sobre a HERBA DE NAMORAR, de María do Cebreiro (Galaxia)

UN POEMARIO EXCEPCIONAL

Título: A herba de namorar

Autora: María do Cebreiro

Editorial: Galaxia

“Non son necesariamente os que máis quero nin os que máis lembro; si son aqueles que agora mesmo podería volver ler en voz alta sen experimentar demasiada estrañeza” (12) Este é o criterio de partida que seguiu María do Cebreiro á hora de escolmar os 50 poemas de que consta esta preciosa Herba de namorar. E o poemario comeza sendo excepcional por aí, porque non son moitas as veces que un autor ou autora se enfronta á tarefa de escolmar 50 poemas entre os publicados desde hai 20 anos. 20 anos son moitos anos e, por forza a poesía ha de amosarse evolutiva, cambiante, diferente…ás veces máis próxima do sentir/entender contemporáneo da escolma, e ás veces máis alonxada. De todos os xeitos, ímolo adiantando, María do Cebreiro non é un dos principais nomes da poesía galega por casualidade, a súa pericia poética é moi elevada, tan elevada como para que os seus poemas falen de extremos (amor-desamor, por exemplo) mais a voz poética é quen de facelos coincidir, de aproximalos, de acaroalos cunha naturalidade e tenrura realmente extraordinaros, excepcionais. Esa é a primeira impresión que fica en min unha vez lido o poemario por primeira vez. Por primeira vez, porque a poesía de María do Cebreiro non se esgota nunha lectura, senón que a cada pouco vai demandando sucesivas lecturas do mesmo texto. Esa é unha das razóns polas que, en tratándose de poesía de María do Cebreiro, o poemario me esixe demoras, voltas atrás, relecturas…como se estivera dentro dun círculo máxico de palabras, de versos, de pomas que me atrapan, que me rodean, que me circunscriben a unha realidade poética da que propiamente son captivo ( que diría Celso Fdez. Sanmartín).

                     Falei de pericia poética, e non me gusta moito o termo, quizá porque se emprega moito máis refrido á narrativa. Porén dalgunha maneira hai que designar a habilidade compositiva, a habilidade técnica poética que leva a María do Cebreiro a deixar sublimes mostras poéticas independentemente de que se trate de poemas moi curtos ( un verso, un aforismo poético) ou poemas moi longos (varias páxinas), compostos con versos curtos ou versos longos (tanto ten, porque a poeta sabe moi ben moverse nos diferentes ritmos que representan), que sexan poemas narrativos, ou descritivos ou mesmo dialogados. A noso xuízo, mención a parte merecen os poemas dialogados, porque neles se recoñece o achado poético en situacións asimilábeis ao cotián. Ou non tan cotián, porque, sempre a noso xuízo, unicamente pode facer poesía deste calibre quen vive a poesía. Poderá haber poetas tecnicamente brillantes, poeticamente brillantes, mais só son aqueles/aquelas que viven a poesía quen nos deixa resultados sublimes. Sublimes, quiza esa palabra sexa máis xusta para definir a poesía de María do Cebreiro e, cando menos nós, achamos ese fulgor especialmente nos poemas dialogados. O cal non desmerece para nada o resto de tipoloxías poéticas, modalidades textuais lles cahma a autora, a que se enfronta con total éxito, e enumera: o epilio, o poema longo, o himno, a elexía, a sátira, o madrigal, o epigrama, o lied, ou o aforismo, pero tamén o collage (de diferentes procedencias, o cal amosa non só unha cultura moi ampla e variada senón tamén, e na mesma medida, a sensibilidade de que fai gala). Isto non é unha simple enumeración de modalidades textuais poéticas, revela tamén unha asimilación clásica moi ben traída á actualidade.

                     Porén non esquezamos que  todo comeza no título: “A herba de namorar”. Quen non se sente atinxido pola profundidade poética desta metáfora? A “herba”, quizá a planta que mellor define a paisaxe galega. Sinxela, imprescindíbel, cun poder xerminativo sen igual que a leva a aparecer mesmo entre pedras ou asfalto. “De namorar”, ten un significado moi grande na nosa cultura a herba “de namorar”, mais, neste caso de María do Cebreiro, é que a propia poesía é concebida un acto de amor. E tamén coma unha escola. Eis un acto de amor, e enténdase “amor” nun senso ben amplo e tamén coma unha forma de coñercerse e coñecer @s demais así como o mundo. E non nos parece anecdótica ou as hoc esta forma de entendela. Non. Sinxelamente porque, na nosa opinión, só unha persoa que entende así a poesía é quen de deixar un poemario como este. Non só unha autoescolma, con algúns poemas inéditos ( no remate, o editor, Ismael Ramos, ofrece un mapa para quen estea intesad@ en distinguir uns dos outros ) senón un poemario con identidade propia. Por riba desa presumíbel evolución poética nos vinte anos escolmados, está non só a riqueza formal xa apuntada senón unha concepción do amor (ou do desamor) que fala dunha tenrura a flor de pel, nos ollos, nas mans, na relación co mundo, na maneira de entender esa relación pero tamén de expresala, aceptala e compartila en cada palabra, en cada verso, en cada poema. Tenrura, esa é, a noso entender, a palabra clave, o concepto clave que percorre o poemario

                     Falei de amor (e desamor). Non debe entenderse iso como un fulcro temático único. Mais tampouco nos aquece ofrecer agora unha cartografía temática porque, como é de agardar vista a definición de poesía que en María do Cebreiro opera, no fondo de calquera poema de calquera tema sempre atopamos esa tenrura, ese amor. Porque calquera verso, calquera poema é iso, unha herba de namorar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s