesa guerra, nunha das trincheiras, están as cinco personaxes: as xemelas Ramírez (Michelle e Mabel, soldados rasos), Luciano Cardone ( soldado melómano que resulta detido por pasarse ás trincheiras enemigas), o sarxento Unamuno e a comandante Cienfuegos. A tarma, con certos toques de teatro do absurdo, é sen dúbida un alegato antibelicista que, no seu momento nos lembrou ao finado humorista Gila e que, si, tamén ten certo toque cómico que vai desde o deseño do vestiario (coa comandante Cienfuegos en camisón e con todas as condecoracións) até a mesma concepción da trama: condenado Luciano a morte, resulta que só lles queda unha bala, a derradeira bala, de aí o título. Evidentemente non queremos adiantar nada de como se resolve a trama, simplemente indicar que se produce unha confrontación entre as bombas enemigas e o recurso á música das personaxes en escena.

                     Sen dúbida, outro título ben indicado para pasar un par de horas cunha lectura de alto valor ético e brillante na súa resolución escénica.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s