o comentario de PEDRA, e a situación da poesía galega actual

Comenta PEDRA:

Ola. O da autotradución ou publicación en castelán como síntoma de falta de compromiso coa lingua, coa cultura galega, paréceme unha etiqueta inxusta. Onde nos deixa iso ás e aos que non podemos publicar en Galicia porque cada vez se publican menos libros, cando menos en poesía, e porén vemos como as editoras do estado español si nos abren as portas a publicar en formato bilingüe? Temos que renunciar á publicación das nosas obras para demostrar (a quen? por que?) o noso compromiso coa lingua?

Eu escribo en galego. Unicamente en galego. Narrativa e poesía. Coa narrativa nunca tiven problema en publicar en editoras galegas as poucas obras que escribín, pero coa poesía semella imposible. Nin presentándome a concursos (a única garantía de publicación en poesía hoxe en día), nin enviando o orixinal ás editoras. Porén, os meus dous poemarios foron ou serán publicados (un esta a piques de saír do prelo) por editoras de fóra, en bilingüe, sen o máis mínimo problema. Con absoluto respecto a miña condición de escritora en galego.

Non é unha cuestión de mercado. É unha cuestión de lectores. Escribimos para comunicar, e se a nosa cativa industria editorial non nos facilita esa comunicación, buscaremos acadala dende fóra; a través de textos editados no estado, si, mais coa ollada posta en Galicia. Ben consciente de que os meus lectores, de habelos, estarán aí.

Un saúdo.

……………………………………………

RESPOSTA: Primeiro aclarar que eu me refiro ás traducións ou autotraducións na NARRATIVA. É un feito que acontece, que me parece que ten un siginificado qu epode ser o que eu lle dou. Oxalá que non. Non quere dicir que eu estea contra as traducións. Nin moito menos. Porén cómpre deixar primeiro que se venda en galego, se non é xogar á contra. Como lle lin a Jaureguízar, creo, abren camiño para outros autores e autoras.

Despois de agradecerche o comentario, indicar que resulta moi significativo en canto pode reflectir o estado da poesía galega. Non hai dúbida da súa calidade, nin aquí nin fóra de aquí, por iso acollen ben a poesía galega, na miña opinión. Pero o teu comentario verbo da dificultade publicar poesía en galego pregúntome se non será síntoma dunha atomización da poesía galega a redor de pequenas editoriais, que traballan moi ben (iso é innegábel) mais que poden ser pouco accesíbeis a autores ou autoras nov@s e que polo tanto está fóra do circuíto.

Pode ser un síntoma tamén moi a ter en conta. Unha hipòtese sobre a que traballar.

Remato con algo que comentei con Uxía Casal Silva nas redes sociais: non esquezamos nunca que viaxamos no barco da literatura galega, cando o adxectivo deixe de ter importancia, cando só se faga literatura e a lingua sexa a galega por casualidade ( non se escolle onde se nace)…entón estaremos en perigo.

Creo que era Alfredo Conde ( un señor que escribe en galego de casualidade ) quen dicía que da literatura só agardaba poder gorentar unhas nécoras no Carretas… Eis un exemplo dun mal exemplo…

Un comentario sobre “o comentario de PEDRA, e a situación da poesía galega actual

  1. Na miña opinión, o problema non é tanto a autotradución coma a reescrita. Autocítome:

    Hai escritores, como Domingo Villar, autor de Ollos de auga (2006) e A praia dos
    afogados (2009) que non só publican a un tempo as súas obras en galego e castelán,
    senón que falan da autotradución coma dun proceso case simultáneo. “As dúas edicións medraron xuntas, ás veces en paralelo, ás veces contaminándose mutuamente.
    “Escribo en galego e logo traduzo”, explica Villar, “pero hai cousas que volven. Non
    sei se enriquezo ou estrago o orixinal, pero o proceso de reescrita acaba modificando a
    primeira versión.”

    Para Villar, “O lector máis profundo dunha obra literaria é o tradutor, e eu teño a sorte de poder compaxinar estas dúas olladas. Se a ninguén lle
    sorprende que un pintor mude o grafito polo óleo, non sei por que tería que sorprenderlle que un escritor manexe dúas linguas.”

    (…) contrasta coa despreocupación de Suso de Toro na autotradución de Ambulancia, na que “llegó a resucitar en la versión autotraducida (…)
    a un personaje que en el original gallego había muerto”, ou a daqueles autores, coma Alfredo Conde, que aproveitan a autotradución non só para corrixir, senón para
    reescribir, recoñecendo implicitamente que o orixinal en galego é só unha versión que
    non ten porque ser a definitiva, a traducible, a canónica.

    Para ilustrar a problemática entre autotradución e reescritura no que atinxe á obra de Conde, podemos acudir ao artigo de Tavani sobre a tradución ao italiano de Xa vai o
    Griffon no vento:

    “(…) quero referirme á autotradución, é dicir á tradución, feita polo propio autor, a unha lingua diferente da súa, e que en efecto non sería clasificable como verdadeira retradución, posto que representa máis ben unha modalidade «outra» da obra orixinal, coa cal comparte a
    paternidade e a dignidade da escrita, mais que aínda é, como calquera tradución, un obxecto
    literario diferente do texto de partida.”

    Segundo conta Tavani, cando despois de ler o Griffon lle propón a Conde a posibilidade de traducir o libro ao italiano, o escritor ofrécelle un exemplar da autotradución da obra ao castelán,

    “Daquela eu era apenas un aprendiz no oficio de galeguista, e ter a posibilidade de verificar a exactitude das miñas interpretacións —cotexando o texto galego cunha versión que para min nese momento era lingüisticamente máis accesible—, pareceume moi útil, e polo tanto dispúxenme a traballar contemporaneamente sobre as dúas versións, o orixinal galego e a tradución castelá que, sendo da autoría do propio Alfredo, era para min tamén un orixinal.”

    Mais o tradutor pronto abandona a lectura da versión en castelán, porque

    “(…) non soamente a lingua da versión castelá resultaba menos sintética, menos suxestivamente alusiva que a da versión galega, senón tamén porque o estilo orixinal de Alfredo —alén de ser moi connotado— amosa unha «galeguidade», se me admiten a
    expresión, que en parte se perde na forma castelá (…) decidín evitar o uso dese filtro
    adicional entre o autor e o lector italiano e intentar, na medida do posible, reproducir
    directamente ese recendo especial que se manifesta na narración e que chamei, non sei se acertadamente, «galeguidade»”.

    Tavani recoñece que de non ter lido con anterioridade o orixinal en galego, “non
    repararía na menor carga suxestiva do texto castelán, como sen dúbida non repararon
    nesa diferenza os lectores casteláns.” Mais non é só esa perda de ’galeguidade’ a
    diferenza máis evidente que Tavani atopa entre o orixinal e a autotradución:

    “(…) Alfredo, ao traducirse, muda, varía, transforma o texto galego, sexa por motivos
    lingüísticos determinados polas diferenzas estruturais dos dous idiomas, sexa por unha
    vontade aclaratoria cara ao lector alóglota ou cara a si mesmo, sexa por motivos estilísticos ou
    aínda porque si, porque a novela é súa e el ten o dereito de escribila como quere.”

    A cuestión é que esas reescritas mudan o suposto orixinal, que pasa de orixinal a borrador. Coma se o orixinal en galego fose un ensaio da obra real: a tradución ao castelán.

    Esaxero? Seguro que si. E de certo pérdeme a miña furia de conversa. Coma neofalante que son 🙂

    Neofalante contraditoria, porque eu mesma me autotraduzo ao castelán para poder publicar. Tentando evitar a tentación da reescrita, que sempre está aí.

    Me gusta

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s