crítica de O VERÁN EN LUCENZA (Alberto Fortes, Xerais)

EN TEMPOS QUE FORON

Título: O verán en Lucenza

Autor: Alberto Fortes

Editorial: Xerais

“En tempos que foron” é a expresión galega correspondente á aquicoñecida expresión castelá (polo menos para @s que nos educaron na lingua mesetaria) “érase que se sera”. É dicir, é unha expresión para referirse a un tempo impreciso no que se supón que aconteceron cousas pasadas e difíciles de prescisar no tempo. Aquí empregámola a sabendas de que o relatado na novela de Alberto Fortes aconteceu na década dos anos 70 do pasado século. Para algúns/algunhas, que andamos ou xa sobrepasamos a cinquentena, os feitos nesta novela contados permanecen na nosa experiencia do vivido, se tivemos a sorte de vivir ese tempo na aldea, no rural. Porén, agora os tempos avanzan tan rápido, as cousas, as novidades técnicas, a forma de vivir muda tan ás présas que as novas xeracións (non digamos xa se son xeracións nacidas no século XXI) acantonaron nun lugar do esquezo aquilo que para nós era a forma de vida cotiá, ou é simplemente que esa forma de vida non lles foi transmitida por iso, porque os tempos avanzan que un/unha nin os dá seguido.

                     Se a alguén nov@ que merca o pan no súper, xa feito, ou ben só ten que metelo no forno eléctrico un tempo para que se coza, lles explicaramos todo o ritual para cocer o pan posibelmente se estrañaría. Dicirlles que primeiro hai que amasalo na artesa e darlle forma ás pezas, antes cóbrese a masa e déixase levedar, cóbrese, mentres tanto quéntase o forno con leña que previamente se foi procurar no monte, despois várrese o forno coa vasoira, lévase o pan e introdúcese no forno coa pá, e unha vez dentro ( xunto a moletes e algunha empanada ou inclusive algunha carne) déixase cocer un tempo (dependendo da quentura que levara o forno) para despois co amesma pá ilo retirando do frono e deixar que perda a calor que traía do forno. É como o lembro eu. Era unha festa que se repetía cada dúas semanas ou cada semana. Porén foi hai tanto tempo, hai xa tan pouca xente que siga facendo o pan na casa, que xa só queda nalgún lugar da nostalxia, un lugar caloroso, benquerido e especial da nostalxia do vivido.

                     Non é que calquera tempo pasado fora mellor. É certo que en calquera tempo pasado eramos máis nov@s e iso axuda moito. Porén si podemos dicir que, cando menos, era máis auténtico, era máis natural. E ben se ve na dura que tiñan aqueles pans e en como estes que mercamos súper bastante teñen con chegar a mañá.

                     Pois diso, desa memoria nostálxica dos anos setenta do pasado século, nunha parroquia chamada Lucenza (vaia, como o lugar no que eu me criei), onde xa chegara a electricidade mais aínda non os electrodométicos, onde o leite non se mercaba na tenda ou no súper, era recén muxido da vaca e íase por el nas caldeiretas, onde os cans aínda se chamaban Ney e os mistos eran máis frecuentes que os acendedores, dese tempo é do que escribe Albetrto Fortes nesta novela. En lugar do ritual de cocer o pan, o que aquí se nos relata é a experiencia da pesca, actividade lúdica fundamental mais tamén unha maneira de procurar comida, e cóntasenos como as troitas (agora sóltanas para que haxa pesca, daquela non cumpría, eran naturais) tiñan diferentes coloridos e formas dependendo do lugar do río onde se pescaran. E como se pescaban, pois non era o mesmo un día solleiro de verán no que non se move unha folla que un día de tronada que deixou as augas avoltas.

                     O tempo en que os víveres se gardaban en lacenas, a comida se facía en cociñas de ferro ( ou bilbaínas) e só cando había présa se usaban as de butano, e case sempre, en cada casa, había un cuarto “prohibido” , un cuarto no que non se entraba nunca, un cuarto secreto, como aquí hai. E os camiños aínda eran terreos e deseñados polas escorrentías da auga da chuvia, e as estradas eran poucas. Parece un tempo de pobreza, e non é que houbera precisamente folganza económica, mais había que comer e a froita era da horta e non do síper. Era un tempo máis natural, moito máis natural que o de hoxe. Aqueles veráns nos que a sega e a seitura ( e despois a malla) significaban momentos álxidos nos que a colaboración entre veciños era fundamental. Aquí non é que se fale moito delas, aperecen sega e seitura. Mais si se mentan outras cousas, como as festas patronais, que nas parroquias sempre había algún “lacazán” que só traballaba o xusto para vivir. E canda as festas, non esquezamos que o protagonista é un adolescente, ir procurar as canas das bombas de palenque que se botaban anunciando a festividade, canas que despois eran moi útiles na horta.

                     É esta unha prosa non só nostálxica, que xa o dixemos; unha prosa intimista, memorial, que nos devolve uns tempos que xa foron, mais que aínda habitan na memoria dos que os vivimos e lembramos con agarimo, coa calor do agarimo.

                     Por exemplo. Eran tempos onde había poucos autos e ás festas íase andando, e volvíase tamén. Logo chegaron os coches e remataron con aquelas viaxes a pé que eran inclusive máis divertidas que as propias festas.

                     Iso. Tempos que foron. Traídos a esta novela escrita con  paixón, con  nostalxia e coa pericia dun narrador sumamente eficiente. Mágoa de que a onomástica non sexa sempre galega.

                     Para a lembranza dos que os vivimos e ensinaza dos que non tiveron esa sorte.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s