crítica de O VIAXEIRO PERFECTO (Iván García Campos, Galaxia)

A NOVELA E A VIDA

Título: O viaxeiro perfecto

Autor: Iván García Campos

Editorial: Galaxia

A novela como campo de experimentación, análise e experimentación, para entender mellor a vida, non é nada novo. Todo o contrario, semella ir indisolubelmente xunguida a ela desde o mesmo momento en que se empeza a falar de novela ( ou romance, máis extendido, o termo novela é máis restrinxido, menos popular polo mundo adiante). Porén tamén resulta innegábel que, hoxe por hoxe, unha boa cantidade de xente, de lectores e lectoras potenciais, só queren entender por novela aquel texto escrito en prosa e cunha trama que os entretén e mantén en tensión até o remate. Ben, pois nestas, cómpre engadir que non sempre o entretemento ten que chegar a través dese tipo de tramas, que pode chegar a nós a través das reflexións que o/a autor/autora deixa no texto ou ben provoca en quen le.

                     Desde esta concepción é desde a cal se escribe O viaxeiro perfecto, nova entrega de Iván García Campos. A trama convencional é moi simple: un condutor de ambulancias (Mario) e un vello a piques de morrer (Raimundo) deciden botarse estrada adiante. É dicir, estamos diante dunha road movie, que xa non é un xénero novo na nosa narrativa aínda que non sexa dos máis habituais. Se non erramos a última que lemos foi Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, e se a lembramos é porque tamén ten un ancián como protagonista, igual que aquí Raimundo tamén é un ancián. E pouco máis engadiremos sobre a trama, só dicir que viaxan polo Norte e chegarán a París. Porque a París? Pois porque é a Cidade da Luz, interpretamos, e a luz é precisamente algo que os dous protagonistas van procurando nos seus diálogos e silencios. Alí chegarán  no seu Mini emprestado, mais a novela non remata aí, xa advertimos.

                     De maneira moi propositada a novela está escrita nunha prosa moi sinxela, moi atenta ( sobre todo no inicio) ás descrición, mais unha prosa moi sinxela, que foxe da complexidade sintáctica porque pretende precisamente que quen le se fixe no contido. Vaia, unha novela formalmente sinxela, mais de contido moi interesante. As reflexións que Raimundo (vestido como un redivivo Elvis Presley) e Mario comparten son ás veces moi próximas á anécdota curiosa, fundamentalmente cando Raimundo (unha personaxe culta) lembra diversas tribos e sociedades que os occidentais consideramos anticuadas porque non somos capaces de entendelos…aínda que esas sociedades ou tribos acheguen unha concepción da vida precisamente moi interesante por ser pouco común, e que significa unha luz distinta para alumar un camiño que nos semella tan coñecido (malia non ser certo, o camiño da vida nunca o coñecemos ben, nunca).

                     Non pode pasar por alto a concepción da vida como viaxe que propón Iván García Campos. Si, non é nada novo, xa se viu moitas veces. Mais non deixa de estar de actualidade. Non deixa nin deixará. É certo que, en xeral, lembra algún título da Nova Narrativa Galega, precisamente o que segundo algúns lle pon fin. Mais iso non deixa de ser unha casualidade forzada por procurar unha expresión sinxela. O que non se pode é falar de minimalismo expresivo, iso xa sería demasiado. E, certamente é unha novela de viaxes, mais non unha novela de viaxes ao uso. Paran en moitos sitios e non se pode dicir que descritivamente sexa pobre, mais tampouco explota esa veta narrativa, non cómpre desviar a atención lectora.

                     Presentada en catro partes de extensión desigual é preciso mentar a primeira parte, dun único capítulo mais na que se tematiza a necesidade de ver a vida con perspectiva. Ver a vida con perspectiva, que significa desfacernos das orelleiras que nos impón a nosa condición de europeos e occidentais. Por iso as múltiples referencias citadas, máis que curiosidades son auténticas necesidades narrativas nun discurso como este. Ao que cómpre engadir que a novela remata en Manaus, cidade brasileira que foi en tempos a máis importante do Brasil, e que vai significar un regreso ás orixes. Un regreso ás orixes para as personaxes e a necesidade dun regreso ás orixes para o lector ou lectora. Porén non queremos desvelar máis nada do remate. Un remate no que, iso si, non hai conclusión, non se chega a conclusións. As conclusións que as elabore quen le a partir do discurso lido. Un discurso que si deixou unha cousa clara: o viaxeiro perfecto é o que nunca chega á meta, é o que goza da viaxe sen impoñerse unha folla de ruta conclusiva, porque o importante é viaxar. Como o importante é vivir, de tal maneira que o pasado de Raimundo ten moito que ver na trama, e non tanto o de Mario, que non só é chofer, senón tamén amigo e coidador.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s