crítica de CORTE E CONFECCIÓN, de Celia Díaz Núñez, en Galaxia.

RELATOS MOI BREVES, POSÍBEIS MICROCONTOS E A CONCEPCIÓN DO TEXTO COMO A ARTE DE CONFECCIONAR PRENDAS.

Título: Corte e confección

Autora: Celia Díaz Núñez

Editorial: Galaxia

O título destas liñas saíu como saíu, porque quizá deberamos comezar polo final. De feito, a concepción do texto como a arte de confeccionar prendas abre precisamente o libro. Non se trata de ningún relato, nin de ningún microconto, senón dun texto metanarrativo, no que se compara a confección de prendas de vestir coa confección do texto. Mataliteratura, en realidade, porque esta concepción tamén serve para a poesía ou o teatro, aínda que no libro se fala de “escribir unha historia” a nós parécenos claro que se poida entender de xeito extensivo.. Resumimos: o primiero é contar cunha “tea de calidade”, é dicir: “un argumento interesante con personaxes sólidas e ben definidas, unhas localizacións ben perfiladas e unha historia tenra, emotiva, emocionante, trepidante” Fixémonos ben nestes adxectivos, vai ser importante cando falemos do libro. Logo vén a patronaxe, é dicir: “a trama”, que debe ser intelixíbel e coherente para que todo teña sentido. Fixémonos outra volta, porque por aí andan opinións segundo as cales a verosimilitude é algo accesorio. E por último “ as puntadas”, as puntadas que son “ as palabras”. Unha reflexión moi acaída cando hai escritores que simplifican propositadamente a súa linguaxe; canto menos variadas sexan as puntadas menos posibilidades de confección existen, canto menos variada sexa a lingua menos posibilidades expresivas existen. Máis clara non pode ser Celia Díaz Núñez.

                     Aínda que a maioría dos exemplos que pon Celai Díaz se corresponden coa actividade do xastre, non cómpre esquecer nisto ás modistas, ou mesmo as costureiras, máis sacrificadas aínda coa súa máquina ao lombo cando cosían polas casas.

                     Porén este é un libro de relatos moi breves, e xa comentamso abondo a presentación, que é un discurso metaliterario mais non un relato. Trinta relatos moi breves, se neles non contamos o “Tutorial” derradeiro, que en realidade é un instructivo, un manual de instrucións. Os que si son relatos son os anteriores. Realtos moi breves, ás veces na fronteira do microconto (páxina e media de extensión, como moito). Acontece isto unhas oito veces, mais dicimos que son relatos (moi  breves) na fronteira, porque en realidade nunca son microcontos. Os microcontos, alén de non superar a extensión fixada, requiren un remate lostregueante que impacte decididamente no lector ou lectora e mesmo que @ obrigue a voltar a vista cara ao título e as primeiras palabras. E aquí non sucede. Son relatos climáticos, iso é certo, mais non pasan de aí, son relatos climáticos como tamén climáticos son os que superan a extensión da micronarrativa. Nin tampouco é micronarrativa o derradeiro texto, trátase dunha fórmula de moito éxito na micronarrativa, mais agora nin a extensión o permite.

                     Do resto de relatos moi breves, que son moitos aínda coa salvedade antes mentada, o libro caracterízase por dispoñer en primeiro lugar aqueles protagonizados por mulleres, tanto é así que, cando comezamos a súa lectura parecíanos estar diante dun libro que só ía ter protagonismo feminino. Mais non é así, os últimos once (se non contamos mal), en bloque, están protagonizados por homes, e antes xa atoparamos outros con outros protagonismos. Porén, malia iso, non nos cabe dúbida da querenza da autora por un protagonismo feminino que ademais denuncia diversas situacións polas cales a muller ten/tivo que pasar neste mundo. Desde a consideración da muller como “obxecto”, ao maltrato machista, a tradexia da Guerra (in)Civil, a prostitución, o comercio con seres humanos (mulleres), ou a vinganza (que obriga a supoñer un maltrato anterior). Por poñer algúns exemplos que guíen a unha posíbel lectura incitada pola temática.

                     E tampouco seriamos xustos se non dixeramos que tamén hai relatos que non os protagonizan nin muleres nin homes, senón animais, como antes apuntabamos.

                     Nin se remataramos sen indicar que Calia Díaz, a autora, se manexa especialmente ben neste tipo de relatos moi curtos. Sabe crear axiña a tensión que mantén ao lector ou lectora atento ao que se conta. E, logo, tamén resulta moi hábil rematando os textos de maneira climática, inagardada, sorpresiva. Non cabe dúbida de que é unha lectura moi aconsellábel.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s