crítica de O MAL QUERER, de Natalia Carou, en Baía Edicións

RETRATO SOCIAL DURO, SEN CONCESIÓNS

Título: O mal querer

Autora: Natalia Carou

Editorial. Baía Edicións

Hai títulos que resultan redondos, que atraen de tal maneira que nin sequera pensamos en ler algún adianto temático na información editorial. Como este de Natalia Carou, un óllao e dificilmente pode resistirse a encetar a súa lectura. Soa un pouco a bolero, ou a tango, e, sen dúbida a sentenza popular, esas sentenzas que o saber do pobo emite con toda rotundidade e, sen necesitar demostración, resultan irrefutábeis porque se trata da aplicación a un caso ( ou varios ) de toda unha historia de experiencias similares que inducen á sentenza en cuestión. Porén, deixemos xa o título, fermoso e duro, e indiquemos que esta novela que gañou a 2ª edición do Premio Vilar Ponte de Novela do concello de Viveiro. E internémonos un chisco na trama, digamos algo da trama por se algún lector ou lectora se guía destes datos para escoller lectura.

                     Cibrán Ulloa é un rapaz de dezaseis anos que ingresa nun Centro de Menores acusado dun grave delito comtetido contra un compañeiro. Cibrán é fillo dunha coñecida familia con moito poder económico e ascendencia social. Ten todo o que, materialmente, puidera desexar, até un barco. Malia todo trocaríase por calquera outro, se puider. E ao centro chega unha psicóloga coa finalidade de elaborar un informe pericial. Da súa man o lector ou lectora descubrirá que non todo é o que parece. E que no fondo se agocha unha historia dura, moi dura, que o título resume moi axeitadamente.

                     É importante este adianto da trama, porque a novela de Natalia Carou gaña ao lector ou lectora precisamente porque constrúe unha trama complexa e moi ben argallada. Como dixemos, dura, sen concesións, e sen por iso deixar de ser un discurso realista. Un discurso realista que afonda no que non vemos malia acontecer a redor de nós, no que agacha o ouropel dunha situación económica máis que desafogada, ou o prestixio dos proxenitores de Cibrán. É dicir, na dura (outra vez) realidade que a rapazada dos institutos chega vivir día a día sen que ninguén, agás o propio alumnado ( e tampouco todo), se decate. O xurado salientou a violencia (que non abandona nunca as súas páxinas), e é certo. Así como o machismo, ou o maltrato, manifestado en acoso escolar, no que se vén chamando bullyng, mais non só porque tamén hai maltrato dentro da familia, un maltrato que (outra vez) o título define perfectamente. E tamén está presente o mundo da droga, moi presente. Así como a  manipulación e  presencia de poderes fácticos, da influencia socioeconómica como algo contra o que non é nada doado loitar. E tamén o desamor. O mal querer.

                     A novela, malia contar con protagonistas adultos, é unha novela desas que adoitan ser recomendadas para a rapazada, para que se conciencien do que están vivindo, do que acontece ou pode acontece ao seu redor, e o denuncien. Porén, vén editada en colección para adultos, pois por algo gañou un premio para adultos. E resulta moi recomendábel que a lean os adultos porque xeralmente son aboslutos decoñecedores da realidade que viven os rapaces nos centros de ensino. Alén diso, na novela de Natalia Carou non só os alumnos agochan situacións dramáticas, senón que tamén os adultos as padecen. E non é que a autora retorcera habilidosamente a trama, deica levala a eses extremos. Non, a naturalidade coa que se presentan todos eses fenómenos non é cuestionábel, para nada.

                     Nestas, estamos falando dunha novela, dun discurso onde a administración da información é un dos aspectos máis salientábeis. Así como a concepción dunha trama tan complexa que non deixa indiferente a quen le. Porén, nesta mesma administración da información, tamén hai cousas que renxen. Por exemplo os informes que a psicóloga vai realizando e salfiren o discurso, non achegan nada novo, só serven como recordatorio e impiden que a trama evolucione con toda a forza que ten.

                     Ao seu carón, tamén a lingua resulta mellorábel, se cadra porque tamén é moi mellorábel a revisión efectuada antes da publicación. Lembramos por exemplo o uso de si como partícula condicional (en lugar de “se”), a inestabilidade do pronome persoal átono (non só no uso de te/che, mais tamén a súa inxustificada presencia tas pausa) ou mesmo as contraccións de preposición e demostrativo…

                     A conclusión final á que chegamos é que o de Natalia Carou é un nome a ter en conta no futuro. Aí hai madeira de narradora. Deámoslle tempo e seguro que nos proporcionará traballos moi salientábeis.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s