5 anos sen BEGOÑA CAAMAÑO

Ser crítico literario ten cousas así, permíteche coñecer persoas (para alén da valía literaria da súa obra) dunha calidade humana excepcional, como Begoña. Tamén @s hai do extremo oposto, ben que o sei, pero son menos, moit@s menos.

Begoña Caamaño e mais eu entramos en contacto a raíz da crítica que eu fixera da súa Circe, aló polo 2009, creo. Da maneira máis natural, nas páxinas da Ferradura en Blogaliza ( canto boto de menos Blogaliza, o seu traballo foi xeneroso e moi eficaz). E resultou que Begoña, desde aquela converteuse na comentarista máis habitual das anotacións que eu subía á bitacora. Era unha auténtica gozada atopar os seus comentarios, sempre agudos, sempre transparentando unha sensibilidade extraordinaria, que aínda por riba ía arroupada nunha expresión clara, contundente, precisa, chea de humanismo e mesmo de forza literaria expresiva. Así é como a lembro, e quen seguira a Ferradura fielmente así a lembrará.

Posteriormente, cando foi merecente do Premio da Crítica Española pola súa Morgana en Esmelle, deliberación que tivera lugar en Ponferrada (cousa que lembro moi ben pola espectacularidade do recibimento, e porque o alcalde -PSOE, daquela polémico- se dirixiu a Ángel Basanta e mais a min nun perfecto galego difícil de escoitar nun lugar onde é máis frecuente a galegofobia, pola miña experiencia). O conto é que Ángel Basanta tivo a ben cederme a min o privilexio de comunicarlles a Begoña Caamaño ( pola súa Morgana ) e Álvarez Torneiro (recentemente falecido, polo excelente poemario Os ángulos da brasa) o recoñecemento da crítica manifestado no premio. E volvemos entrar en contacto, desta volta non virtual, como na Ferradura, en vivo.

Non sei canto tempo botamos ao teléfono, non mirei o reloxo, pero foi bastante, o suficiente como para que eu cruzara en coche toda Ponferrada (estabamos nun hoteliño da outra banda do río, preto do castelo onde se celebraran as deliberacións) e xa estaba fóra, bastante fóra do casco urbano cando rematou a chamada. Non foi unha simple chamada en que lle dás os parabéns á persoa premiada e máis nada. Con Álvarez Torneiro si foi así. Con Begoña non. Lembro que falamos primeiro da Morgana (publicouse no 2012, premiouse no 2013), lembro que falamos despois de Circe (tiña unha alumna de 30 ESO léndoa, por elección propia, non por consello meu) e iso levounos a comentar a cerca da literatura en xeral, do seu poder á hora de conformar conciencias críticas e da atracción que as historias contadas podían exercer nos lectores e lectoras para desde aí actuar. Así o lembro. Así lembro a paixón coa que falou, e como empatizamos desde esa paixón compartida. Mais todo remata e aquela conversa tamén, non sen antes quedarmos para falar de literatura cun café no medio,.

Infortunadamente, ese café nunca o tomamos. O seu mal xa ía avanzado e non tardaría en falecer. Persoalmente perdín unha interlocutora de calidadepersoal excepcional, unha autora da que agardaba aínda moito máis, e a sociedade galega perdeu unha muller loitadora, exemplar (xa digo) ben como profesional da información, ben como sindicalista, ben como activista a prol do feminismo, en calquera faceta da vida en que se manifestara.

Sempre a lembro como emoción. No meu teléfono móbil aínda conservo gravado o seu número. E non o borrarei nunca, porque a súa lembranza me é moi querida. Por iso, desde aquí, Begoña, digo que a eternidade pode ser moi longa, que sexa todo o que queira, non nos impedirá tomar ese café que temos pendente.

Begoña Caamaño, para sempre na miña memoria. Esa persoa excepcional que te transformaba. Sempre eras alguén mellor despois de conversar, virtualmente ou ao vivo, con ela.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s