exemplos e malos exemplos na literatura galega

Despois de ler este artigo de Marta Dacosta sentinme un chisco aliviado: Vaia, non estou só nas miñas protestas, pensei, porque comparto totalmente o que di Marta. Non só o comparto senón que a miña intención nestas liñas é ir un pouco máis lonxe. Ela non o di, mais eu estou seguro de que se refire a Pedro Feijoo e a súa colaboración no Faro de Vigo en castelán.

Ben, xa dixen que a miña intención é ir un un pouco máis lonxe. E tamén é certo que na literatura galega non escasean exemplos que lle dean a razón a Pedro Feijoo, comezando polo mesmo Manuel Rivas e sen termos que botar a ollada atrás- se ben é certo e hai que dicilo, Rivas escribe para Madrid)- a outros ditatoriais tempos nos que non era doado que te deixaran escribir en galego na prensa diairia. Porén xa non estamos no século XX nin na ditadura. E quen se dedica á literatura galega debe observar un compromiso lóxico coa lingua e a cultura, simplemente por ser coherentes co leitorado en galego que os arroupa, por lóxica ( se se quer).

Porén, na literatura galega de hoxe esta falta de compromiso comeza xa co mesmo nome co que se asinan as obras. E velaí temos ao mesmo Pedro Feijoo, Domingo Villar ou o mesmo Jorge Emilio Bóveda, que asinan en perfecto castelán (exemplos disto non lles han faltar na literatura galega, comezando polo mesmo Otero Pedrayo, por exemplo). É moi frecuente nas miñas críticas que me queixe do desleixo con que os autores ou autoras tratan a onomástica galega, si, mais o certo é que é por aquí por onde hai que comezar, polo nome co que asinan as súas obras. E cando é así eu sempre lembro o nome de Xabier P(uente) DoCampo, exemplo de tantas cousas, entre elas de compromiso coa cultura galega.

Non deixa de ser curioso como ese compromiso onomástico se traslada despois a outros eidos da escrita. Por exemplo, ben sabido é que Domingo Villar seica escribe os diálogos en castelán. Por exemplo, ben sabido é que Pedro Feijoo procura nas súas novelas un léxico plano, que non teña o lector ou lectora que coller o dicionario. E mesmo teño advertido nas redes sociais que, por favor, non se utilice o dicionario en liña da RAG, porque ten poucas entradas, porque ás veces admite castelanismos ou porque na conxugación verbal usa uns nomes para os tempos verbais que son máis propios do século XX ca deste en que estamos. E, teño para min, non son poucos os autores e autoras que botan man del.

Mais isto aínda non é nada, queremos dicir que hai máis, o que si podemos tomalo é como exemplo dunha deriva na literatura galega que non leva a nada bo. Isto non é todo. Porque despois está esa teima en autotraducirse ou publicar en castelán á vez que en galego ou pouco despois de publicar en galego ( no mellor dos casos). E, outra volta, exemplos non lles faltan. Volvamos ao caso de Manuel Rivas. Aínda que tamén é certo que todos eles xuntos non chegan á altura literaria dun capítulo de Manuel Rivas. Non se traducen ou autotraducen polo seu valor literario. Non. Na miña opinión detrás desa teima non hai outra explicación que a económica, non queren desaproveitar un nicho de mercado que teñen á man. Velaí a explicación. Sendo, aínda por riba, que as edicións en galego manifestan unhas eivas, erros ou grallas que despois na tradución se autocorrixen ou os tradutores ou tradutoras corrixen. Isto foime negado pola mesma Arantza Portabales cando o manifestei na miña crítica, e seica en castelán tamén ten esas grallas. Non o comprobei.

E xa non é só que esta prática da autotradución, da tradución e publicación en castelán sexa algo que se está estendendo en demasía, na miña opinión. Xa dixen que nin sequera se trata de obras literarias notábeis ou sobresalientes. Non. Son normaliñas. Aínda que despois as mesmas casas editoras en galego procuren enaltecer o discurso destes autores e autoras, que o negocio é o negocio. Porque tamén a mesma crítica é cómplice desde o mesmo momento en que cala, compadrea ou comadrea cos autores ou autoras e non para de darlles palmadiñas nas costas. Iso tamén é certo e non se pode negar.

Xa dixen que a miña intención era ir un pouco máis lonxe e penso que o conseguín. Que do dito ben se pode colixir que hai autores e autoras que usan a literatura galega como nicho de mercado, como negocio, se se quer. Nos oitenta era moi frecuente aquilo de dar listaxes de nomes, e nos noventa tamén se practicou, teremos que volver a iso e dar listaxes de peseteiros/pesetairas?

2 opiniones sobre “exemplos e malos exemplos na literatura galega

  1. Aquelas eivas das que non se é consciente xamais se solucionarán. Por iso, beizón a todos aqueles que as sinalan. Están ponhendo a primeira pedra da solución.

    Gústame

  2. Ola. O da autotradución ou publicación en castelán como síntoma de falta de compromiso coa lingua, coa cultura galega, paréceme unha etiqueta inxusta. Onde nos deixa iso ás e aos que non podemos publicar en Galicia porque cada vez se publican menos libros, cando menos en poesía, e porén vemos como as editoras do estado español si nos abren as portas a publicar en formato bilingüe? Temos que renunciar á publicación das nosas obras para demostrar (a quen? por que?) o noso compromiso coa lingua?

    Eu escribo en galego. Unicamente en galego. Narrativa e poesía. Coa narrativa nunca tiven problema en publicar en editoras galegas as poucas obras que escribín, pero coa poesía semella imposible. Nin presentándome a concursos (a única garantía de publicación en poesía hoxe en día), nin enviando o orixinal ás editoras. Porén, os meus dous poemarios foron ou serán publicados (un esta a piques de saír do prelo) por editoras de fóra, en bilingüe, sen o máis mínimo problema. Con absoluto respecto a miña condición de escritora en galego.

    Non é unha cuestión de mercado. É unha cuestión de lectores. Escribimos para comunicar, e se a nosa cativa industria editorial non nos facilita esa comunicación, buscaremos acadala dende fóra; a través de textos editados no estado, si, mais coa ollada posta en Galicia. Ben consciente de que os meus lectores, de habelos, estarán aí.

    Un saúdo.

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s