a literatura na desgaleguización da Galiza

Escribiuse moito e debateuse moito no papel da literatura á hora de conformar como pobo se seu, como nación. Mesmo creo lembrar que Ferrín dixo algo así como que a literatura é/era o único eido onde Galiza se manifesta libre. Algo así. Xa hai tempo. Porén eu teño as miñas dúbidas, ou os meus temores. O que escribín na entrada anterior e que tanto se comentou non obedece a outra cousa, nin é algo que non tivera dito/escrito desde hai ben tempo. Paréceme importante reflexionar sobre isto agora, cando as cousas igual aínda teñen amaño, e non cando xa pouco se poida facer. A través dalgúns exemplos, porque ser son ben máis. Mais hoxe imos falar doutra cousa que ten que ver con isto, claro.

Foi ben sonado aquilo que dicían os fachas de españolizar Catalunya. Mais iso, españolizar, non é algo que fique reservado exclusivamente aos cataláns. Tamén ten que ver con Euskadi, realidade social que coñezo pouco mais non creo que disto se vexan libres. E, naturalmente, con nós, coa Galiza. Si, con nós tamén, e non é cousa puntual, de agora, do momento. Simplemente é a estratexia que o PP vén levando a cabo desde sempre. Fraga pretendía neutralizar a literatura galega coa súa estratexia de asimilacionismo ou apropiación indebida. Non dubidada na súa teima, tanto se tratara de Alfredo Brañas (que pouco se fala del ultimamente, no que vai de século) ou de Manuel Rivas. Lembro ben cando premiaran a Manuel Rivas polo Que me queres amor?, sacando peito como o que máis e poñendo polas nubes a literatura galega, que daquela non deixaba de medrar, tamén é certo. E de aí pasouse ao odio de Feixó. Feixó odia todo o que teña que ver coa afirmación de Galiza como pobo diferenciado. E odia fondamente a literatura galega. De nada serve que se fotografara coa última novela de Berta Dávila, era para unha foto, máis nada. O seu plan é acabar coa literatura galega. E o ataque orzamentario ao CDG non é fariña doutra muiñada. Non, está no mesmo plan.

Porque o certo é que Feixó condenou á literatura galega a competir en inferioridade de condicións no mercado. Dicindo iso de que estaba moi subvencionada e tal e tal. Mentira. mente moito. Tamén a literatura en castelán está subvencionada, sen ir máis lonxe. E non quedou aí, fixo todo canto puido contra o libro escolar en galego. Ten a rede de bibliotecas baixo mínimos, cada ano son menos e peor atendidas orzamentariamente. Quen lembra que o orzamento para bibliotecas medrara? Xa choveu diso E tantos exemplos máis que se podían poñer.

Dito con outras palabras, que aínda siga existindo a literatura galega é algo que me marabilla e que me dá forzas para seguir adiante. Si, segue existindo, mais como? Velaí a pregunta clave. Non son editor, non teño a man os datos da edición en galego dos últimos anos, mais seguro que non erro se digo que as tiraxes das edicións baixaron, xa non son as mesmas que eran. E non esquezamos que o grande nicho de mercado para as casas editoras que é a LIX ou literatura de institutos, esa tamén está seriamente ameazada, co galego varrido do ensino nas cidades; non só nas cidades, tamén hai pobos onde resulta difícil escoitar moz@s a falar en galego. E, se non hai falantes tampouco hai lectores, porque demostrado está que atraer lectores en galego desde o castelán é tarefa imposíbel ou cando menos excesivamente minoritaria. Se alguén creu niso pode ir esquecéndoo.

Os clubs de lectura son quizá a mellor esperanza que ten o libro en galego.

Porén volvamos ao rego. O papel da literatura galega na desgaleguización da Galiza. Que está en marcha, igual que a eucaliptización ( da que tanto se fala hoxe) tamén é ben vella, cumpriría lembrar o enfrontamento que tivera Manuel Rivas con Fraga precisamente polos eucliptos, fora nos noventa senón lembro mal.

O papel da literatura na desgaleguización. Ao meu ver resulta fundamental, unha vez que acaben con ela terán vencido. É o que penso eu e por iso me alarmo. Nunca necesitou máis a literatura galega a escrita militante como agora. A escrita realmente comprometida. E se comezamos por abandonar a normalización das autorías en galego, mal imos. Xa dixen, onte puxen uns poucos exemplos; son ben máis. E se continuamos reducindo o tempo de impacto das novidades en lingua galega porque á vez saen as traducións ( ou uns meses despois), pois tampouco axudamos nada. Nada. Pola rede teño visto algún blog en castelán que le as novidades en galego pero recomenda agardar a que saia a tradución. E casos de xente que se nega a mercar a edición galega sabémolos ben porque nas feiras estamos cans@s de velo.

Non sei. Prefiro pecar de excesivamente preocupado a ter que arrepentirme despois. E, desde logo non o tomo a broma, como vin que se fixo polas redes sociais ( espazo tan proclive á ironía e a retranca). Nin creo no papel das traducións á hora de conformar o canon galego, á hora de canonizar (como pensa, imaxino, algún autor que citei onte). Sei que sucede, polo menos promocionalmente. Porque esa é outra. Que literatura exportamos? De primeiras cabería pensar ( así o farán no mercado receptor, creo eu) que se exporta do melloriño que temos. Mais, na miña opinión, non é así na maioría dos casos, simplemente é literatura (narrativa) de entretemento.

E o día en que unha literatura sexa só literatura de entretemento, esa literatura ten os días contados. Porque a literatura nin naceu como entretemento nin se debe conformar con tal.

Sempre houbo quen dixo que a literatura galega non podía ser “nacionalista”, por dicilo dalgunha maneira. Exclusivamente non, niso estou conforme, é un suicidio. Mais que alguén me explique se a literatura italiana, a francesa, a castelá, a portuguesa…calquera das que temos arredor, por exemplo, que alguén me explique se esas literaturas non son “nacionalistas”, por dicilo dalgunha maneira. Ten que haber de todo. A diversificación temática da narrativa galega foi un logro e unha realidade desde os oitenta (con precedentes xa nos setenta), pero a literatura militante segue a ser fundamental, cada día máis, polo que a deriva que levamos nos ensina.

Compadezo ao lectorado receptor destas traducións e autotraducións que só teña esa imaxe da nosa literatura e non saiba nada de Novoneira, por exemplo.Unha vez preguntei nas redes sociais que era preferíbel: ter boas críticas ou moit@s amig@? Hoxe non repitiría a pregunta. Unha boa axencia, unha boa rede de contactos fóra da Galiza, iso é o que importa, e moit@s amig@s que te poñan polas nubes.

E que quede claro, mentres teñamos literatura propia teremos pobo diferenciado. Do resto só seremos uns asimilad@s máis.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s