crítica de CAMIÑO DE PAIXÓNS

AVENTURA NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Título: Camiño de paixóns

Autor: Carlos Meixide

Editorial: Galaxia

As cousas caen polo seu propio peso, que se di. Hai algún tempo (semanas, un par de meses?) María Reimóndez alcumábame de “crítico lesbofo” nas redes sociais (Twiter) porque na crítica da súa última novela eu dicía que a homosexualidade ( e por tanto o lesbianismo) non é ningunha solución aos problemas de parella, oxalá fose así de sinxelo. E porque me queixaba que na súa novela non aparecese ningunha personaxe heterosexual positiva, o cal vai en contra da verosemellanza interna da trama novelesca, e fai, trampulleiramente, dunha novela realista unha novela de tese lesbiana odiadora da heterosexualidade. E vai, agora, e abro e leo esta Camiño de paixóns de Carlos Meixide e atópome cunha parella de protagonistas lesbianas mais sen esa fobia á heterosexualidade. Normal, como debería ser a reivindicación do lesbianismo, como un achado ou estado de cousas normal, nin debedor de teses sociolóxicas nin odiador da heterosexualidade. As cousas caen polo seu propio peso.

                     Fagamos un alto. Non sei se lles di algo o nome de Carlos Meixide, polo si ou polo non, digamos que el foi o autor da primeira novela en galego que tomaba como plataforma internet, tamén foi autor de diversos traballos audiovisuais, e un dos integrantes do (tristemente) desaparecido grupo Os da ría, alén desa serie de aventuras para moz@s que situou en diversos lugares de Galiza. En papel e para adultos esta é a súa primeira achega (corrixo, a indicación de Eli, non é aprimeira senón a cuarta) mais non é a estrea dun novo narrador, xa é un autor experiente e notarase, créanme. E Camiño de paixóns foi galardoada co I Premio de Novela Camiño de Santiago. Como non é o Camiño de Santiago motivo habitual de tramas novelescas, tendo a importancia que ten historicamente e hoxe, alegrámonos moito deste novo certame pois deica hoxe pouco máis había ca unha novela infantoxuvenil de Pere Tobaruela e a primeira e única novela que coñecemos de John Rutherford ( As frechas de ouro, Galaxia, 2004).

                     Volvamos á novela, que o propio autor define como pulp e así se afirma na presentación editorial. Esta afirmación hai que tela moi en conta, porque nos dá idea do mundo novelesco referencial que ten o autor, e porque ese mundo se caracteriza precisamente por ofrecer produtos literarios que coidan especialmente o feito de que a trama sexa concebida e se manifeste como un eixo desde o cal se procura o pracer lector antes ca nada e sobre todo. Non é pouco o que acabamos de dicir, porque significa que o lector ou lectora ten aquí unha novela que o manterá pegado ás súas páxinas desde o comezo até o remate. Non se trata dunha novela que vaia trocar o devir da literatura galega, nin o pretende o autor. Mais si se trata dunha novela cunha trama moi estudada, cunha estrutura que resulta moi  axeitada para esa trama ( e que, por riba, transmite a idea de progreso inherente á realización do Camiño) e unhas personaxes ben perfiladas, ben configuradas, críbeis (a pesar de que a novela non sexa precisamente longa, 138 páxinas, o que di moito do bo facer narrativo do autor), todas, e non só as dúas protagonistas.

                     Diremos tamén que Carlos Meixide non ten problemas á hora de sinalar as simpatías dunha das dúas protagonistas ( a galega, a outra é asiática) polo BNG. Faino con naturalidade e sen  problemas. E isto é noticia, si: é noticia. Porque a literatura galega, sobre todo a narrativa, sempre lle fuxiu á novela política (agás a excepción de Diego Ameixeiras, Asasasinato no Consello Nacional; Patricia A. Janeiro, A perspectiva desde a porta; e Xelamonite, de Luís Paradelo), e algunha cousa máis hai se se trata de política ficción, mais non é o caso. Isto non quere dicir que a novela de Carlos Meixide sexa unha novela política, que non o é, mais é de celebrar a naturalidade coa que o autor toca o tema político. Xa ía sendo hora.

                     O que é a novela de Carlos Meixide é un discurso no que prima iso que din que é o obxectivo do Camiño ( que elas fan desde Pedrafita do Cebreiro), atoparse a un/unha mesm@. E nese camiño de procura interior (tampouco é unha novela de viaxes, non o pretende) de Olalla e Hiromi, o pasado de Olalla aparece inserindo un episodio pouco claro, e o pasado de Hiromi é un misterio que o autor sabe moi ben manter até o remate. Así, pois, novela de procura interior. E tamén  novela de aventuras, porque esa procura interior leva preñada (xuntamente co pasado de Hiromi) a novela de aventuras ao se faceren protagonistas dunha trama de terrorismo internacional. Ambas e dúas, a novela interior e a novela de aventuras están moi ben imbricadas nunha única trama que, de seguro, será do interese de quen a lea, porque é desas novelas que custa deixar de ler e que demanda, como opción preferíbel, a lectura nunha única sesión.

                     Eis unha lectura amena que tamén convida á reflexión, como o propio Camiño e a viaxe interior das personaxes. Unha boa maneira de iniciar este novo certame, premiando un discurso tan ameno, escrito con naturalidade mais pensado en toda a súa complexidade, que ofrece unha lectura amena, desprexuizada e desintoxicadora. Agora, a ver se na prosa esta iniciativa dura máis que durou no teatro.
 ASDO.: Xosé M. Eyré

Un comentario sobre “crítica de CAMIÑO DE PAIXÓNS

  1. un apuntamento. Esta non é a primeira novela para adultos de Meixide. É nin máis nin menos que a cuarta (se non me trabuco). das catro, sendo unha novela moi entretida e áxil, é a peor con diferencia. Por outra parte mágoa que o autor en troques de sacar peito por facer unha novela pulp, ande a lairse e pedir perdón por escribir pulp.

    Me gusta

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s