apoloxía do libro de dos tecedores e tecedoras de soños: O HOME QUE MERCOU UN LIBRO (Paco Martín) e A FITA AZUL (Mon G. Buhigas), en Galaxia.

QUE NOS DEIXEN SOÑAR

Títulos: O home que mercou un libro & A fita azul

Autores: Paco Martín & Mon G. Buhigas

Galaxia

Poucas veces se complementan tan ben dous libros como estes de Paco Martín e Mon G. Buhigas. Mais, antes de comezar a escribir sobre cada un deles, permítanme que lles conte estes dous sucedidos, ambos e dous verídicos.

                     Cando Paula Vázquez Verao, hoxe coñecida e valorada política, era alumna miña comentoume unha iniciativa que a min me pareceu extraodinaria e imaxinativa. Consistía en que, cando algunha persoa mediática ou algún político visitase Sober, este, na súa entrada ao pobo, atopase en cada esquina de rúa unha persoa lendo. Evidentemente deille os meus parabéns pola idea e soñei moitas veces que sucedía. Lamentabelmente non sei se se levou a cabo nunca, posibelmente non, que daquela Paula era moi  nova e é seguramente non tería os suficientes apoios sociais para levala a cabo. Ou simplemente a idea caeu no esquezo. Mais eu quero resctala hoxe, porque me parece unha excelente idea como para levala a cabo en calquera lugar da Galiza.

                     E en segundo lugar, cando impartía docencia e chegaba a min alumnado novo, un dos primeiros días que tiveramos aulas eu levábaos á biblioteca. Unha vez sentados cada un no seu sitio preguntáballes como se chamaba o lugar onde estabamos. Eles respondían que era a “biblioteca”. Entón eu preguntáballes que era unha “biblioteca”. E eles respondían que era un lugar onde se gardaban libros. Aí eu dicíalles que non, que estaban equivocados, porque o que vían nos andeis eran soños. Todo libro, sexan da temática, xénero ou estilo que sexan, nace como un soño. Por iso a biblioteca era un lugar máxico, porque nos permitía dispoñer dunha morea de soños.

                     E verán como as dúas anécdotas veñen a conto.

                     Paco Martín, excelente escritor do que nada novo imos descubrir que non sexa recoñecer a súa excelencia como autor, proponnos un título, O home que mercou un libro, onde Aníbal Hortensio López Carricova, un 23 de xuño, un mozo de 24 anos en non moi boa forma física, sae camiñar como ten por norma facer habitualmente e, por motivos que non lles vou adiantar mais que son puramente casuais, entra nunha tenda que resulta ser unha libraría. E merca un libro. Un libro de poesía.. E, desde entón, comezan a sucederlle cousas extraordinarias que nin el mesmo imaxinaría e eu non lles vou contar, porque sería contar o libro, esta noveliña que, segundo di na contracapa é un “libro para os que devecen por ler como respirar”. E éo. Quen xa é lector ou lectora frecuente achará moito conforto en ler esta pequena novela. Experimentará un especial pracer en recoñecer a excelencia dos libros como motor da vida. Porque quen é lector/lectora habitual, quen xa ten o hábito da lectura, non só non se desfará del nunca, senón que lle será moi difícil vivir sen ler. Así de aditivos poden chegar a ser os libros. Aquí é un de poesía, mais lembren que existen libros sobre a temática que máis lles a peteza a vostedes.

                     Voulles expoñer outro sucedido que tamén vén ao caso. Un dos meus mellores amigos é camioneiro e, en certa ocasión, padecera algún mal das costas que o tiña encamado. Funo visitar e, loxicamente, leveille libros para que pasara o tempo. Como sabía que, segundo el dicía, “non lle gustaba ler” eu leveille revistas de automóbiles e un par de libros onde se recollían viñetas do Carrabouxo. Ao día seguinte chamou por min, a ver se tiña máis.

                     Hai libros para todo tipo de lectores/lectoras.

                     A novela de Paco Martín, a noso xuízo, deberían lela precisamente aqueles/aquelas que “desconfían” da lectura, porque é un libro para facer lectores, máis que @s que xa o somos. E está editada na colección “Costa Oeste”, de xeito que precisamente o seu lectorado primordial serán  mozos e mozas, que posibelmente aínda non teñen de todo interiorizada a lectura como forma de vida (forma de vida, insitimos) ou hábito frecuente. Como é lóxico, tratándose dun autor de tan recoñecido prestixio, trátase dunha rara avis, unha rara xoia, que ningún lector/ningunha lectota adulta debe deixar pasar. Polo reconforto que achega. Polo pracer inherente á súa lectura.

                     O libro, ese soño.

                     E de soños trata precisamente o libro de Mon G. Buhigas, A fita azul, tamén editado por Galaxia, na colección “Libros para compartir”. Ou, para ser máis exactos, de tecedores/tecedoras de soños. Eses tecedores/tecdoras de soños levan unha fita azul. É a súa maneira de identificarse. E, por suposto, hai moitos tipos de tecedores/tecedoras de soños. Comezando pol@ que nos contan contan contos, pol@sque nos contan marabillas cando somos nenos, antes de durmir ou en calquera outra ocasión. Por exemplo, e tamén en boa parte os mestres/mestras, non tod@, pero hain@ que nos trasladan ao mundo dos soños sen que importe, en principio, a materia impartida. En principio, porque hai materias que para iso son máis agradecidas, as que teñen que ver coas linguas, por exemplo. E, como non?, os escritores/escritoras que coas súas palabras impresas en negro sobre o papel branco nos levan a países e lugares, a situacións e contextos, a personaxes e tipos humanos, que non sospeitariamos e que, por suposto, existen na república dos soños. Un libro escrito con moita poesía. Preciosa poesía en prosas breves. Para lerlles aos cativos ou cativas cando comezan a ler, para espertarlles a curiosidade, esa facultade humana incomprábel, que precisamente nos fai máis humanos. E tamén para lermos os adultos porque nos reconcilia co mundo dos soños, sexan en palabras de papel, sexan en palabras escoitadas, sexan nas palabras que sexan. Se Paco Martín escribía unha homenaxe aos libros, Mon G. Buhigas escribe unha homenaxe a quen é capaz de espertar en nós soños. Necesaria, porque nunca serán escritas as suficientes. Necesaria, tamén porque moitas veces quedan no anonimato dos nosos agradecementos eses tecedores ou tecedoras de soños, que non só nos fan máis levadeira a vida senón que pode que nola transformen, como o libro de poesía ao protagonista de Paco Martín. E tamén, tamén podemos acceder ao mundo dos soños a traves das fermosas ilustracións de Ana G. Buhigas, coa súa linguaxe e formas e colores.

Eis dous libros para que os mediadores /mediadoras da lectura os teñan en conta como primeiras lecturas, ou como reconforto para quen é xa lector ou lectora convencid@.

E para coda, estas palabras de Carolina María de Jesús, poeta brasileira, negra e pobre ; imprescindíbel: “A vida é igual um livro. Só depois de ter lido é que sabemos o que encerra. E nós quando estamos no fim da vida é que sabemos como a nossa vida decorreu. A minha, até aqui, tem sido preta. Preta é a minha pele. Preto é o lugar onde eu moro.” (CUARTO DE DESPEJO: DIÁRIO DE UMA FAVELADA, 1960)

                     ASDO: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s