crítica de MARCO LIVORNO, de Mario Regueira, en Caldeirón

MARCO LIVORNO OU A POESÍA TOTAL

Título: Marco Livorno

Autor: Mario Regueira

Editorial: Caldeirón

Reflexionei moito sobre o título que ía poñer a estas liñas sobre o Marco Livorno de Mario Regueira. Premio Illas Sisargas de Poesía Erótica. E finalmente quedei con este porque creo que é o que mellor reflicte as moitas polaridades que reúne a poesía que aquí nos deixa Mario Regueira, nun dos mellores poemarios que nos deixou o ano pasado, nun dos poemarios máis intensos que lin nos últimos anos. Nun dos poemarios máis intensos que lin nos últimos anos desta poesía galega que é, sobre todo, unha poesía lírica, tan fondamente lírica que parece que non houbera outra fronteira poética porque as excepcións a isto son moi poucas e nada doadas de procurar.

                     Comecemos por dicir que se trata dun poemario ficción. Si. Un poemario ficción, esas dúas palabras que xuntas poucas veces se atopan. E este é un poemario ficción que, curiosamente, desde o inicio nos sitúa na realidade, na realidade combatente, na realidade socialmente comprometida, porque Livorno non é unha cidade calquera da Italia, é unha cidade estreitamente ligada á esquerda política, se non errramos mesmo alí naceu o Partido Comunista Italiano. Un poemario ficción que nos trae á realidade desde o mesmo título, xaora. E despois, nas palabras preliminares do autor, onde se dá conta da ficcionalidade deste poemario, rescátase a figura de Cristiano Lucarelli , xogador de fútbol que renunciou a moitos cartos por xogar no equipo dos seus amores, e que, nun partido internacional coa seleccción italiana, despois de marcar un gol exhibiu unha camisola coa foto do Che Guevara. Nunca volveu ser seleccionado. Tamén hai que dicir que non nos é nada alleo este feito. Aí está o que lle aconteceu ao inesquecíbel Paínho, que lía a Dostoiewski e se efrontou aos fascistas da selección española. Moitos anos despois lembramos o caso de Otero, tamén céltico, que non foi internacional por ser independentista. Por lembrar dous casos e entre nós, porque en Catlunya e Euskadi hai máis.

                     Eis logo un poemario ficcional para devolvernos á realidade, a unha realidade que é a da poesía socialmente comprometida, unha actitude que botabamos de menos é é fulcral, ou transversal, nos discursos literarios de Mario Regueira.

                     A chegada a Ferrol, e despois a estadía de Marco Livorno, que é personaxe inspirada e indisociábel de Lucarelli, é o centro do  poemario de Mario Regueira. Realmente, mais ca centro, é o poemario enteiro, porque os poemas que imos ler son as lembranzas que Marco Livorno deixou nunha cidade como Ferrol, concretamente nun bairro do extrarradio, porque despois de xogar pachangas pasaba polas camas ou polas sábanas de moita xente. Tamén era un conquistador, esa fama que tanto teñen os italianos. E aí volvemos á polaridade lírica. Non son estritamente pomas onde o sexo ocupe todo o poema, nin a meirande parte do poema, direi. Mais sempre está presente, non só como unha comuñón de corpos na procura do pracer, senón tamén coma unha vía de fuxida ou procura liberdade. E, sempre que isto acontece, e dunha maneira que non procura protagonismo, sempre están aí a tenrura, a nostalxia, a melancolía. O da nostalxia era algo agardado, loxicamente. E cando se len os poemas, da man desa nostalxia (se se quer), da melancolía, o lector ou lectora chegará a coclusión de que aí, nese sexo compartido, tamén houbo tenrura, tamén.

                     Amor, raiba: dous sentimentos que Lucarelli deixou en herdanza coa súa pasaxe e estadía ferrolás. Bandeiras vermellas e paixón. Palabra clave: paixón. Primeiro, a paixón polo balompé, a paixón polo futbol de barrio, o máis democrático e participativo. O fútbol, outro tema que na nosa poesía tamén é novidade. Mais tamén a paixón inherente á loita política a prol dos desfavorecidos, que non só se leva a cabo por motivos do lóxica política, de irmandade, do solidariedade. Tamén é aconsellábel a paixón para ser quen de non abandonar a loita, porque a loita política esixe moito esforzo e dedicación. E, por suposto, a paixón relativa ao mundo do sexo, que tamén é o mundo do amor, e non só hai poemas aquí onde o sexo aparece, tamén hai poemas onde o obxectivo é o amor.

                     E non podemos rematar esta crónica libresca sen referirnos a outro aspecto que, de poesía tratándose, adoita pasar desapercibido ou polo menos é pouco mencionado. E refrímonos a calidade técnica que amosa este poemario. Cousas como a concepción do verso na aplicación do ritmo máis convinte. O mesmo que acontece coa estrofa, deica chegar a ese pouso climático que nos reserva o remate, e que nos convida á reflexión e tamén á ensoñación. Reflexión e ensoñación, tamén dous conceptos indisolúbeis nesta poesía de Mario Regueira.

                     Lembremos, recapitulemos: é ficción, é poesía, sendo ficción remítenos á realidade, escríbese desde a nostalxia (que tamén é ficiticia, ou cando menos non é a habitual), desde a melancolía, e desde aí chegamos á tenrura, mais tamén hai paixón, paixón amorosa-sexual e paixón política ou socialmente comprometida, alén da futbolística. Non é pouco. A poesía total.

                     E mesmo cabería falar da música, da participación da música. Que tamén está aí. Non é que se manifeste xustamente nos poemas ou preferentemente nos poemas. Xa está aí desde as palabras prelimares en que Mario Regueira nos presenta esta ficción poética. Mais, como temos intención de facer outra entrada coa banda sonora deste poemario, deixarémolo aí

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s