crítica de ADEUS, CAPITÁN WALTON, de Miguel Mato Fondo, en Embora Edicións.

RELATOS LÍRICOS

Título: Adeus, capitán Walton

Autor: Miguel Mato Fondo

Editorial: Edicións Embora

Non son nada frecuentes este tipo de relatos, relatos líricos, que Miguel Mato Fondo, poeta, ensaísta e narrador, nos propón neste Adeus, capitá Walton. O que é na narrativa non sabiamos nada del desde aquel Xope de Lilaina (2005, Baía Edicións). Por certo, como aproximación á súa vida e á súa maneira de entender a literatura, recomendamos moito esta entrevista en Galicia Hoxe. Precisamente, este autor, que se confesa estar a escribir sempre poesía independentemente do xénero ou tipoloxía textual de que se trate. E iso mesmo nos confesa nas palabras preliminares a este volume, que encabeza unha cita de Hermann Broch (A morte de Virxilio, esa xoia), “ O escritor só conta o que soña, imaxina, ou transcende, estilizado ou metaforizado. Esa é a literatura que prefiro, a escrita que sempre é poema” (11). E un puco máis adiante; “Literatura onde nada acontece, onde a accción aparece desaloxada do relato polo lirismo, o metafórico, Expulsada pola descrición, o detallismo” (11). Sen dúbida non se pode definir mellor o que é e o que hai neste Adeus. Capitám Walton, onde cada relato é unha aventura interior, unha máscara, unha estilización. E sen esquecer que o mesmo autor comeza esas palabras preliminares indicando que nestes relatos hai certa inspiración autobiográfica, moi vaga, evocada, que ten que ver coa memoria de sensacións, de impresión provocadas pola arte, polos libros, pola música ou pola vida. É necesario incidir nisto, porque non hai mellor maneira de presentar os relatos que a continuación se nos ofrecen.

                     Por exemplo, no primeiro, “Últimos días en Rüngtedlund” fai referencia ao museo da danesa Karen Blixen, en camiño cara Elsinor, e Karen será precisamente unha das personaxes, igual que a de Denís nos lembra a Denys Finch Hutton, que sería o seu amante. Ah, e falando de museos, téñase en conta que en Kenia, a 10 Km de Nairobi, unha típica casa colonial, ten outro museo. Dicimos que se teña en conta porque, na ensoñación, ou na memoria ou na ensoñorialización que é o relato en cuestión, non só aparecen os nomes de Karen e Denís, senón que hai unha contínua peregrinaxe o ( ou viaxe) entre as paisaxes nórdicas e as africanas, e non só. E neste lembrar personaxes, tamén Boganis  nos lembra ao propio pai de Karen Blixen, que escribiría un libro con ese título (parcialmente). Ou tamén os poetas Ewald ou Martinson. Sherezade, a música de Mozart, a soidade, a curiosidade, o impresionismo, o ambiente íntimo que xeran as paisaxes, as obras de arte (Asger é outro artista presente), as sensacións que provoca o lido. Todo iso é parte do que protagoniza ou conforma este primeiro relato.

                     O segundo, “Caterina no devalo” comeza lembrándonos a Katherine Mansfield, e despois aparecerán T. Hardy ou os versos de Sylvia Pltah, María ( a muller afogada) ou Amós (houbo un filósofo con ese nome), son parte da paisaxe humana que poboa o relato. A parte física, as descricións de lugares etc deixámola para que a descubra o lector ou a lectora. Non adiantaremos nada porque precisamente o miolo da escrita de Mato Fondo neste volume está aí, e mellor que a descubra cada un por si memso/por si mesma. Simplemente indicar que aquí, no apartado artístico, se lembra Vanessa Redgrave e a oscarizada Julia ( Fred Zinnnemann, 1977). Esta estratexia de pintar atmosferas coas palabras continúa en If you´d love me someday, esa fermosa prosa, ourivesaría verbal mestra, para gozar cada frase, cada oración, cada parágrafo, cada páxina onde o único que se pretende, ou que se pretende por riba de todo é procurar intres poéticos, empregando a metáfora, a descrición, as alusións a outras artes… Aquí, sendo o ambiente moi de jazz, non podemos deixar de lembrar presenza de Catherine Linton, personaxe de Emily Brontë en Wuthering Heights. Mais, para que se vexa a versatilidade de Mato Fondo, pouco despois da novela da Brontë, quen aparece na narración é Alethar, que lembrará o World of Warcraft, ese xogo que tivo tanta difusión. E Lorelai únese ao grupode mulleres ( Caterina antes, Teresa despois) que protagonizan os relatos do autor de Ponteceso.

                      E despois chega o momento do relato que dá título ao volume, se se quere, cunha trama xa lago máis convencional, recuperando a voz de Mary Black (I Say A Little Player) tal e como no aterior se lembrara a Carmen McRae. O jazz, esa música, ese ambiente, esas colores, ese fume de tabaco, esas voces harmoniosas e desgarradas, eses tons ás veces desesperados…sen dúbida caracterizan moi ben a atmosfera deste volume, non só deste relato, relato onde tamén hai unha alusión a Mary Shelly na Vila Diodati, onde nacerá Frankrestein, esa creación universal, feita de anacos ( os máis belos) doutros seres, un pouco como este libro, en que relato a relato o autor vainos deixando un pouco de si e, tal vez se os xuntamos obteñamos unha metáfora do propio autor.

                     Para finalizar con “Flores nun vaso de auga”, un relato moi íntimo, familiar, onde non pode faltar o Anllóns, onde tamén aparecen A illa do tesouro (R.L. Stevenson), e se lembra o poeta ruso Konstantin Balmont así como o poeta e dramaturgo irlandes William Butler Yeats. E non diremos máis nada, non desvelaremos máis. Simplemente quixemos nestas liñas ofrecer uns datos a partir dos cales Mato Fondo crea ambientes, ambientes poéticos nunha prosa chea de esteticismo, de preocupación polo estilo, desas que ultimamente pouco se  prodigan. Ouro puro, para lectoras e lectores que saben desfrutar do como escribe por riba do que se conta.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s