O ESTRANGULAMENTO DA LITERATURA GALEGA A MANS DO PARTIDO POPULAR

Antes de nada debe quedar claro que escribo isto a raíz da publicación no suplemento Sermos Galiza ( sábado 1-02-2020) da reportaxe de Héctor Pena titulada “As mil frontes do libro galego”. Os datos cos que vou elaborar este artigo saen de aí, e non existiría este artigo sen a reportaxe do devandito Héctor Pena. Que son uns datos que reflicten unha situación moi grave a meu ver; agardei, mais non vin eco ningún da devandita reportaxe. Parece que o que lle suceda á literatura galega, á industria literaria galega, é como a procesión dos caladiños, todo é resignación, ninguén abre a boca para nada.

Na reportaxe falan os editores. Xosé Ballesteros (XB), presidente da Asociación Galega de Editores (AGE); Henrique Alvarellos (HA), vicepresidente da AGE; Fran Alonso (FA), vogal da AGE; e Xoán Costa (XC), presidente de NÓS DIARIO.

………………………………………..

-Todo comezou, segundo a nosa reinterpretación das entrevistas, coa desaparicón de A NOSA TERRA (XB), ao que eu engadiría SOTELO BLANCO OU EVEREST, mesmo a emblemática ESPIRAL MAIOR o pasou moi mal. Como di XB “ estamos nun escenario de sálvese quen poida, e ás editoras galegas non lles quedou outra que “ achicarse” ou desaparecer.

Evidentemente isto non tería acontecido se os empregos perdidos con eses peches foran de Citroën, do naval, da industria téxtil, ou “da pesca” (HA) por poñer uns exemplos. Porén, falo de memoria, eu non lembro que ningún sindicato alzase a voz, por exemplo…

– A Xunta destina, dos seus orzamentos, “un 0,6 á cultura, cando todos os parámetros internacionais falan de que un 2% debe ser o mínimo” (HA)

-En Catalunya ou Eukal Herria teñen “ axudas á produción editorial” (XB) que aquí non existen. Axudas si hai para a tradución “ que normalmente van a empresas non galegas” (XB). E o máis grave destas axudas é que todas as ramas da industria as teñen (HA). Esta é unha queixa que reproduce Fran Alonso cando demanda que a Xunta debería ir da súa man, debería atendelos como mínimo, mais o certo é que NUNCA se reuníu con eles (XB). Máis que un Conselleiro de Cultura e Turismo ( salientado meu) deberiamos ter un Conselleiro de Xacobeo, Turismo e Gaiás…

-Este escenario é para o PP o ideal, porque así compiten a literatura galega coa castelá en igualdade de condicións. Opinión miña: mentira, a literatura castelá, coma calquera outra literatura, dunha maneira ou doutra si recibe axudas. Ademais de que non é en “igualdade de condicóns”. Non hai máis que ir ás librarías e ver o espazo que ocupa cada literatura.

-Héctor Pena lembra que a Asociación de Bibliotecarios de Galiza denunciou a NÓS DIARIO que as compras de libros se reduciron un 50%. Henrique Alvarellos engade que a cifra é superior: “Desde 2008 a axuda á adquisicón de novidades editoriais baixou en 80%”. REPETIMOS, UN 80%. En responsabilidade comprtida por Xunta e Goberno central. Fran Alonso engade tamén a responsabilidade dos concellos, porque a Xunta tramita”esas compras a través das bibliotecas” públicas, “pero hai concellos que non o fan, caso de Vigo”. O estado das biliotecas públicas, partillamos eu, que cada vez son menos, non deixa de ser absolutamente laméntábel, partindo de instalación ás veces moi inapropiadas deica chegar a unhas existencias de exemplares bastante ou moi desactualizada; poucas son as que se salvan. Claro, as bibliotecas públicas son un elemento democratizador da cultura, que non é precisamente un dos obxectivos do PP, máis ben o contrario.

-Tamén denuncia XB que a industria editorial galega non pode asistir a feiras internacionais (asunto clave, engado eu), non hai axudas, desapareceron ( engado eu, outra volta). Porén o que si hai é un stand da Xunta baixo o epígrafe Galicia é o bon camiño, con fotos do Camiño de Santiago; pero as editoras galegas “non podemos nin opinar”. A cultura está ao servizo do turismo, engade XB, que anteriormente denuciara como a Xunta, que é a que pon  os cartos cre que a cultura é súa por esa razón.

-Un dos nichos de mercado que aliviaban a situación editorial galega era o libro de texto, porén tamén a Xunta-PP o dinamitou. De maneira vergoñenta, trampulleira e indo a facer o maior dano posíbel (opinión miña). Fala Xoán Costa dos PDF fotocopiados. Fala Fran Alonso do proxecto DIXGAL, no que non se tivo en conta a industria editorial galega e Xunta-PP recorreu vergoñentamente a editoriais foráneas. Lembramos moi ben como foi todo, porque entón aínda estabamos en activo, como de repente as aulas se encheron de pizarras electrónicas, que non eran precisamente barateiras, porque dese xeito pretendían eliminar o libro de texto partindo da complicidade das familias: máis económicos os libros electrónicos, e menor peso para o alumnado. Por riba, denuncia FA,  Galiza é a única Comunidade que renova os libros cada seis anos.

Alén diso tamén se denuncia (XB, HA, FA) que a porcentaxe de negocio que representa o libro electrónico en galego é ridícula

-Tamén segundo FA, o 56% da poboación galega é lectora, mais só un 3,5% dese 56% é lector habitual en galego. E a Xunta-PP tan tranquilos, non existe promoción da lectura desde as institución, cousa que tamén se denuncia. Próelles o corpo só pensar niso

-Outro aspecto a denunciar (HA) é que (institucionalmente provocada) a a falsísima idea da gratuidade da cultura. A cultura debe ser de balde, igual ca os concertos e outras actividades

-Para non pasar por alto: XB lembra que falta literatura de peso, autorías que poidan chegar a ser clásicos, como Suso de Toro, Rivas ou Ferrín.

-Deixo para o remate unha das denuncias que me parece máis grave, porque me toca de cheo. XB fala da atomización da oferta ( cremos que se refire ás tiraxes editoriais á baixa) e tamén da ATOMIZACIÓN DA CRÍTICA. Algo que dá moito que pensar e no que non vou profundizar despois de que teña denunciado a suplantación da crítica pola apoloxía. Algo para pensar, no momento en que nunca tant@s crtítc@s houbo.

É máis, fala abertamente da “desaparicón da crítica”, con excepcións mais “dramática”.

Finalmente queremos lembrar que tamén se fala da Lei do Libro, que está aí, pola que tanto loitou Manolo Bragado, mais que é papel mollado, pois nunca se levou a cabo sequera parcialmente.

…………………………….

Só é a voz dos editores, unha parte do sistema literario galego, mais unha parte fundamental.

Con denuncias o suficientemente graves como para que a comunidade literaria galega comece DUNHA VEZ a facerse oír, que para a resignación dos caladiños xa chegan os polítcos do PP en Madrid e a Semana Santa. O que está a pasar co CDG ou ERREGUETE non vén máis que a confirmar esta situación.

E lembren, isto só é un eco da reportaxe antes referida. Para contrastar ou ampliar información a ela nos remitimos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s