crítica de OS CORPOS INVISIBLES (Emma Pedreira, Xerais)

A RE-CONSTRUCIÓN DO CORPO FEMININO

Título: Os corpos invisibles

Autora: Emma Pedreira

Editorial: Xerais

Cando coñezo a ler o libro, a trama faime pensar en Dickens, lévame a iso a sociedade da Revolución Industrial que na novela aparece. Dise que Dickens foi a conciencia da sociedade victoriana, que denunciou a corrupción, que sempre estivo ao lado dos necesitados, dos débiles. Non o vou negar, mais penso que Dickens pecisa unha relectura actual. Malia que, polo que sei, foi ben considerado en medios socialistas, e xa non pensando en Dickens só, a min tende a enfadarme a literatura clasista, esa en que son as clases privilexiadas as que acoden en auxilio dos necesitados, ou o moralismo (e Dickens era ben moralista). Non vou negar o seu valor literario como escritor, e entón a sociedade era como era, pero enfádame o supremacismo e el diso sabía moito, na miña opinión. Por iso, cando enceto a novela e me atopo con esa sociedade penso: que ben, a ver se imos asistir a unha revisión da clasista sociedade inglesa do XIX, e aínda mellor se esa revisión a fai unha muller, a grade damnificada da Revolución Industrial. Despois a trama vai coller outro camiño, aínda máis interesante, pero o certo é que esa primeira vía tampouco se abandona e no remate retómase.

                     Cal é ese novo camiño? Pois cando LC (Loretta Count), a moza obreira, explotada, que esconde o seu corpo na funda de traballo, coñece a Prometea Stoner ( rica, cunha misteriosa enfermidade que a consome) e a novela se interna polos vieiros da Frankenstein de Mary Shelly, se interna claramente neles, cando comeza a reemprazar as partes inútiles do seu corpo (comezando polos pés e subindo cara arriba) por outras de escritoras célebres xa falecidas mais que por obra do doutor Percy (como o marido da Shelly) e o de menos é o como o consegue o doutor, pois entón tamén penso: que ben, agora é Frankenstein o que pode ser revisado – o mito do Frankenstein como monstro debe ser revisado xa, e revisado canto antes desde unha perspectiva actual, desde o mesmo desafortunado título aomesmo concepto de monstro. Finalmente a novela non vai de todo por aí, mais non por iso deixa de interesarme e haberá premio. Primeiro porque non se trata dun novo Frankestein,  a creación artificial é feminina e non resulta monstruosa, ese é o camiño. Non vai ter unha fin diferente á do Prometeo da Shelly, pero non se concibe como un ser mostruoso e aí si hai revisión do mito.

                     O feito de que Prometea Stoner sexa un ser crerado a partir de partes de escritoras xa falecidas (no remate inclúese unha listaxe delas) tamén dá pé a que se reflexione sobre o texto escrito (como refundido doutros anteriores) e esa reflexión proposta, por moito que xa non sexa nova, non deixa de ter o seu interese. Non é o noso cometido nestas liñas, mais seguramente non se alonxa moito da realidade. E ese mesmo feito, unido ás cartas que lle envía á (enigmática, pero pouco) Mary S. Tamén dá pé a pensar no creador ou creadora como froito (non só o trexto) da actividade doutr@s anteriores. De xeito que a novela, malia non ser moi longa, nunca perde o interese, resulta moi rica no plano conceptual e ademais é de áxil lectura desde o punto de vista da técnica escritural. Non é pouco, todo o contrario.

                     Porén non podemos rematar sen lembrar o título: os corpos invisibles. Poético e que convida á reflexión, porque é o que máis une á Stoner con LC, o feito de que LC traballe para a Stoner ten menos importancia, na miña opinión. E o título úneas desde o momento en que as dúas necesitan novos corpos: no caso de LC ese corpo que o ten que agachar na funda de traballo, e o cabelo na pucha (non o dixeramsos antes). No caso de Prometea Stoner, a misteriosa enfermidade faina necesitar un novo corpo, ese feito de pedazos doutras, que tamén era invisíbel até que o doutor Precy obrou a milagre. E repetimos, o menos e o como o fai; na época da Shelly acababa de descubrirse a electricidade, pero iso agora é o de menos. Son dúas mulleres. Prometea, de idade indefinida, mais adulta. E LC, unha moza que, tampouco o dixeramos, tamén agocha o seu nome nesas iniciais. E de aí despréndese a necesidade da visibilización da muller, a estas alturas do século XXI aínda andamos nesas e mesmo hai quen quere que voltemos a tempos pasados…pero non esquecidos. E tamén a súa reconsideración e revalorarización social, como o remate certifica.

                     Os corpos invisibles de Emma Pedreira é o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Na miña opinión é unha pena que non levara o Xerais de Novela, porque é mellor novela e porque me parece que así tería unha recepción adulta desde a cal non perder nada do contido conceptual. Dáme a impresión de que, en lectura de moz@s precisará un mediador ou mediadora que guie o camiño da lectura sen eivas. E non é que non @s haxa. Que si @s hai, e moi competentes, mais infortunadamente son @s menos e en moitísimos casos recoméndase unha lectura sen antes lela, simplemente porque outr@s o fixeron ou porque así o autor ou autora vista o centro e xa tes outra papeleta solucionada. Esa é a miña experiencia e o meu medo. Alén diso, a propia concepción e estruturación do ensino (concebido para que @s alumn@ estean o menor tempo posíbel no centro) non favorece nada a lectura e aínda menos o debate posterior, por non falar de que o profesorado le bastante menos que @s propi@s alumn@s, créanme, bastante menos, se un 10% do profesorado le…xa é un éxito.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s