crítica de AS BICIS, de Xabier Cid, en Espiral Maior.

POEMARIO SOBRE A NADA OU SOBRE A VIDA

Título: As bicis

Autor: Xabier Cid

Editorial: Espiral Maior

Pódese escribir un poemario tendo como tema central “a nada”? É máis, pódense esccribir dous poemarios simultáneos tendo como tema central “a nada” ? Pois si. Xabier Cid, do que levabamos moito tempo sen saber, desde aquel Terá as túas balas, e que agora reside en Glasgow, demóstrao neste poemario que recibiu o XXI Premio de Poesía Concello de Carral.

                     En si é un poemario duplo e formalmente anovador. Por un lado está o  poema “normal”, que trata precisamente sobre a nada, e que a defende. E por outro lado, debaixo del, vese outro poema en letra máis pequena, máis descritivo que o que aparece no nivel superior cun tipo de letra normal. Iso supón un xogo co espazo en branco que enche o poema ( poemas, temos que dicir, en realidade), xogo que se mantén ao  longo do poemario. Non é que sexa precisamente un poemario onde este xogo co espazo en branco condicione en exceso. Non. Para nada. Mais si se nota ese xogo, ese aspecto lúdico, se se quer. Con discreción empregado, o que é de ter en conta, mais si se nota. E a este xogo espacial, claro está, temos que engadir o poema situado por debaixo, que non é accesorio ou circunstancial ( anecdótico), senón que, desde a súa pequeneza hai veces que chega a desprazar totalmente o poema superior. Chega a desprazalo tanto que se converte no único que hai, pois o poema superior desaparece por completo. E non é que suceda só unha vez, sucede varias veces. Tamén acontece ao revés, que haxa silencio, ou que desapareza o poema de abaixo.

                     Deica aquí referímonos ao aspecto lúdico que preside o poemario desde ese xogo espacial. Desde logo que non é nada que non sexa agardábel, pois o mesmo título fai referencia a un obxecto empregado fundamentalmente no tempo de lecer: as bicis. Si, no tempo de lecer, malia termos lido que para o autor mesmo foi un instrumento de traballo. E, se non, para el, si o é para outra moita xente. Ademais, tamén, non se pode esquecer, de ser medio de trasporte. Non tanto en xeografías montañosas, mais en xeografías chas, planas, é quizá o principal medio de transporte, pola súa utilidade, por ser económico e por non ser contaminante. Case se pode dicir que é o medio de transporte “ideal”.

                     Ben, deica o momento describimos sobre todo o aspecto formal do poemario. E fixemos mención do tema central: “a nada”. Convén entón engadir que se trata dun poemario no que se observa a vida desde a velocidade que permiten “as bicis”, entre 10 e 20 quilómetros hora, sen forzar especialmente e sen lacazanear o pedaleo. É unha maneira de observar a vida pasar, unha maneira moi peculiar, pois permite decatármonos mellor ca noutro medio de transporte do que imos vendo segundo avanzamos. Porén, malia iso, sempre é realidade que nos resulta fuxidía, pois pouco tempo temos de apreixala cando unha nova xorde diante de nós. De aí ese concepto da “nada”, como eixo central do poemario. Porén, tamén é certo que ese “nada” pode, e debe, deixar paso a outro tema que non é outro senón “a vida”. Resulta curioso comprobar como desde esa “nada”, que en principio parece o baleiro, un precipicio sobre o baleiro, algo tan restitivo, pasamos a algo moito máis complexo, e moito máis inclusivo, como é a vida. Nada menos que a vida.

                     Así que, ademais da defensa e interpretación desa “nada” que se dá sobre todo na parte superior  ( ou poema central se queremos), como unha maneira de liberación ( podemos interpretar) se cadra (porque non ter porque ser así) e en voz feminina (a voz poética en todo o poemario é unha voz feminina), non cómpre esquecer ou facer de menos (por iso de que vai nun espazo inferior e en letra máis pequena) o que acontece no nivel inferior, máis descritivo, e, dentro desa descrición, tamén interpretativo.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s